Luis Suárez Miramontes, nado na Coruña o 2 de maio de 1935 e falecido en Milán o 9 de xullo de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego. Alcumado "o arquitecto", xogaba de centrocampista e está considerado por moitos o mellor futbolista galego da historia e un dos mellores futbolistas do século XX. En 1960 converteuse no primeiro xogador nado na Península Ibérica en gañar un Balón de Ouro.
Comezou a xogar ao fútbol no seu barrio natal de Monte Alto e na praia de Santo Amaro e en 1949 entrou a formar parte da nova canteira do Deportivo da Coruña, a chamada Escola Scopelli, creada ese mesmo ano co impulso de Alejandro Scopelli. Mediada a tempada 1953/54 debutou co primeiro equipo na Primeira División e fíxose rapidamente coa titularidade, nun equipo no que xogaban entre outros Oswaldo, Moll, Pahiño e Arsenio. As súas boas actuacións espertaron o interese do FC Barcelona, que o fichou xa antes do remate da tempada.
Xogou sete anos no Barcelona, co que gañou dúas ligas, dúas Copas do Xeneralísimo, e dúas Copas de Feiras, e destacou especialmente durante a etapa na que o adestrador foi o arxentino Helenio Herrera, que lle deu preferencia por diante do ídolo da afección, Kubala, o que provocou unha división entre "kubalistas" e "suaristas". Foi nesta época cando gañou o Balón de Ouro, superando nas votacións a Puskás e Seeler.
Trala marcha de Herrera ao Inter de Milán, o arxentino pediu a fichaxe de Suárez, que finalmente foi traspasado en 1961 por uns 25 millóns de pesetas, sendo no seu momento o traspaso máis caro da historia. Baixo a batuta de Herrera foi peza fundamental do chamado "Grande Inter", que con xogadores como Facchetti ou Mazzola, dominou o fútbol italiano e europeo nos seguintes anos, gañando tres ligas, dúas Copas de Europa e dúas Copas Intercontinentais. Despois de nove tempadas e máis de 300 partidos co equipo lombardo, fichou en 1970 pola Sampdoria, coa que xogou tres anos antes da súa retirada.
Foi 32 veces internacional coa selección española, coa que marcou 14 goles. Disputou os Mundiais de 1962 e 1966 e foi un dos futbolistas máis destacados durante a Eurocopa de 1964, onde España conseguiu o seu primeiro título despois de derrotar na final á Unión Soviética de Lev Iashin.
Despois de colgar as botas tivo unha carreira como adestrador, con menos éxito. Adestrou varios equipos italianos, entre eles o Inter de Milán, e dirixiu o Deportivo da Coruña na tempada 1978/79, salvándoo do descenso á Segunda División B. Tras varios anos na Federación Española dirixindo as categorías inferiores, en 1988 converteuse no adestrador da selección española, posto que ocupou ata 1991. Comandou a España no Mundial de 1990 en Italia, onde acadou os oitavos de final, sendo eliminado por Iugoslavia.
Traxectoria
Orixe e infancia
Naceu na avenida de Hércules do barrio coruñés de Monte Alto, onde os seus pais, María Miramontes Naveira e Agustín Suárez López, rexentaban unha carnizaría. Interesouse dende neno polo fútbol, deporte que tamén practicaban os seus dous irmáns máis vellos, José e Agustín. Comezou xogando nas rúas do barrio e na praia de Santo Amaro, e o seu primeiro equipo foi o Perseverancia, equipo da parroquia de Santo Tomé onde xogaba con varios amigos, entre eles Antonio Bouza.
Deportivo da Coruña
"Escola Scopelli" En 1949, Alejandro Scopelli, adestrador do Deportivo da Coruña, impulsou a creación da canteira do club coa chamada "Escola Scopelli", e fixo un chamamento aos mozos da cidade para a formación dun equipo. Acudiron ás probas Luis Suárez e o resto do equipo Perseverancia, xunto a varios centos de rapaces máis, entre eles Fifé del Río ou o futuro presidente do goberno, Adolfo Suárez.
Luis Suárez foi un dos elixidos e participou co novo equipo na Serie A Rexional, e dende a 1950/51 tamén na Copa de España, a primeira competición oficial deste tipo.
Cesión ao Fabril En setembro de 1953 fichou xunto a Boedo polo Fabril, que non era aínda filial do Deportivo. Con todo, ao mes seguinte asinou un contrato profesional co Deportivo por cinco tempadas. Volveu cedido ao Fabril, co que conquistou en novembro o Campionato Galego de Afeccionados, despois de derrotar na final o Turista.
Primeiro equipo O 6 de decembro debutou co primeiro equipo do Deportivo na Primeira División, na xornada 12 contra o FC Barcelona no campo de les Corts. O adestrador Carlos Iturraspe aliñouno no lugar de Dagoberto Moll. O partido acabou cunha goleada barcelonista por 6–1, pero Suárez realizou unha grande actuación, deulle a asistencia a Pahiño no único gol galego e foi aplaudido polo estadio barcelonés, xunto ao ídolo local, Kubala. O seu primeiro gol como deportivista chegou dúas xornadas máis tarde, anotando o único tanto do seu equipo nunha nova derrota a domicilio, esta vez contra a Real Sociedad no Estadio de Atotxa (4–1). Anotou tras recibir un pase de Moll e lanzar un disparo dende a liña da área que bateu o gardameta Juan Bagur. Disputou 17 encontros co Deportivo no que restaba de tempada, acadando a sétima praza final na liga 1953/54, nun equipo no que xogaban entre outros Acuña, Oswaldo, Moll, Cuenca, Corcuera, Pahiño e Arsenio.
