miniatura|dereita|192px|A Super Nintendo Entertainment System (Versión PAL) miniatura|dereita|192px|A Super Nintendo Entertainment System norteamericana A Super Nintendo Entertainment System, tamén coñecida como Super NES ou SNES, é unha videoconsola de 16 bits lanzada por Nintendo en norteamérica, Europa e Australia. No Xapón é coñecida como Super Famicom (スーパーファミコン), e en Corea do Sur como Super Comboy (현대슈퍼컴보이), licenciada e distribuída por Hyundai Electronics.

A Super Nintendo Entertainment System foi a segunda consola de sobremesa de Nintendo e a sucesora da exitosa Nintendo Entertainment System (NES, tamén coñecida como Famicom no Xapón). A SNES non acadou tanta popularidade coma a súa predecesora, en parte pola crecente competencia de Sega coa súa consola Mega Drive (coñecida en Norteamérica como Sega Genesis). Malia o seu relativamente tardío lanzamento, rematando a súa "vida" a mediados dos 90, as súas vendas superaron ás da competencia, converténdose así na consola máis vendida da xeración dos 16 bits.

Historia Estando a NES orixinal aínda nunha etapa de enorme popularidade, moitas compañías empezaron a lanzar as súas propias videoconsolas. En 1988, Sega e Nec xa lanzaran as súas consolas, Mega Drive e PC Engine, os primeiros sistemas de 16 bits dispoñíbeis para o público. Malia que a NES seguiu dominando a industria do videoxogo, o hardware de Nintendo estaba a ficar obsoleto, e aínda que os executivos de Nintendo non estaban inicialmente moi interesados en desenvolver unha nova máquina, o mercado crecente de Nec e Sega axiña fixo que Nintendo mudase de opinión.

Masayuki Uemura, responsábel do deseño da NES anos atrás, recibiu a encomenda de deseñar unha nova consola, a Super Famicom, lanzada no Xapón o 21 de novembro do 1990, por ¥25,000. Cun inmediato éxito, Nintendo esgotou rapidamente o carregamento inicial de 300.000 unidades. O sistema foi tan popular que se di que atraeu a atención da Yakuza, o que levou á decisión de distribuír as máquinas á noite para evitar atracos. No Xapón, a Super Famicon non tivo problemas para superar en vendas á súa principal rival, a Mega Drive, e Nintendo obtivo o control de case o 80% do mercado do videoxogo, grazas en parte a que Nintendo conservou moitos dos seus desenvolvedores externos claves, que incluían a Capcom, Konami, Tecmo, Square Co., Ltd., Koei e Enix.

Dez meses despois, en agosto de 1991, Nintendo lanzou a Super Famicom, cunha nova carcasa e co nome de Super Nintendo Entertainment System, en Norteamérica. Vendida inicialmente por un prezo de 200 $, o paquete norteamericano incluía o xogo Super Mario World (a edición xaponesa vendíase sen xogo incluído). A SNES foi lanzada no Reino Unido e Irlanda en abril de 1992 por 150 £, ao que seguiu o lanzamento na Alemaña unhas semanas despois. As versións PAL da consola tiñan un deseño idéntico ao da Super Famicom xaponesa, agás polas etiquetas.

Porén, varios factores xogaban na contra dos lanzamentos americano e europeo do sistema. En primeiro lugar, moitos xogadores estadounidenses agardaban unha compatibilidade retroactiva por parte dos desenvolvedores da consola (como ocorrera coa Atari 2600 e a 7800), mais a SNES non estaba deseñada para se poder xogar cos cartuchos da NES. En segundo lugar, cara finais de 1991 a Sega Mega Drive/Genesis xa se afianzara nos mercados dos E.U.A. e de Europa, e Nintendo xa carrexaba un considerábel atraso a respecto do seu principal competidor dende o comezo, o cal se viu agravado polo feito de que a consola Mega Drive/Genesis e os seus xogos se vendían a un prezo menor que os de SNES.

