Christiaan Eijkman, nado en Nijkerk, Países Baixos, o 11 de agosto de 1858 e finado en Utrecht, Países Baixos, o 5 de novembro de 1930, foi un fisiólogo neerlandés.
Traxectoria En 1875 empezou os seus estudos de medicina na Escola Médica Militar da Universidade de Ámsterdam, obtendo a licenciatura e converténdose en oficial médico militar. De 1879 a 1881, foi asistente de fisioloxía na devandita universidade. En 1883 trasladouse a Sumatra e, dous anos máis tarde, a Xava, onde foi contaxiado de paludismo, o que fixo que regresase a Holanda. Xa en Europa, traballa aspectos relacionados coa bacterioloxía con Robert Koch na Universidade de Berlín.
Durante a súa estancia en Xava (de 1886 a 1897), descubriu que as galiñas alimentadas con arroz sen casca desenvolvían polineuritis (enfermidade similar ó beriberi), en tanto que as que o comían con casca permanecían sas, chegando á conclusión de que a enfermidade podía deberse á falta de certas substancias non coñecidas, que máis tarde serían chamadas vitaminas. Este traballo de investigación, o primeiro dos realizados sobre as enfermidades por carencias na dieta, levou máis tarde ó descubrimento da vitamina B1 (tiamina).
Por estes descubrimentos, foi galardoado en 1929 co Premio Nobel de Medicina, compartido con sir Frederick Gowland Hopkins.
De regreso ó seu país, entre 1898 e 1928 foi profesor na Universidade de Utrecht.
Véxase tamén
Ligazóns externas Biografía do Instituto Nobel
Categoría:Premio Nobel de Medicina Categoría:Médicos dos Países Baixos Categoría:Nados en 1858 Categoría:Finados en 1930 Categoría:Nados en Güeldres Categoría:Premios Nobel dos Países Baixos Categoría:Alumnos da Universidade de Amsterdam