miniatura|300px A clasificación climática de Köppen é unha clasificación fisionómica As clasificacións climáticas fisionómicas son aquelas que combinan parámetros climáticos imprimindo un enfoque de síntese xeográfica ou obedecendo a criterios bioxeográficos. Defínense en oposición ás clasificacións xenéticas, que parten da análise da circulación xeral atmosférica. dos climas da Terra, desenvolta por primeira vez polo científico ruso-alemán Wladimir Köppen en 1884 e modificada posteriormente por el mesmo en 1918 e 1936, e polo climatólogo alemán Rudolf Geiger en 1961.

Establece unha tipoloxía climática baseada en combinacións das medias anuais e mensuais dos valores termopluviométricos. Estas combinacións dan lugar a cinco tipos principais de clima correspondidos a outros tantos conxuntos de vexetación: a selva ecuatorial, a sabana e a estepa, os bosques de caducifolias e de coníferas, a tundra e o deserto. A estes cinco tipos se lle engaden dous que responden ás particularidades climáticas das zonas de montaña e de alta montaña.

Deste xeito, os sete principais tipos climáticos, que atenden a valores das temperaturas e coinciden na súa maior parte coas grandes zonas climáticas terrestres, se representan por letras maiúsculas. Logo, tendo en conta a distribución zonal das precipitacións, faise unha división dos grupos anteriores en subgrupos designados por letras minúsculas. Por último, realiza unha caracterización máis específica das características térmicas engadindo unha terceira letra, tamén minúscula.

Grupo A: Climas cálidos Abrangue todos aqueles climas nos que a temperatura media do mes máis frío é superior a 18 °C, coa excepción dos áridos e semiáridos. Polo tanto, carecen de inverno e non se producen xeadas. Son climas zonais, na medida en que teñen como referente as zonas térmicas terrestres. Outras características que presentan son: Unha amplitude térmica anual Fai referencia á diferenza de temperatura entre o mes máis cálido e o mes máis frío. inferior a 10 °C. Elevada humidade relativa.

Clima Af: Clima ecuatorial ou de selva tropical miniatura|200px|Selva tropical en Costa Rica. A letra f simboliza a ausencia de estación seca. Isto quere dicir que nin o inverno nin o verán acumulan máis do 70% das precipitacións anuais A efectos do cálculo, no Hemisferio Norte, considérase verán ao semestre que vai de abril a setembro e inverno ao que transcorre dende outubro ata marzo. No Hemisferio Sur é ao revés.. Os seus principais trazos son: Amplitude media anual inferior a 5 °C. A precipitación do mes máis seco é superior a 60 mm. O total anual de precipitacións supera os 2.000 mm, sendo habitual rexistrar un máximo nos equinoccios e un mínimo nos solsticios. Baixo índice de confort para o home, dadas as altas temperaturas e a elevada humidade.

As causas deste clima débense basicamente á súa latitude, que permite a verticalidade permanente dos raios solares, o que asegura altas temperaturas todo o ano. O réxime pluviométrico explícase polo propio quecemento do aire, que o inestabiliza e dá lugar a ascensos convectivos xeradores de nubosidade de grande desenvolvemento vertical, e por ser a zona de converxencia dos ventos alisios. Porén, esta intensa actividade vertical das masas de aire contrasta coa súa escasa mobilidade horizontal, polo que é unha zona de calmas.

Algúns trazos bioxeográficos deste tipo climático son os seguintes: Ríos de caudal abondoso e regular. Selva: Vexetación megaterma de folla ancha e perenne disposta en ata cinco estratos ou pisos. Alta biodiversidade. Desenvolvemento de mangleiral nas zonas litorais das costas occidentais dos océanos. Solos pobres, con forte descomposición química que dá lugar a lateritas.

Exemplos de cidades con este clima son Belém (Brasil) ou Singapur.

