El Paso é un municipio situado na illa de La Palma, na provincia de Santa Cruz de Tenerife, no arquipélago das Canarias.

Xeograficamente está situado no centro da illa de La Palma, e abrangue cara ao oeste a Caldera de Taburiente, parte do Val do Aridane, Cumbre Nueva e Cumbre Vieja. É o municipio meirande da illa e o único dos 14 municipios da Palma que carece de franxa costeira. En 2018 tiña unha poboación de 7.543 habitantes.

O núcleo de poboación debe ter as súas orixes na era prehispánica da illa. Case certamente, polos gravados atopados na zona, consistía nun principio nun asentamento temporal de pastores benahoaritas. Durante a colonización e a maior parte da Idade Moderna o actual territorio do municipio formou parte administrativamente do Val de Ariadne. En 1837 segregouse do concello de Los Llanos de Aridane e en 1910, baixo o reinado de Afonso XII, o municipio gañou o título de Cidade.

No cume do municipio atópase o exemplar máis antigo de piñeiro das Canarias, cunha idade estimada en máis de 1000 anos.

Xeografía miniatura|200px|esquerda|Fachada do Concello. Ocupa unha superficie de 135,92 km², que o fai o municipio máis extenso da illa de La Palma. Ten unha poboación de 7.543 habitantes, un descenso en comparación cos 7.947 que tiña en xaneiro de 2011, o seu máximo histórico. A capital do municipio, a cidade de El Paso, está situada a unha altitude de 644 metros sobre o nivel do mar. Trátase do único municipio interior de La Palma. Linda con todos os concellos da illa excepto con Tazacorte.

Algúns barrios e localidades do municipio son Tacande, Las Manchas, La Rosa, Camino Viejo, Tenerra, Los Barriales, Fátima, El Paso de Abajo, Cajita del Agua, El Calvario, Tendiña, Tajuya e Los Dos Pinos.

Neste termo municipal áchase o Parque Nacional da Caldera de Taburiente, así como o Parque Natural de Cumbre Vieja. Outras paraxes naturais de interese son a Cumbrecita, o Pico Bejenao, o Llano la Negra, o Pico Virigoyo ou Verigoyo, a Cumbre Nueva, o Volcán de Tacande ou o Volcán de San Juan.

Unha extensión importante do municipio está cuberta por bosques de piñeiro canario.

Economía miniatura|esquerda|Sector leste do municipio de Ell Paso, con Cumbre Nueva ao fondo, panorama que se ve desde a Cumbrecita cara ao sur. Na agricultura destaca a viña (plantación de vide), a amendoeira e algunhas árbores froiteiras. Ata hai unhas décadas houbo tamén unha importante actividade gandeira (caprina e bovina), pero hoxe esta práctica está en desuso.

Canto á economía, cabe apuntar o duro golpe que supuxo, non só para este municipio, o peche da fábrica de tabacos que daba emprego a uns 250 traballadores. A fábrica foi fundada en 1923 pola familia Capote e anos máis tarde pasou á multinacional RJR. Esta vendeuna á JTI, que pechou as instalacións no ano 2000. Na actualidade, as antigas naves da fábrica de tabaco están consideradas zona industrial para novas empresas.

Festas A festividade máis importante do municipio é a romaxe da Virgen del Pino, patroa do concello, que se celebra o primeiro domingo de setembro na ermida na que se garda a súa imaxe, preto da Cumbrecita. A celebración consiste nunha misa, procesión, xantar de romeiros, carreira de cabalos e recital de poesía, que reúne nun concurso os famosos Versadores,​​ unha das xoias etnográficas do patrimonio inmaterial que a illa de La Palma atesoura entre as súas tradicións culturais. Cada tres anos, o segundo sábado de agosto celébrase a baixada da Virxe desde a ermida ata o centro da cidade, na que permanece ata a véspera da súa onomástica, o 8 de setembro, cando é levada de volta á ermida. Durante estas celebracións, á parte da romaría que acompaña a imaxe ata o centro de El Paso e viceversa, organízanse exposicións, concertos musicais, danza e xogos tradicionais, xornadas de cine etc.

O Carnaval é outra das festas do municipio, así como o Sagrado Corazón, cuxa imaxe é paseada procesionalmente entre arcos e alfombras florais.

Véxase tamén

Outros artigos Erupción volcánica de La Palma de 2021 Ligazóns externas Sitio web do concello

Paso