Carla Del Ponte, nada en Lugano (Suíza) o 9 de febreiro de 1947, é unha xurista suíza actualmente xa xubilada. Despois de ser fiscal do cantón de Ticino, e máis tarde fiscal xeral da Confederación Helvética, foi nomeada, en agosto de 1999, fiscal xefa do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPII) e do Tribunal Penal Internacional para Ruanda (ICTR), en substitución de Louise Arbour. En 2003, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas substituíuna como fiscal do TPIR por Hassan Bubacar Jallow nun esforzo, segundo se declarou, para axilizar os procedementos nese Tribunal. Seguiu, porén, sendo fiscal do TPII até o 1 de xaneiro de 2008, ano en que foi sucedida por Serge Brammertz, e nomeada Embaixadora de Suíza na Arxentina e Paraguai, con sede en Buenos Aires, cargo no que cesou en 2011.Véxase "nota 5".
Fala con fluidez os italiano, francés alemán, inglés e español.
Dúas veces casada e divorciada, ten un fillo.
Traxectoria Infancia e educación Carla Del Ponte naceu en 1947 no seo dunha familia suíza italófona en Lugano. Pasou a súa infancia en Bignasco, no Val Maggia, no que seu pai tiña un negocio de hostalaría. Na súa primeira xuventude quería ser médica, coma dúas das súas irmás. Anhelaba ser cirurxiá, e en 2007 dixo nunha entrevista: "A miña irmá levábame frecuentemente, ás noites, a ver operacións, cando ela era médica interna"Karen Lajon, "Les confidences de Carla Del Ponte", Le Journal du Dimanche, 6 de maio de 2007.
Pero o seu pai desexaba para ela unha vida tradicional de muller casada e nai de familia, e non que perdera o tempo con longos estudos universitarios. Pero xa daquela o seu temperamento ben temperado levouna a negociar co pai, acordando que seguiría estudos de dereito, menos longos cós de medicina, pero estudos universitarios, ao cabo.
Estudos Realizou estudos de dereito na universidade de Berna, e despois na de Xenebra. Despois, interesada polo dereito penal e na criminoloxía, fixo cursos destas materias que a marcaron profundamente e lle fixeron ver o papel fundamental do dereito na sociedade, e o lugar eminente que nela ocupa a xustiza. Estes cursos déronlle unha vocación pola maxistratura e, especialmente, pola función de fiscal.
Fixo tamén estudos de dereito internacional en Gran Bretaña e en Irlanda do Norte onde obtivo o seu Master of Laws en 1972.
Resumo da súas actividades profesionais
En 1975, despois de tres anos nun despacho de avogados, abre o seu propio bufete. En 1981 foi nomeada xuíza de instrución. En 1985 foi nomeada fiscal do cantón do Tesino, en Lugano. En 1994 foi nomeada fiscal xeral da Confederación Helvética. En 1999 foi nomeada fiscal xeral do Tribunal Penal International para Ruanda (TPIR) e do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPII) polo Consello de Seguridade das Nacións Undas. En 2003 continuou nas súas funcións de fiscal xeral do TPII, pero o seu posto no TPIR non foi renovado. O , o Ministerio de Asuntos Exteriores de Suíza anuncia o seu nomeamento como embaixadora do seu país na Arxentina a partir de xaneiro de 2008, despois da finalización do seu mandato no TPII.
Actividades en Suíza Para cumprir os seus desexos, Carla Del Ponte debeu esperar dez anos antes de ser nomeada maxistrada, a pesar do seu curriculum e dos brillantes resultados acadados nas probas de acceso á maxistratura.
Así, despois de acabar os seus estudos en 1972, exerceu de avogada nun bufete en Lugano e, en 1975 abre o seu propio. A función de avogada permitiulle comprender as particularidades da defensa, pero iso non se correspondía coas súas aspiracións.
En 1981 foi nomeada xuíza de instrución, función que exercería tres anos antes de ser nomeada fiscal do cantón de Tesino, en Lugano.
Alí ocupouse especialmente dos casos de branqueo de diñeiro, fraude, narcotráfico, contrabando de armas, terrorismo crime organizado e espionaxe, adquirindo nestas materias unha considerábel experiencia. A súa tenacidade, a súa carraxe, a súa capacidade de traballo, unidas ao seu coñecemento do dereito, fixeron dela unha fiscal reputada e temíbel. A súa actividade contra o branqueo de diñeiro valeulle o primeiro dos varios sobrenomes que se lle adxudicarían: Carlita la pesta.