Clima Aw: Clima tropical ou de sabana tropical miniatura|250px|Sabana en Burkina Faso. A letra w indica a existencia dunha estación seca no inverno. A amplitude térmica pode chegar aos 10 °C e o volume total de precipitacións anuais non acada os 2.000 mm pero supera os 1.000 mm, habendo un acusado contraste entre a que se recolle no verán (estación húmida) e a que se recolle no inverno (estación seca).

O progresivo afastamento do Ecuador degrada as condicións do clima Af de xeito que se van rexistrando descensos pluviométricos cada vez máis acentuados, medrando un deles ata que se transforma en estación seca. A causa cómpre procurala nos centros de acción anticiclónicos subtropicais, que os afectan en inverno e ás masas de aire ecuatoriais marítimas, que o fan en verán. Esténdense entre os 5º e os 25º de latitude en ambos hemisferios, aínda que esta distribución vese matizada pola presenza de correntes mariñas frías nos lados occidentais dos continentes que aridifican o clima.

As principais características bioxeográficas son as seguintes: Ríos cunha marcada alternancia estacional. Vexetación diversa. Segundo nos afastamos do Ecuador pásase dun bosque tropical, menos denso que o ecuatorial e con maior presenza de caducifolias, a unha vexetación de sabana, consistente nunha combinación de árbores e arbustos.

Este clima é propio de cidades como Tegucigalpa (Honduras) ou Lagos (Nixeria).

Clima Am: Clima monzónico É un caso particular do clima tropical. Contra o que se poida pensar, non é exclusivo do sueste asiático, se ben é certo que nesa zona acada a súa máxima expresión. Está fortemente caracterizado polo fenómeno do monzón. Basicamente, consiste no desprazamento das masas de aire tropical que adquiren así distinta dirección Segundo Chromow, en La mousson comme réalité géographique (1950), son monzónicas aquelas rexións nas que a dirección do vento en superficie experimenta un cambio de rumbo de polo menos 120º entre as estacións do ano. ao longo do ano e mudan a súa carga de humidade. No caso asiático, o desprazamento cara ao norte das mesmas no verán permite a entrada de ventos alisios marítimos, cargados de humidade, que ascenden orograficamente ao chocaren co Himalaia, dando lugar ás precipitacións máis fortes do planeta. En inverno as masas de aire desprázanse cara ao sur, permitindo a influencia do poderoso anticiclón térmico siberiano.

As principais características deste clima son: Precipitación anual superior a 2.500 mm menos 25 veces a precipitación do mes máis seco. Adoitan ser as áreas máis chuviosas do mundo. Acusada estacionalidade das precipitacións, que se producen de xeito repentino e torrencial.

As características edafolóxicas e fluviais asociadas ao monzón son semellantes ás do clima Aw, mentres que a vexetación é moi parecida á da selva ecuatorial.

Este clima atópase en cidades como Manaus (Brasil) ou Goa (India).

Grupo B: Climas secos Son climas azonais Quere dicir, poden atoparse en calquera latitude.. A diferenza dos outros grupos básicos de Köppen a súa clasificación non se debe ás características térmicas, senón que se inclúe nel aqueles climas nos que a evapotranspiración potencial supera á precipitación Patton, C. (1978). Curso de Geografía Física, Ed. Vicens - Vives. Para o cálculo da evapotranspiración potencial emprega a fórmula: e = 20t + 490 - 7PPW, onde: e = necesidade de augat = temperatura media anual en °CPPW: porcentaxe total de precipitación dos seis meses máis fríos.. Malia que para unha clasificación rigorosa cómpre realizar o cálculo da evapotranspiración, a grandes trazos estes climas concordan cun volume anual de precipitacións inferior a 250 mm. Outra característica importante dos mesmos é a existencia dunha forte oscilación térmica diaria.

