Acontecementos España Carlos IV entrega 15 000 homes para que loiten xunto os exércitos napoleónicos en Dinamarca e Alemaña. Cúmprese con isto parte da esixencia de Napoleón; a outra parte sería concede-los permisos para que poidan estar en España uns 10 000 prisioneiros, sen contar a entrega a Francia de importantes sumas de diñeiro. Carlos IV paga así a débeda de Godoy, polo seu intento de establece-las negociacións con Portugal, Prusia e Rusia na procura de que España se integrase na curta coalición; as negociacións non foron a ningures, pois a vitoria de Napoleón na batalla de Jena (acontecida o 14 de outubro 1806) as desbarata. O 19 de febreiro, o rei Carlos IV súmase oficialmente ao bloqueo continental contra o Reino Unido, cumpre con iso outra das esixencias de Napoleón tras a batalla de Jena. O 18 de outubro comeza a entrada de tropas francesas en España, co pretexto de participar na conquista de Portugal, que non quere abandona-la súa tradicional alianza con Inglaterra. As tropas, comandadas polo xeneral Junot, acampan nas proximidades da fronteira española e entran polo País Vasco antes da firma do tratado de Fontainebleau, que debe regula-la repartición de Portugal.
Reino Unido Gran Bretaña utiliza por primeira vez, durante o sitio de Copenhague e despois de que foran utilizados con éxito en Boloña no 1806, pequenos foguetes para bombardear. Con iso dábaselle un servizo útil aos artefactos inventados polo inglés William Congreve. Un 2 de marzo, o goberno británico, presidido por lord Grenville Sharp, aproba unha proposta do secretario do Estado para os Asuntos Exteriores, lord Fox, pola que se prevé a prohibición da trata de negros nun futuro non remoto. Sharp, Clarkson e Wilberforce converten a proposta nunha corrente relixiosa irreversible, polo que a decisión, que quedará confirmada no ano 1813, supón unha medida de grande importancia, e que será imitada nos anos seguintes por numerosos países: Arxentina no 1813, Colombia e México no 1821, Francia (un 4 de marzo de 1848), Estados Unidos (fará o referendo no 1862, e activará a aprobación no 1863), Países Baixos no 1863, Portugal no 1878, Cuba no 1880, Brasil no 1888 etc.
Prusia O 8 de febreiro líbrase a batalla de Eylau, no redores de Königsberg (en Prusia oriental), entre as tropas de Napoleón e o exército ruso de Bennigsen. A batalla en si non resulta decisiva para ningún dos dous bandos, aínda que é unha verdadeira matanza que leva a morte a uns 40 000 soldados a causa da violencia na loita e da inclemencia do tempo. O 14 de xuño as tropas de Napoleón vencen o exército ruso en Friedland (tamén, correspondente a Prusia oriental), onde sofren a perda de 25 000 homes (entre eles uns 25 dos seus xenerais). A vitoria napoleónica deixa o paso aberto ao exército francés cara Königsberg, derradeira fortaleza prusiana, e obriga ao tsar, Alexandre I, a pedir un armisticio que será o preámbulo do Tratado de Tilsit (que se asinará en xullo). As derrotas ante Napoleón fan que o tsar tema unha posible sublevación dos polacos, polo que a alianza parécelle un bo camiño para atallala. O 1 de xullo o tenente xeneral prusiano, Gebhard Leberecht Blücher, tras as derrotas sufridas polos exércitos de Prusia perante os franceses, fai un chamamento aos civís e militares a sumarse ao seu corpo de combate contra Napoleón I. Do 7 ao 9 de xullo, co fin de evitar unha sublevación dos polacos, o tsar Alexandre I acepta unha alianza con Napoleón. O acordo, que se firma nunha rada (no medio do río Niemen), fronte a Tilsit, despoxa a Prusia de gran parte de Polonia e os territorios do oeste do Elba, que pasan a engrosa-lo reino de Westfalia. Rusia comprométese a participar de forma activa no bloqueo continental contra Gran Bretaña, renuncia ás Illas Xónicas e recoñece a Confederación do Rhin. O Tratado de Tilsit traería a firma dunha alianza secreta pola cal Rusia declararía a guerra a Gran Bretaña se esta se negaba a acepta-la súa mediación no conflito europeo. A pesardes da mediación de Alexandre, Napoleón acepta a existencia do estado prusiano, pero as condicións do tratado resultan extremadamente duras. A raíña de Prusia, Luisa, decídese a dar un paso audaz coa entrevista co emperador francés; Napoleón móstrase inflexible e as condicións do tratado mantéñense. Coas condicións, unhas forzas reformadoras que actúan no interior de Prusia, iranse impoñendo paulatinamente nos seus criterios. O 9 de outubro, Federico Guillerme III de Prusia concede a abolición progresiva da servidume dos labregos coa entrega, en plena propiedade, das terras da coroa que traballan; con isto leva a cabo a proposta do ministro de estado, o barón Von Stein.