Convencida de que a persecución deste tipo de delincuencia implicaba unha colaboración transfronteiriza, desenvolveu paralelamente unha intensa actividade en materia de asistencia mutua xudicial internacional.
Así, colaborou co xuíz italiano Giovanni Falcone. Eles demostraron a ligazón entre os branqueadores de diñeiro suízos e a mafia siciliana, no cadro da célebre rede de tráfico de drogas coñecida como a Pizza connection.
No verán de 1988, no curso das súas investigacións, escapou a un atentado en Sicilia, cando visitaba ao xuíz italiano na súa casa de vacacións de Palermo. A policía descubriu a tempo media tonelada de explosivos escondidos no edificio. O xuíz Falcone non puido escapar, porén, unha vez máis ás ameazas que pesaban sobre el, e foi asasinado o 23 de maio de 1992 pola mafia, que accionou unha carga explosiva ao paso do seu automóbil. A morte de Falcone non fixo máis que reforzar a determinación de Carla Del Ponte na súa teima contra o crime organizado, e a súa reputación non tardou en traspasar as fronteiras. Os seus inimigos da "Cosa Nostra" aplicáronlle o alcume de La Puttana."La Puta". Aínda escaparía posteriormente a dúas novas tentativas de asasinato.
O 1 de abril de 1994, Carla Del Ponte foi nomeada fiscal xeral da Confederación Helvética e membro da Comisión Federal de delitos económicos. Desde a súa toma de posesión fixou como prioridade dirixir unha guerra sen cuartel contra o crime organizado e contra as mafias de todas as orixes que encontraban en Suíza un refuxio compracente.
Este programa provocou, naturalmente, a resistencia do "medio", pero tamén dos bancos helvéticos. No mundo das finanzas suízas, a acción da nova fiscal xeral suscitou inquietudes, desconfianza e unha certa hostilidade. Por outro lado, esquivou, unha vez máis, a morte cando, en 1996, o helicóptero no que sobrevoaba plantacións de coca en Colombia foi cribado a balazos.
É certo que o medio bancario suízo tiña daquela unha lexislación excesivamente protectora, e Del Ponte implicouse de forma enérxica co fin de cambiar a mentalidade dos banqueiros. E tamén co fin de procurar máis transparencia na investigación e na persecución do branqueo de diñeiro, insistindo ante os parlamentarios que debían modificar a lexislación ao respecto.
Despois de anos de esforzos, as súas accións foron coroadas polo éxito. Suíza dotouse dun novo dispositivo legal que implicaba aos bancos na colaboración coa xustiza. Desde aquela, Suíza xa non figura nas listas negras das instancias policiais internacionais.
Actividades internacionais O 11 de agosto de 1999 o Consello de Seguridade das Nacións Unidas nomeou a Carla Del Ponte fiscal xeral do Tribunal Penal Internacional para Ruanda (TPIR) e do Tribunal Penal Internacional para a ex Iugoslavia (TPIY), cuxas sedes están, respectivamente, en Arusha (Tanzania) e na Haia (Países Baixos).
Nesta nova función, instruíu e promoveu a acusación contra os presuntos autores de delitos tan odiosos como os crimes de guerra, os xenocidios e os crimes contra a humanidade. Entre os asuntos tratados están as foxas de Ruanda e os masacres perpetrados na ex Iugoslavia durante os anos 1990 (Bosnia e Hercegovina, Croacia, Kosovo).
Actividade como fiscal do TPIR As súas acusacións dirixíronse contra antigos señores da guerra, como Anatole Nsegiyumya (hutu ruandés) e Théoneste Bagosora (hutu ruandés), e tamén contra personalidades políticas tales como o primeiro ministro (hutu) Jean Kambanda e o alcalde da cidade ruandesa de Taba, Jean-Paul Akayesu.
A partir de decembro de 1999, Carla del Ponte anunciou por primeira vez a súa intención de perseguir personalidades da Fronte Patriótica Ruandesa (FPR) (de etnia tutsi), e abre unha investigación oficial. Del Ponte foi, desde entón, obxecto de presións por parte de Paul Kagame,Presidente de Uganda. que tratou por todos os medios de impedir os procedementos.
