O San Simón é un queixo DO galego elaborado con leite de vaca e cunha forma característica intermedia entre un trompo e unha bala, terminando a súa parte superior en pico. Elabórase principalmente nos concellos lucenses que forman a comarca da Terra Chá.
Caracterízase pola súa textura fina, graxa, semidura, semielástica e densa, a súa cor entre branca e amarela, e o seu aroma e sabor afumado. No ano 2006 a produción de queixo de San Simón acadou as 400.000 pezas, un 30 por cento das cales se exportaron ao resto de España ou ao estranxeiro. O queixo de San Simón pode atoparse en mercados de toda Europa, pero tamén en países como o Xapón e os Estados Unidos. Actualmente a súa produción estase a incrementar a un ritmo do 10-15% anual.O éxito do queixo de San Simón no Salón de Gourmets non sorprende a ninguén
Historia A mención máis antiga documentada do queixo San Simón é de 1857 nun artigo publicado no periódico La Aurora del Miño, co gallo da participación da provincia de Lugo na exposición estatal na madrileña montaña de Príncipe Pío con produtos locais.
No 2017 promúlgase o regulamento da D.O.P.Orde do 15 de febreiro de 2017 pola que se aproba o Regulamento da denominación de orixe protexida San Simón da Costa e do seu Consello Regulador. www.xunta.gal..
Marco xeográfico A zona de produción do leite apto para a elaboración dos queixos amparados pola D.O. San Simón da Costa, está constituída polas parroquias de San Simón da Costa, Samarugo, Vilapedre e o barrio de Moreda da parroquia de San Martiño de Lanzós, pertencentes ao concello de Vilalba, así como as parroquias da Balsa e O Viveiró do concello de Muras.
Tipos de queixo O queixo de San Simón é graxo, de pasta semidura, semielástica e preta, codia afumada, elaborado exclusivamente con leite de vacas saneadas, das razas rubia galega, pardo-alpina, frisoa e os seus cruzamentos, que será enteiro, limpo, sen costros, nin conservantes, e cunha composición equilibrada de graxa e proteínas. O queixo San Simón da Costa comercializarase tras un período de maduración de sesenta días, procedendo ao finalizar este á súa afumadura, para o que se utiliza madeira de bidueiro.
A súa forma é intermedia entre buxaina e bala, rematado na súa parte superior en mamila. A súa elaboración é tanto artesanal como industrial.
A comercialización pode facerse en dous tamaños diferentes: "ordinario" e "bufón". A diferenza só está nas medidas das pezas:
Queixo ordinario: Altura 13 – 18 cm Peso ó final do período de maduración 0,8 – 1,5 kg Queixo bufón: Altura 9 – 12 cm Peso ó final do período de maduración 0,150 – 0,350 kg
Características organolépticas A codia é inelástica, dura, de 1–3 mm de grosor, cor amarela-ocre e algo graxenta.
A textura da pasta é fina, graxa, semidura, semielástica e preta de cor entre branca e amarela, suave ó corte, con aroma e sabor característicos. Terá un número de ollos non elevado, de forma redondeada e/ou irregular de tamaño variable, non superior a medio chícharo.
Produtores autorizados
Crisanto S.A.T. (Vilalba) Daniberto S.A.T. Vilalba) Lácteos Lorán S.L. (Abadín) Leitigal S.L. (Castro de Rei) Queixería As Fontelas (Vilalba) Queixería Cas Leiras S.L. (Vilalba) Queixería Catadoiro (Vilalba) Queixería Don Gabino (Vilalba) Queixería Prestes S.L. (Vilalba) Queixería Valado (Vilalba)
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lista de queixos do mundo Denominacións de orixe de Galicia
Ligazóns externas CRDOP San Simón da Costa
Categoría:Queixos de Galicia