miniatura|Peugeot 306 Kit Car de Senra.

Manuel Senra Caamaño, nado en Olveira (Dumbría) o 24 de xaneiro de 1961, tamén coñecido como Tarolo,"Senra busca enemigo" , artigo en La Voz de Galicia, 17 de marzo de 2004. é un piloto galego de rallys.

É un dos pilotos máis laureados de Galicia e un dos máis queridos pola afección, debido en gran parte á espectacularidade do seu estilo de condución. Gañou cinco veces o Campionato de Galicia de Rally (de xeito consecutivo entre 2001 e 2005), seis veces o Campionato de Galicia de Montaña (en 1997, 2014, 2015, 2017, 2019 e 2022) e dúas veces o Campionato de Galicia de Rallys en Terra (1993 e 1994). Obtivo a maioría de vitorias co seu emblemático Peugeot 306 Maxi.

É pai de Víctor Senra, tamén piloto de rally e nove veces campión de Galicia.

Traxectoria

Inicios en competición (1985-1996) Naceu o 24 de xaneiro de 1961 en Olveira (Dumbría), no seo dunha familia pobre de campesiños. Con 15 anos xa traballaba nun taller da Picota, arranxando remolques de tractores, e con 16 marchou cun veciño para unha empresa de Miranda de Ebro, onde foi pinche, mecánico e chofer. Con 16 anos e antes de ter carné de conducir, comprou o seu primeiro coche, un Austin Victoria, e ao ano seguinte mercou un Seat 1200 Sport. Aos 18 anos foi enviado a Libia, onde traballou reparando motores da Volkswagen, cobrando un salario altísimo para a época (380.000 pesetas mensuais).

De regreso en Galicia, en 1980 montou un pequeno taller de coches en Olveira e uns anos despois comezou a competir en karts e logo en rallys coa Escudería Compostela e cun Renault 5 GT Turbo que comprou a medias con varios amigos. Debutou no Rally de Ferrol de 1985, tendo como copiloto a Pepe Maceiras, que o acompañaría durante os seguintes 10 anos, e chegando á meta en oitava posición.

Ao ano seguinte quedou décimo no Rally Botafumeiro e noveno no Critérium Calvo e comezou a disputar tamén carreiras de montaña en Galicia, Asturias e Portugal, como a Subida a Carballo. En 1987 conseguiu subir ao podio no Botafumeiro, quedando terceiro co Renault 5 por detrás de Marc Etchebers e Germán Castrillón. Quedou ademais cuarto no Rally de Noia e no de Ferrol, quinto no Cidade de Cristal e sétimo no Lacón, e rematou cuarto o campionato galego.

Repetiu terceiro posto no Botafumeiro de 1988, nunha tempada na que tamén quedou terceiro nos rallys de Vigo, Cidade de Cristal e A Coruña, e segundo no Rally de Noia, e na que liderou o campionato durante gran parte do ano, rematando finalmente terceiro. En 1989 continuou con bos resultados no campionato galego, proclamándose campión da Copa Renault. Ademais dos seus éxitos individuais, o título de escudarías foi para Senra Sport, o equipo que el mesmo fundara pouco antes, e que revalidaría o título nas tres tempadas seguintes.

En 1990 pasou a correr cun Peugeot 205 GTI, co que disputou o galego de asfalto, logrando tres segundos postos, e debutou no Campionato de Galicia de Rallys de Terra, participando nas dúas últimas probas, o Rally de Narón e o Rally de Caldas, logrando a vitoria en ambas. Foi un dos pilotos protagonistas deste campionato nos seguintes anos, tendo entre os seus principais rivais a Andrés González, José Caamaño, Ana Barbero, José Alonso ou Marco Antonio Fernández. En 1991 logrou a súa primeira vitoria en asfalto, tras vencer co 205 no 4º Rally de Vigo, por diante de Javier Piñeiro e Antonio Garrido.

En 1992 logrou tres vitorias no campionato galego de asfalto sobre un Peugeot 309 GTI (no Albariño, Lacón e no Mil Vistas, organizado pola súa propia escudaría), e proclamouse subcampión, por detrás de Germán Castrillón. Proclamouse campión galego de terra na tempada 1993 co Peugeot 205 e revalidou o título co mesmo coche en 1994, a pesar do accidente sufrido en abril dese ano no Rally de Noia, onde bateu contra un muro no treito de Montemuíño, tendo que ser evacuado ao hospital en helicóptero con dúas costelas rotas. Neses anos conseguiu gañar tres veces consecutivas o Rally de Narón, por aquel entón un rally de terra.