FC Barcelona
Debut e etapa no España Industrial A finais de marzo de 1954, antes do remate da tempada, coñeceuse a súa fichaxe mais a de Moll polo FC Barcelona. Completou a liga co Deportivo e a continuación pasou a integrar as filas do equipo catalán, co que debutou xa en maio na Copa do Xeneralísimo. O seu debut co equipo adestrado polo checoslovaco Ferdinand Daučík produciuse precisamente contra o Deportivo, no partido de ida dos oitavos de final, onde lle deu a asistencia a César no segundo dos catro goles do seu equipo (4-0). A pesar de perder no partido de volta en Riazor por 3-0, o Barcelona clasificouse para a seguinte rolda e eliminou a continuación o Athletic en cuartos e o Real Madrid nas semifinais, xogando Suárez todos os encontros. O 20 de xuño disputou no Estadio de Chamartín a súa primeira final de Copa, contra o Valencia adestrado por Jacinto Quincoces. O resultado foi de 3-0 para o equipo valenciano, con dous goles de Fuertes e un de Badenes.
Na tempada 1954/55 alternou o Barcelona co seu filial, o España Industrial, que militaba naquel entón na Segunda División, e co que disputou oito partidos, marcando sete goles. Marcou o seu primeiro gol co Barça na xornada 17 de liga fronte ao Alavés en Les Corts, cun disparo arqueado que sorprendeu o gardameta guipuscoano Javier Berasaluce. O seu balance co primeiro equipo na liga foi de seis partidos e tres goles, acabando subcampión por detrás do Real Madrid de Di Stéfano, Gento e Rial. Na Copa disputou só un encontro, nos cuartos de final contra o Deportivo en Riazor, igualando na segunda parte o gol inicial de Arias, cun forte disparo dende fóra da área que bateu a Acuña (1-1).
Asentamento e consagración Na tempada 1955/56 o húngaro Ferenc Plattkó substituíu a Sandro Puppo no banco barcelonista e Suárez asentouse no equipo. Disputou 19 encontros e marcou cinco goles, quedando de novo subcampión de liga, esta vez por detrás do Athletic, que conseguiu un punto máis que o equipo catalán.
A tempada 1956/57 foi a da súa consagración no Barcelona. Na terceira xornada de liga anotoulle catro goles ao Atlético de Madrid, cuxa portería defendía o porteiro galego Manuel Pazos, nun partido que rematou 7-3. A continuación marcou tamén nas tres seguintes xornadas, contra Jaén, Deportivo da Coruña e Athletic, e na xornada 10 marcou o gol da vitoria pola mínima contra o Real Madrid en Les Corts. Na segunda volta marcoulle dous goles máis ao Jaén, outro ao Celta de Vigo en Balaídos e dous máis ao Condal. Con todo, o grande éxito do equipo de Domènec Balmanya esa tempada chegou na Copa do Xeneralísimo, que conquistou tras realizar grandes goleadas en case todos os partidos. Suárez perdeu a maioría dos partidos por unha lesión xogando coa selección española, polo que disputou só dous encontros de dita edición da Copa, un deles o histórico 8-1 contra o Atlético de Madrid no que Eulogio Martínez marcou sete goles.
Na 1957/58 xogou só 12 partidos de liga e marcou dous goles, nunha convulsa tempada na que perdeu sete xornadas por dúas sancións e na que o adestrador Balmanya foi despedido antes do remate da competición. O seu substituto foi o arxentino Helenio Herrera, que convertería a Suárez nun piar dos seus equipos na seguinte década.
Gloria con Helenio Herrera esquerda|miniatura|Luis Suárez durante a súa etapa no FC Barcelona. Só uns días despois da chegada de Herrera ao banco, o equipo gañou a primeira edición da Copa de Feiras despois de dous anos e medio de competición, ao vencer na final a unha selección de xogadores de Londres, con dous goles de Suárez no partido de volta.
Helenio Herrera deulle preferencia a Suárez por diante do ídolo da afección, László Kubala, o que provocou unha forte división na afección entre "suaristas" e "kubalistas". Na tempada 1958/59 gañou a súa primeira liga, despois de perder só tres partidos en toda a tempada. Disputou case todos os encontros da competición e marcou 14 goles. Xogou todos os partidos da Copa do Xeneralísimo, na que o seu equipo eliminou o Murcia en dezaseisavos de final, o Sporting de Gijón en oitavos e o Betis en cuartos. Nas semifinais contra o Real Madrid Suárez marcou dous goles na ida (2-4) e outros dous na volta (3-1), alcanzando así unha nova final, na que o seu rival foi o Granada. No derradeiro partido, Suárez e Kocsis lideraron no campo o equipo catalán, que fixo catro goles, mentres que o Granada conseguiu só un tanto, obra de Arsenio.
O 3 de setembro de 1959 entrou na historia do FC Barcelona ao ser un dos once homes que disputaron o primeiro encontro do club na Copa de Europa, no Estadio Vasil Levski de Sofía contra o CDNA búlgaro (hoxe CSKA). Suárez foi o autor das asistencias nos dous goles do equipo, que remataron ás redes Segarra e Eulogio Martínez. O seu primeiro gol na máxima competición continental chegou dous meses despois, na ida dos oitavos de final contra o Milán en San Siro, onde anotou o primeiro dos dous goles do Barça. Tras eliminar o equipo italiano fixeron o propio co Wolverhampton en cuartos de final, pero caeron en semifinais co Real Madrid.
Onde o equipo de Helenio Herrera si conseguiu superar o equipo branco foi no campionato doméstico, gañando a súa segunda liga consecutiva. Suárez foi autor de 13 goles, destacando un triplete na vitoria por 0-8 contra o Las Palmas. Gañou ademais a segunda edición da Copa de Feiras, aínda que non puido participar en ningún dos dous partidos da final por unha lesión.
Balón de Ouro e final de Berna