O 4 de setembro de 2003, o Consello de Seguridade das Nacións Unidas non renovou o mandato de Carla Del Ponte como fiscal xeral do TPIR. Por iso, debeu abandonar o Tribunal, sen que ningunha inculpación de calquera responsábel do FPR proseguira. Foi substituída por un maxistrado gambiano, Hassan Bubacar Jallow, que fora Ministro de Xustiza de Gambia desde 1984 a 1994. Algúns viron no descarte de Carla del Ponte unha proba da orientación política pro FPR do Tribunal.
Actividade como fiscal do TPII As súas acusacións foron dirixidas contra antigos xefes de guerra tales como Ratko Mladić (serbobosníaco), Radislav Krstić (serbobosníaco), Ante Gotovina (croata), Tihomir Blaškić (croata de Bosnia e Hercegovina). E tamén contra antigos dirixentes políticos como o expresidente da República Federal de Iugoslavia Slobodan Milošević, o dirixente serbobosníaco Radovan Karadžić, ou o presidente da República Serbia de Krajina, Milan Babić. En vista da súa tenacidade e obstinación, Milošević e os seus compañeiros alcumárona da Nova Gestapo.
No curso da súa actividade, escapou unha vez máis da morte en Belgrado (Serbia), cando dispararon contra as vrentás do seu coche blindado. O seu posto, tan exposto, fixo dela unha das persoas máis ameazadas do planeta. Estaba vixiada as 24 horas do día, e os seus desprazamentos preparábanse minuciosamente con dez días de antelación. Foi mantida polo Consello Xeral da ONU á fronte do Tribunal que xulgaba os crimes cometidos nas guerras iugoslavas até decembro de 2007.
Fin do mandato e balance das súas funcións no TPII Despois de 8 anos de leais e dedicados servizos destinados a deter e xulgar aos criminais de guerra, o seu mandato de fiscal do TPII rematou o 31 de decembro de 2007, sedo sucedida por Serge Brammertz o 1 de xaneiro de 2008.
Xa o 30 de xaneiro de 2007 Del Ponte anunciara a súa intención de dimitir como fiscal xefe do Tribunal a finais do ano, dicindo que "xa eran horas de volver a unha vida normal."Del Ponte anuncia a súa dimisión en setembro Volkskrant.nl Consultada o 1/2/2012.
O Ministerio de Asuntos Exteriores Federal suízo nomeouna para novas función, e así, ocupou, desde o o posto de embaixadora da Confederación Helvética na Arxentina e Paraguai, con residencia en Buenos Aires, até a súa retirada, en marzo de 2011."¿A nadie se le ocurrió pensar en Carla Del Ponte?" Carla del Ponte se retira de la diplomacia feliz de su experiencia en Argentina y con ganas de cerrar el capítulo judicial que rigió parte de su vida mientras fue fiscal de la TPIY. SwissInfo. 4 de marzo de 2011. Consultada o 1/1/2012.
O seu mandato de maxistrada suíza na Haia debería terminar en setembro, pero o Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-moon, pregaría á xuíza que permanecera tres meses máis. Nunha carta feita pública o 13 de novembro de 2007, o Secretario Xeral anunciou a fin do mandato de Del Ponte e nomeou como novo fiscal ao maxistrado belga Serge Brammertz, antigo xefe da Comisión de investigación internacional para o Líbano.
Entre a creación do TPII e o momento da saída de Carla del Ponte, acusáronse 161 persoas e 94 dos acusados foron finalmente xulgados. Outros procesos seguen en curso.
Durante os seus dous mandatos, 91 acusados foron transferidos á Haia. O 18 de xuño de 2007, 4 acusados (entre eles particularmente Radovan Karadžić e Ratko Mladić) estaban en paradoiro descoñecido, e 59 foron declarados culpábeis en primeira instancia. O Tribunal de apelación aínda se enfronta cun certo número de recursos interpostos polos acusados, e confirmou a condena contra 37 deles. 25 acusados foron xulgados en 6 procesos en primeira instancia. Outros tres esperan o pronunciamento dos fallos dos seus xuízos. Só 11 acusados esperaban para seren xulgados. Finalmente, 11 acusados interpuxeron recurso en cinco casos.