Rivalidade con Castrillón (1995-2000) En 1995 adquiriu un Peugeot 306 Kit Car, co que participou en xuño dese ano na Subida a Culleredo. Conseguiu na primeira manga o mellor tempo entre os turismos, pero na segunda sufriu golpeando fortemente o seu vehículo. En agosto, co mesmo coche, obtivo unha vitoria entre os vehículos do grupo A na derradeira proba do Campionato de Europa de Montaña, celebrada en Suíza. Ao mes seguinte gañou o Rally de Porriño co 205, por diante de José Ramón Esturao e José Caamaño. En 1997 proclamouse con este coche campión de Galicia de Montaña por primeira vez. Con Faustino Suárez de copiloto gañou o Rally de Ferrol de 1998 e endureceu a súa rivalidade deportiva con Germán Castrillón, iniciada anos atrás. En 1999 gañou o Rally Botafumeiro e o Rally do Albariño, mentres que quedou segundo no Rally do Cocido, no Rallye Narón Indunor e no Rally de Ferrol, gañados estes tres por Castrillón. Chegou á última proba, o Rally de Noia, a só 15 puntos de Castrillón e liderou a carreira ata o último treito, onde un fallo eléctrico a falta de catro quilómetros fíxoo abandonar e perder o campionato. No ano 2000 gañou o Rally Vila de Lalín, o Rally Botafumeiro, o Rally de Ferrol e o de Noia, quedou terceiro no Rally San Froilán e foi excluído no Albariño por exceso de penalizacións. Quedou segundo no campionato galego, mentres que o título foi de novo para Castrillón. Ese mesmo ano quedou cuarto no Rally da Coruña, do Campionato de España, e gañou a Subida a Culleredo, do Campionato de Galicia de Montaña, ademais de quedar terceiro no Campionato de España de Montaña.

Campión de Galicia de Rally (2001-2005) Comezou 2001 cunha vitoria no Rali do Cocido, e cun terceiro posto no Rally de Noia. Na proba noiesa Germán Castrillón, que chegara en primeiro lugar, foi descualificado pola falta dun libro de ruta da súa copiloto, Estrella Castrillón. Como protesta os Castrillón abandonaron o campionato (anos despois a xustiza proclamounos vencedores daquel rally). Sen Castrillón achandouse o camiño de Senra ao título. Gañou a continuación no Botafumeiro e quedou cuarto no Rally da Coruña, este último do Campionato de España de Rallys. Tras a proba coruñesa e despois de venderlle o seu Peugeot 306 a Toño Villar, comezou a utilizar outro Peugeot 306 Maxi Kit Car, comprado en Francia e que fora utilizado por François Delecour e por Gilles Panizzi no Campionato de Francia de Rally e no Campionato do Mundo de Rally. Con este coche lograría os seus maiores éxitos durante as seguintes dúas décadas. Gañou as seguintes probas do rexional en Narón, no Rally do Lacón e no Albariño, e proclamouse por primeira vez vencedor do Campionato de Galicia de Rally. Revalidou o título ao ano seguinte, tras gañar no Cocido, en Narón (por quinta vez, igualando a Castrillón), no Albariño, e lograr a súa terceira vitoria no Rally de Ferrol. En 2003 venceu no Cocido, Noia, Albariño e San Martiño, abandonou por avaría en Narón e Ferrol, e non participou no Rally San Froilán por diferenzas coa organización, chegando ao Rally Botafumeiro, última proba do campionato, con Bamarti como único rival para o título. A Senra bastáballe con quedar entre os cinco primeiros para proclamarse tricampión galego e conseguiuno de forma cómoda subindo ao podio en terceira posición, por detrás de Bamarti (1º) e Pedro Burgo (2º). Na Subida a Chantada, do campionato de montaña, quedou terceiro entre os carrozados. esquerda|miniatura|Bamarti conducindo o Peugeot 306 que pertencera a Senra A tempada 2004 comezou para Senra cun terceiro posto no Rally do Cocido, un abandono en Noia e a súa ausencia no 1º Rally Salón Automóvil de Vigo, sendo a vitoria nas tres probas para o piloto Toño Villar, tamén do equipo Senra Sport. Con todo, Senra logrou a vitoria nas seguintes catro probas do calendario, Albariño, Narón, Baixa Limia e Botafumeiro, proclamándose por cuarta vez campión de Galicia, con 53 puntos de vantaxe sobre o segundo, Bamarti. Participou na Subida a Chantada, quedando segundo entre os carrozados. Comezou a tempada 2005 con dúas vitorias nos tres primeiros rallys (Cocido e Sur do Condado). No terceiro rally, o Albariño, a vitoria foille concedida inicialmente a Bamarti, pero horas despois e tras revisar os tempos Senra foi proclamado campión. En xuño Bamarti comproulle a Toño Villar o 306 que pertencera a Senra anos atrás, co obxectivo de derrocar ao dumbriés. Estreouse con el na cuarta proba, o Rally Cidade de Narón, que comezou liderando Senra, cando o rally foi suspendido tras a morte do copiloto Alberto González Lamigueiro. Renunciou a participar no Rally de Ourense e no Rally San Froilán e proclamouse campión de Galicia por quinta vez tras gañar o Rally Botafumeiro. Disputou ademais a Subida a Chantada, logrando o mellor tempo entre os vehículos do grupo A. miniatura|Peugeot 306 de Senra no parque pechado do Rally Botafumeiro de 2006.