Nas zonas tropicais os climas secos son consecuencia das altas presións subtropicais, de orixe dinámica e, por conseguinte, moi estables Permanecen todo o ano nas fachadas occidentais dos continentes. Un exemplo é o anticiclón das Azores, causante do deserto do Sáhara., do efecto dos ventos alisios de procedencia continental e, polo tanto, secos, a barreiras montañosas que crean un efecto de sombra pluviométrica a sotavento como acontece, por exemplo, co efecto Föhn, e ás correntes mariñas frías nas fachadas occidentais dos continentes que diminúen a humidade relativa do aire das terras adxacentes. En zonas mornas existen zonas áridas e semiáridas por degradación das masas de aire marítimo, que se van desecando conforme entran no continente, pola disposición orográfica e polo propio mecanismo da circulación xeral atmosférica Por exemplo, no deserto do Gobi as altas presións invernais siberianas proporcionan un aire moi frío e seco, mentres que no verán, co ascenso do jet stream, vese afectada por aire tropical moi cálido que evapora axiña a precipitación que poida achegar..

Köppen diferenciou neste grupo dous subgrupos cunha segunda letra maiúscula: os climas BS, semiáridos cuxa manifestación vexetal é a estepa, e os BW, áridos nos que domina o deserto. A diferenza entre ambos é que no BW a evapotranspiración é maior que o dobre da precipitación, mentres que nos BS, aínda sendo maior ca precipitación, non chega a superar o dobre do seu valor.

Todos estes climas comparten como trazos bioxeográficos a escaseza de cursos de auga, de réxime descontinuo, cando non a ausencia completa nas áreas hiperáridas, e vexetación escasa ou nula, de pequeno tamaño, que permite unha intensa actividade da erosión e da meteorización no solo.

Clima BSh: Clima semiárido de estepa cálida A última letra h fai referencia a que as temperaturas son elevadas todo o ano, rexistrándose unha temperatura media anual superior a 18 °C. A amplitude térmica diaria é acusada. Almería ten este clima.

Clima BSk: Clima semiárido de estepa fría O k indica temperaturas baixas no inverno e, daquela, unha media anual inferior a 18 °C. Dáse no interior dos continentes en latitudes medias. As precipitación son moi irregulares e a amplitude térmica anual é enorme, superando en ocasións os 32 °C. É o clima de Denver, nos Estados Unidos.

Clima BWh: Clima árido de deserto cálido É o clima típico dos desertos tropicais. A insolación é altísima e neles rexístranse as maiores temperaturas do planeta. A humidade relativa mantense sempre por baixo do 50 %. Un exemplo é a cidade de Asuán, en Exipto.

Clima BWk: Clima árido de deserto frío Ligados a factores xeográficos de continentalidade ou abrigos orográficos, danse en latitudes medias. Os invernos son fríos e a oscilación térmica anual moi acusada. Pero aínda máis significativa é a oscilación térmica diaria; a diferenza de temperatura entre o día e a noite pode acadar os 90 °C. É o clima do deserto de Gobi.

Grupo C: Climas mornos A media do mes máis frío é inferior a 18 °C, pero supera os -3 °C Algúns autores prefiren situar o límite inferior en 0 °C.. Presentan catro estacións definidas por contrastes térmicos. A diferenza na amplitude térmica anual e o réxime e estacionalidade das precipitacións marcan a variabilidade dos climas tépedos. A orixe destas variacións cómpre procurala na circulación xeral atmosférica A continua circlulación do oeste das latitudes medias, que aporta aire húmido marítimo sobre as fachadas occidentais dos continentes e a oscilación estacional norte - sur da Fronte Polar, son algún dos elementos que inflúen., a latitude, a distribución de terras e mares e as correntes mariñas. Así, distínguense tres subgrupos: Cf. Climas mornos sen estación seca. Isto non impide que poidan ter un mínimo de precipitacións estival, aínda que non suficiente como para consideralo unha estación seca. Cs. Climas mornos con estación seca no verán. Cw. Climas mornos con estación seca no inverno.

Clima Cfa: Clima morno chuvioso de verán caloroso, chinés ou cantonés A letra a indica que o verán é caloroso, superando a temperatura media do mes máis cálido os 22 °C. Localízase na fachada oriental dos continentes nas súas latitudes medias. As súas principais características, á parte das xa descritas, son: