O arame é unha ópera de cámara nun acto con música de Juan Durán sobre un libreto en galego de Manuel Lourenzo, procedente do texto do propio Lourenzo Camiñar polo arame cunha lata de cervexa. A súa estrea tivo lugar no Teatro Colón da cidade da Coruña o 13 de setembro de 2008 baixo a batuta do director compostelán Maximino Zumalave á fronte do Grupo Instrumental Siglo XX. Trátase da primeira ópera galega do século XXI e a segunda da historia.

É a segunda ópera galega da historia, tras O Mariscal (1929), de Eduardo Rodríguez-Losada Rebellón. Conta a historia de dous vellos cómicos que regresan ó seu lugar de orixe, o mar de Fisterra, para reflexionar sobre o sentido do seu paso polo mundo.

Historia Composición Juan Durán compuxo O Arame en 2006 como ópera de cámara, froito do seu interese pola voz, o texto, a palabra e o canto. A idea do texto xurdiu dunha conversa entre o compositor e Manuel Lourenzo na que se suxeriu a posibilidade de empregar o relato do propio Lourenzo Camiñar polo arame cunha lata de cervexa, que sería posteriormente publicado pola editorial Laiovento e que supuxo ademais o debut do escritor na ópera. A historia da obra, que en palabras do compositor "lembra un pouco a La strada de Fellini", foi en parte concibida como homenae á cidade da Coruña, onde se estrearía a ópera.

Estrea A súa estrea foi o 13 de setembro do 2008 no Teatro Colón da cidade da Coruña dentro do LVI Festival de Ópera da Coruña nunha produción da Asociación de Amigos da Ópera da Coruña co propio Manuel Lourenzo como director de escena. A ópera foi Premio da Crítica de Galicia en 2009. A música na estrea foi interpretada polo Grupo Instrumental Siglo XX (agrupación integrada por algúns instrumentistas da Orquestra Sinfónica de Galicia) baixo a batuta do galego Maximino Zumalave. Na ópera hai unicamente dous cantantes, unha soprano (na estrea a propia irmá do compositor, Carmen Durán) e un barítono (na estrea Javier Franco) e na escenificación aparecen tamén dous bailaríns. A ópera salienta tamén pola importancia do material audiovisual, sendo Luis Carlos Chávez o encargado de realizar as imaxes solicitadas por Manuel Lourenzo na súa estrea.

Representación posteriores Representouse en Oxford no Reino Unido o 10 de xuño de 2017 con subtítulos en inglés. A ópera estivo interpretada pola soprano coruñesa Lorena Paz e o barítono irlandés Malachy Frame, acompañados no escenario polos bailaríns Fran Mangiacasale e Mary Sol Martín del Castillo, a directora foi Tamara Lorenzo Gabeiras, mentres que Cecilia Stinton estivo á fronte da dirección de escena. A súa estrea debeuse a unha coprodución do Centro de Estudos Galegos John Rutherford da Universidade de Oxford e XOGA (Xove Ópera Galega-Galician Youth Opera).

No verán de 2019 a New York City Opera anunciou a tempada do seu 75º aniversario. Nesa tempada figuraba a ópera O arame de Juan Durán, que recibiría a súa estrea americana en novembro dese mesmo ano. Os problemas económicos da compañía, que en 2016 saíra da bancarrota, obrigou a reducir a tempada e programou O arame xunto coa versión orixinal de 1915 da ópera de Manuel de Falla El amor brujo, na mesma función.

Personaxes PersonaxeTesituraElenco na estrea, 13 de setembro de 2008Director: Maximino Zumalave GloriasopranoCarmen DuránLabartabarítonoJavier Franco

Sinopse Labarta e Gloria son unha parella de titiriteiros que no final das súas vidas reflexionan sobre a vida e a arte nunha idílica paisaxe fronte o mar. Mentres Gloria perdeu toda esperanza, Labarta confía en poder subir de novo ao arame e ser de novo o que foi.

Instrumentación A partitura de Juan Durán require da utilización de: Instrumentación de O arame |- | bgcolor="#FFECB2"|Madeiras 1 frauta travesa, 1 óboe, 1 clarinete, 1 fagot.Metais |- | | 1 trompa. |- | bgcolor="#FFECB2"|Percusión Timbais.'''Cordas 4 violíns, 2 violas, 2 violonchelos, 1 contrabaixo piano

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Ligazóns externas Artigo en mundoclasico.com

Categoría:Óperas en galego Categoría:Óperas de 2008 Categoría:Óperas estreadas na Coruña Categoría:Estreas do Festival de Ópera da Coruña