Derrota fronte a Bamarti e período de menos actividade (2006-2008) A tempada 2006 comezou cun desastroso Rally do Cocido, no que Senra tivo que empezar empurrando o seu coche na saída, antes de picar unha roda, recibir unha sanción de medio minuto e sufrir unha saída de pista, co que só puido ser sexto. A vitoria foi para Bamarti. Na segunda proba do campionato, o Rally de Noia, unha avaría e unha sanción por chegar tarde ao terceiro tramo fixeron que só puidera ser quinto, sendo a vitoria para Pedro Burgo, con Bamarti segundo. No Albariño, terceira cita do galego, tivo que abandonar cando ía terceiro tras saírse na segunda pasada por Moraña, indo parar a vitoria ás mans de Bamarti. Volveu ao podio nos dous seguintes rallys, en Narón, onde conseguiu a súa sexta vitoria na proba por diante de Burgo e Bamarti, e no Sur do Condado, onde quedou segundo tras Bamarti, que se proclamou campión na seguinte proba (Rally Ourense-Baixa Limia), á que Senra non se presentou. Fóra do campionato de asfalto, participou tamén no Campionato de Galicia de Montaña. Tomou a saída en todas as probas menos nas dúas primeiras, logrou a vitoria na Subida a Amoeiro e finalizou quinto na xeral final e campión do grupo A. En 2007 participou só na montaña, proclamándose campión dos carrozados. En 2008 só apareceu esporadicamente nalgún rally como o de Noia, onde quedou sexto, ou o Rally Comarca da Ulloa, no que quedou segundo. Tamén competiu nalgunhas subidas como a de Chantada, na que quedou 7º total e 1º do grupo A, a Escusa, terceiro do grupo P, Cerdedo, segundo por detrás de Benito Varela, Iroite, onde logrou a vitoria entre os carrozados, ou a I Subida a Cabanelas, onde quedou segundo entre os carrozados por detrás de Ricardo Silva. Rematou a tempada como campión en carrozados.

Subidas en Galicia e competicións en Portugal (2009-2013) esquerda|miniatura|Manuel Senra con Faustino Suárez no Rally de Galicia Histórico de 2012, onde fixeron de "coche 0" co seu Peugeot 309. En 2009 competiu no Rally de Noia, onde non puido rematar ao romper o motor do seu Peugeot 306, cando rodaba en segunda posición. En canto á montaña, quedou terceiro entre os carrozados na primeira proba, a Subida a Almofrei, gañou na súa categoría a Subida Concello do Pereiro, a Subida Cidade de Pontevedra, a Subida á Bola-Furriolo, a Subida ao Iroite, e quedou segundo na derradeira proba, a Subida a Cabanelas, proclamándose campión galego de montaña en carrozados, por diante de Luis Penido. Participou tamén no Rally Botafumeiro de 2009 subindo ao podio en segunda posición por detrás de Pedro Burgo.