Alemaña Na cidade de Berlín e en medio da gloria militar de Bonaparte, o filósofo alemán Johan Gottlieb Fichte (que nacera en Rammenau, Saxonia, no ano 1762 e finará en Berlín no 1814) publica o seu «Discurso á nación alemá». A declaración sae en tempos moi difíciles para Prusia e Alemaña, xa que Francia fixera declaración de guerra contra Prusia. O escrito incrimina o emperador francés por haber traizoado os ideais da revolución francesa. Nel o filósofo propón unha nación alemá baseada na democracia que non pasará desapercibida pola burguesía, polo que terá un papel importante no rexurdir espiritual e político do pobo. Fichte manifestou dende moi novo o amor pola liberdade. Influído por Lessing e Kant, dedicará a este profundos estudos, ata o punto de que pode dicirse que o seu pensamento é a continuación do kantismo; polo que, incluso, fará unha visita o seu mestre en Königsberg no 1792, quen o recibe friamente, aínda que tres meses despois envíalle a Kant un manuscrito sobre a «Crítica de toda revelación», polo que se poñía directamente no criticismo. No 1793 casou cunha sobriña de Klopstock, e pronto ten fama de liberal e demócrata; o que non lle impediu toma-la cátedra da universidade de Jena no canto da rama de filosofía. Nesta universidade tivo a acusación de ateísmo, feito que lle valeu a expulsión; polo que pasou a ensinar no 1805 na universidade de Erlangen e, no 1806, en Königsberg. Tras a fuxida das tropas napoleónicas, volve a Berlín no 1807, onde pronuncia o célebre discurso nacionalista. A filosofía de Fichte intenta harmoniza-la teoría coa práctica. Nun principio parte do humanismo no que a liberdade ocupa o centro de reflexión, que logo tira a un certo misticismo, dende a teoría da liberdade a unha teoría de graza divina; o seu valor reside en especular teoricamente sobre a ciencia e a verdade para desenvolver unha doutrina práctica da moral de estado. Tamén na cidade de Bamberg o filósofo alemán George Wilhelms Friedrich Hegel (que nacera en Stuttgart no 1770 e morrerá en Berlín no 1831), publica a súa obra máis representativa, a «Fenomenoloxía do espírito», que fora rematada no 1806 (curiosamente o mesmo día da batalla de Jena, pola tarde). Por aquel entón, Hegel era mestre nesa cidade, onde acudira interesado pola filosofía de Schelling e Fichte, a quen admiraba. Deste último herdaría a cátedra da universidade de Berlín e pediría ser soterrado ao seu carón. Coma todos os filósofos do seu tempo, o labor xuvenil de Hegel centrouse na crítica da relixión da historia. Pero ao chegar a Jena tornou na consciencia da filosofía como medio de expresa-lo sentir da vida humana no seo da historia; polo que realizou un enorme esforzo lóxico por introduci-la experiencia viva nun marco teórico, no que a historia da conciencia (xunta a experiencia) acaba por comprenderse a si mesma. Isto identificouno como técnica fenomenolóxica ou identificación con desenvolvemento da conciencia real. A fenomenoloxía é á súa vez unha reflexión sobre as leis do coñecemento e unha historia real da conciencia. Co percorrer do tempo, volve publicar entre 1812 e 1816 a «Ciencia da lóxica», aparece coma continuación da fenomenoloxía. Nela, Hegel establece o famoso método dialéctico. Só a filosofía da contradición é unha filosofía viva; a flor dá nacemento ao froito, que supón a morte daquela; polo que a morte é a contradición do renacer. De maneira dialéctica aluma a esencia da necesidade histórica. Na unidade das contradicións: a tese ven negada pola antítese, de cuxa negación créase a síntese. No 1821 publica a «Filosofía do dereito», é a súa doutrina do home e a historia. O home illado é unha abstracción: só a sociedade da historia é concreta; a súa representación universal é concreta. Neste sentido, o suxeito real da historial é unha razón universal.