En comparanza co Xapón, a SNES tivo dificultades para estabelecer o seu dominio no mercado norteamericano, principalmente por mor da Sega Genesis e as súas tácticas de mercadeo. Sega usaba tácticas como a do "Sega Scream" para atraer un público máis vello. Porén, a Genesis producírase dous anos antes do que a SNES e, como resultado, empezou a semellar anticuada en 1994. Para entón, as superiores cualidades técnicas da SNES, combinadas coa gran cantidade de erros que cometeu Sega, como o Sega CD, permitiron que a SNES gañase a vantaxe, vencendo á Genesis por unha moderada, mais aínda relativamente próxima, marxe.

dereita|192px

En 1996, a era dos videoxogos de 16 bits xa rematara, e a nova xeración de consolas, incluída a propia Nintendo 64 de Nintendo, significou unha caída da popularidade da SNES. En outubro de 1997, Nintendo lanzou unha SNES con cuberta redeseñada para Norteamérica por 99$ (que incluía o xogo Super Mario World 2: Yoshi's Island). Coma a anterior NES 2, o novo modelo estaba deseñado para ser máis delgado e lixeiro do que a súa predecesora, mais carecía de saída S-Vídeo e RGB, e de feito resultou ser un dos últimos grandes lanzamentos relacionados coa SNES en América. Unha Super Famicom Jr. similar e redeseñada viu a luz no Xapón ao redor do mesmo período.

Nintendo America cesou a produción da SNES en 1999. No Xapón, a Super Famicom seguiu a producirse até setembro de 2003. En anos recentes, moitos dos títulos de SNES pasaron á portátil Game Boy Advance, de capacidades técnicas semellantes. Certos críticos de videoxogos consideran a era da SNES "a era dourada dos videoxogos", e citan os moitos xogos pioneiros e clásicos feitos para o sistema mentres que outros cuestionan este romantismo . Vexa tamén xogador de videoxogos.

Exclusión rexional Os cartuchos dos xogos, segundo o mercado no que se lanzaban, tiñan formas diferentes para restrinxir o uso dos xogos pensados para un único mercado, e para controlar os prezos neses mercados. O modelo norteamericano tiña a parte inferior rectangular con rañuras intercaladas que continuaban a forma da consola cando estaban inseridos, mentres que os cartuchos xaponeses e europeos contaban cunha suave curva na fronte, sen rañuras intercaladas. Posto que a consola norteamericana tiña arestas saíntes, os cartuchos xaponeses e europeos non se podían inserir sen eliminalas, e o feito de seren os cartuchos americanos completamente rectangulares impedía o seu inserimento na abertura lixeiramente curva da versión xaponesa da consola.

Alén disto, o chip de exclusión rexional instalado dentro da consola e mais en cada cartucho impedía que se puidese xogar cos cartuchos europeos nas consolas xaponesas e norteamericanas, e viceversa (malia que os cartuchos das consolas europeas e xaponesas encaixaban entre si). Os aparellos xaponés e norteamericano tiñan o mesmo chip rexional, co cal unha vez superada a diferenza da forma dos cartuchos, estes eran trocábeis. A maneira máis sinxela de permitir o xogo cos cartuchos xaponeses e europeos no sistema norteamericano é usar un dispositivo de trampas Game Genie para retirar a pequena peza rectangular de plástico da parte superior. Así, o dispositivo pode ser usado a xeito de filtro e permitir o acoplamento dos cartuchos europeos e xaponeses. Logo o usuario poder usar os xogos desas versións no seu sistema norteamericano. A razón pola cal a versión europea segue a funcionar é sinxelamente que, aínda tendo un chip rexional diferente, cando o usuario usa o Game Genie como filtro, o chip deixa de funcionar.

A modificación das consolas e os adaptadores axudaron os xogadores a superar estas barreiras.

O sistema de exclusión funcionaba facendo que o chip instalado na consola actuase de fecho, e facendo que o chip instalado no cartucho actuase como chave. Ao desconectar o pin 4 do fecho do chip de exclusión da consola, producíase unha situación na que había dúas chaves e ningún fecho. Isto significaba que os chips de exclusión non funcionaban e non podían deter a consola. Cara ao final do ciclo vital da consola, xogos como o Super Mario RPG podían detectar esta situación de bloqueo e impedir o seu propio funcionamento, o que fixo que máis adiante se adoitase instalar un interruptor que desconectase ou conectase o chip de exclusión segundo conviñese.

