José López Rodríguez, nado en Valdoviño o 22 de marzo de 1942, é un exfutbolista e adestrador de fútbol galego. Xogaba de centrocampista e defensa. Despois de xogar no Racing de Ferrol e no Celta de Vigo emprendeu un periplo por numerosos equipos da xeografía española. En Primeira División xogou co Espanyol, o Granada e o Murcia, destacando especialmente neste último, do que foi capitán e co que ascendeu dende Terceira á máxima categoría.
Como adestrador dirixiu a numerosos equipos galegos, entre eles o Fabril, o Deportivo da Coruña, o Racing de Ferrol, o Compostela ou o Pontevedra. É o segundo adestrador con máis partidos oficiais na historia do Racing de Ferrol, ao que adestrou en catro etapas diferentes.
Traxectoria
Como futbolista Formouse nas canteiras do Arsenal de Ferrol e do Racing de Ferrol, subindo ao primeiro equipo deste último, que xogaba daquela en Terceira División. En agosto de 1964 fichou polo Celta de Vigo, de Segunda División, a cambio da cesión de Polito, que pasou a xogar no Racing. Naquela época xogaba no centro do campo, como medio volante.
Debutou co Celta no primeiro partido da tempada 1964/65 contra o Osasuna, e marcou o gol da vitoria (1-0). Foi o seu único gol co Celta, onde só permaneceu unha tempada.
A continuación xogou no Melilla e no Europa, ambos de Segunda, e en febreiro de 1968 fichouno o Espanyol de Jenő Kalmár, para suplir as baixas do equipo. Debutou en Primeira División o 11 de febreiro de 1968 nun partido contra o Club Deportivo Málaga na Rosaleda. Xogou no club barcelonés tamén na tempada 1968/69, na que o equipo acabou descendendo a Segunda.
Durante as tempadas 1969/70 e 1970/71 militou no Granada, tamén Primeira, co que disputou 59 encontros, anotando dous goles. En 1971 fichou polo Murcia, onde atrasou a súa posición ata a defensa, converteuse en capitán e logrou dous ascensos consecutivos ata a Primeira División. Tras pasar polo Sant Andreu na tempada 1974/75 regresou como secretario técnico ao Murcia, que estaba de novo en Segunda. A mala marcha do equipo fixo que os dirixentes do club lle pedisen que volvese vestir a camiseta do equipo, polo que disputou aínda 11 encontros máis en 1976.
Como adestrador En xullo de 1976 volveu a Galicia, converténdose no novo adestrador do Fabril, que xogaba na Serie A. Baixo o seu mando o equipo logrou o ascenso á Terceira División, despois de rematar como campión. Ademais, en marzo e abril de 1977 adestrou durante tres xornadas o Deportivo da Coruña, substituíndo a Cheché Martín, que tiña problemas de saúde, e que á súa vez substituíra ao tamén enfermo Héctor Rial. Os tres partidos acabaron en derrota e foi substituído por Juan Arza, volvendo a continuación ao Fabril, ao que adestrou ata o verán de 1978.
Na tempada 1978/79 debutou no banco do Racing de Ferrol no seu retorno á Segunda División, mais foi deposto tras a novena xornada, despois dos malos resultados (4 empates e 5 derrotas). Foi o primeiro dos catro adestradores do Racing esa tempada, indo tras el sucesivamente Gerardo Molina, Jesús Moreno Manzaneque e Otto Bumbel. O equipo acabou último e descendeu a Terceira.
En marzo de 1979 incorporouse ao Lugo como secretario técnico, e dirixiu o equipo nun encontro da liga de Segunda B contra o Tenerife, desvinculándose do club despois de dito partido. En xuño asinou contrato como novo adestrador da SD Compostela. Conseguiu na súa primeira tempada o ascenso á Segunda División B, categoría na que adestrou ao club santiagués dúas tempadas máis.
Na tempada 1982/83 dirixiu o Pontevedra en Terceira. O equipo proclamouse campión do seu grupo pero caeu na primeira rolda da fase de ascenso contra o Eibar. En 1984 volveu ao Racing de Ferrol, que acababa de descender a Terceira. Estivo á fronte do equipo verde dúas campañas, quedando na primeira delas terceiro e oitavo na seguinte. En 1986 pasou ao CD Lalín, en Terceira, onde estivo unha tempada, fichando a continuación polo CD As Pontes, de Segunda B.
Despois de dúas tempadas nas Pontes, regresou ao Racing de Ferrol para a 1989/90 de Segunda B. Os malos resultados fixeron que o equipo se xogase a permanencia na derradeira xornada fronte ao Leganés. O equipo madrileño marcoulle 7 goles aos ferroláns nun duro partido que acabou con tres xogadores verdes expulsados (Buyo, Toño Rivas e Javi) e co partido suspendido no minuto 77 despois dunha batalla campal. Tras o descenso foi substituído no banco por Cholo Pardo, e asinou contrato coa SD Burela, á que adestrou durante dúas tempadas en Terceira, estando a piques de entrar na promoción de ascenso a Segunda B na primeira delas. Na tempada 1992/93 adestrou por segunda vez ao CD As Pontes, co que acabou descendendo a Terceira.
En novembro de 1993 púxose por cuarta vez á fronte do Racing de Ferrol, despois da destitución de Fernando Vázquez. Colleu o equipo na oitava posición e deixouno ao remate da tempada na 13ª, momento no que presentou a súa dimisión. Durante as súas catro etapas como adestrador no Racing converteuse no técnico que máis encontros oficiais dirixiu na historia do club, sendo superado xa no século XXI por Luis César Sampedro. Na tempada 1994/95 dirixiu por segunda vez a SD Burela, na Terceira División, e aínda volveu por terceira vez en febreiro de 1996, permanecendo tres meses á fronte do equipo, ao que non puido salvar do descenso á Rexional Preferente.
En xaneiro de 2004 substituíu a Petete no banco do Xove Lago, na Terceira División, descendendo ao remate da tempada. Comezou a seguinte tempada no club pero deixouno en outubro.
Palmarés Real Murcia
Segunda división (1): 1972/73.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do adestrador en bdfutbol.com
Categoría:Nados en 1942 Categoría:Nados en Valdoviño Categoría:Futbolistas da provincia da Coruña Categoría:Defensas de fútbol Categoría:Xogadores do Racing de Ferrol Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do Melilla CF Categoría:Xogadores do CE Europa Categoría:Xogadores do RCD Espanyol Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do Real Murcia Categoría:Xogadores do UE Sant Andreu Categoría:Adestradores de fútbol de Galicia Categoría:Adestradores do Deportivo Fabril Categoría:Adestradores do Deportivo da Coruña Categoría:Adestradores do Racing de Ferrol Categoría:Adestradores do CD Lugo Categoría:Adestradores da SD Compostela Categoría:Adestradores do Pontevedra CF Categoría:Adestradores do CD Lalín Categoría:Adestradores do CD As Pontes Categoría:Adestradores da SD Burela Categoría:Adestradores da UD Xove Lago