As consolas PAL adoitaban ser obxecto doutras modificacións. No canto de seren recodificados, os xogos PAL eran decelerados, de 60 Hz a 50 Hz, o que se traducía nun 17% de descenso na velocidade de xogo e dos efectos de son. Amais, non se aproveitaba a resolución máis alta do sistema PAL, e as liñas de varredura adicionais ficaban en branco, co que se creaban amplas barras brancas que provocaban un achatamento vertical da imaxe. Isto daba lugar a unha imaxe esmagada e desproporcionada. Xa que moitos televisores PAL modernos admitían NTSC, era relativamente sinxelo engadir un interruptor para elixir entre o funcionamnto a 50 ou a 60 Hz.

Este inconveniente non se limitaba só á SNES—os sistemas NES, Master System e Genesis/Mega Drive tiñan todos problemas co PAL, e modificacións semellantes. A seguinte xeración de consolas, a Playstation, a Sega Saturn, e a Nintendo 64 tiñan a capacidade necesaria para, ao menos, mellorar a imaxe e evitar o seu achatamento, e algúns xogos estaban modificados para funcionar correctamente a 50 Hz. A Dreamcast e a Xbox converteron a selección entre 50/60 Hz no estándar para os xogos PAL. Mais aínda hoxe en día, algúns xogos seguen sen estar recodificados para 50 Hz, en concreto xogos de PS2 como o Final Fantasy X, que presenta a mesma deceleración e o mesmo achatamento da era da SNES.

Como xeito adicional de exclusión rexional, os xogos posteriores comprobaban se a SNES estaba a funcionar á velocidade para á que fora configurada. Os xogos PAL rexeitaban funcionar en máquinas de 60 Hz e viceversa. A solución era iniciar o xogo na velocidade orixinal e logo conmutar o interruptor, unha vez que a comprobación da rexión rematara con éxito.

Esta segunda técnica tamén se usou na Genesis/Mega Drive, que comprobaba se a velocidade era de 50 ou 60 Hz e se a configuración era a das rexións inglesa ou xaponesa, pero non contaba con sistema de exclusión rexional baseado nun chip.

Periféricos miniatura|O Satellaview, acoplado á cuberta da Super Famicom xaponesa. Ao longo da súa vida comercial, lanzáronse varios periféricos que contribuíron á funcionalidade da SNES. Moitos destes dispositivos foron deseñados a partir de engadidos creados antes para a NES: o Super Scope era unha pistola de luz semellante á NES Zapper (aínda que o Super Scope presentaba funcións sen fíos) e o Super Advantage era un joystick estilo arcade con configuración turbo axustábel similar ao NES Advantage. Amais, a propia Nintendo lanzou o SNES Mouse xunto co seu título Mario Paint, e Hudson Soft, con licenza de Nintendo, lanzou o Super Multitap, un adaptador para multi-xogador que permitía participar a até oito xogadores nalgúns xogos.

Un dos periféricos máis interesantes e de máis éxito, producido internamente e lanzado para a SNES foi o Super Game Boy. O Super Game Boy era un cartucho adaptador que permitía xogar na SNES aos xogos deseñados para o sistema portátil Game Boy de Nintendo. O Super Game Boy presumía dunha serie de melloras nas características da Game Boy, incluída a adición de cor (en realidade, era soamente a habilidade de substituír a paleta de cor por unha diferente: os xogos en si mesmos seguíanse a limitar a catro cores), e bordos de pantalla personalizados.

Ao igual que acontecera coa NES, a SNES tamén asistiu á aparición dunha certa cantidade de periféricos deseñados por desenvolvedores externos sen licenza, incluída a nova versión do cartucho de trampas Game Genie de Galoob, deseñado para o seu uso con xogos de SNES, e diversos dispositivos copiadores de xogos. En xeral, Nintento mostrouse algo máis tolerante no tocante aos periféricos sen licenza para SNES que no tocante aos periféricos anteriores para NES.