Estados Unidos O enxeñeiro e mecánico estadounidense Robert Fulton (que nacera no 1765 e finará no 1815) inaugura unha liña regular de barcos a vapor con rodas no río Hudson, que circularán entre as cidades de Nova York e Albany e cuxo primeiro percorrido faría o buque Clermont. Fulton xa experimentara no ano 1803 cun pequeno batuxo a vapor polo que é un dos máis coñecidos artífices dos inventos relacionados coa navegación. No 1797 propuxo ao goberno francés a construción dun submarino coa capacidade de poñer cargas explosivas nos navíos inimigos, proxecto que levou a construción no 1798. Ao non lograr que os franceses tivesen atención no seu proxecto, probou máis tarde coas británicas e tampouco o consegue; polo que volta para a súa terra, onde se dedicou de cheo á aplicación da propulsión a vapor nos barcos, empregando para iso a máquina de vapor inventada por Watt.
Europa Un 28 de xaneiro o Reino Unido e Prusia asinan o tratado de paz de Memel, polo que Prusia renuncia a Hannover en favor do Reino Unido, e restablece a liberdade comercial para as mercadorías británicas. O 25 de xuño Francia asina un acordo previo con Rusia, froito da vitoria napoleónica contra Bennigsen en Friedland acontecida o 14 de xuño, e que permitirá lograr o acordo do tratado de Tilsit (asinado entre o 7 e o 9 de xullo). O 7 de xullo asínase un tratado secreto polo que Rusia ten que declararlle a guerra a Inglaterra e, así mesmo, participar no bloqueo continental; o tratado cede (por parte de Napoleón) a Rusia unha liberdade sobre Suecia ademais de consentir a división das posesións europeas de Turquía. O 9 de xullo publícase o tratado (tal e como se nos dá a coñecer, pero que non indica nada do que hai en segredo) e Prusia é reducida á metade coa creación do reino de Westfalia e o Gran Ducado de Varsovia. Cara ao norte, en Dinamarca, o 5 de setembro, despois de tres días de bombardeo (no que se proba unha nova arma, o foguete) os británicos ocupan a capital danesa de Copenhague. Dinamarca perde a súa frota neste enfrontamento.
Portugal Do outubro ao decembro e pouco antes de que as tropas do xeneral francés Junot entren en Lisboa, a familia real embárcase rumbo ao Brasil. A política de partición de Portugal, entre Francia e España, sen que a medio rexente María I e o seu fillo Xoán (que máis adiante sería Xoán VI), poidan evitala; fai que toda a corte decida trasladarse a Río de Xaneiro. Tras certo tempo en Portugal e debido á declaración de independencia de España, o corpo expedicionario inglés de Wellington obrigará a Junot a capitular en Sintra o 30 de agosto de 1808 e a evacua-lo país. Os fracaso das ofensivas francesas de Soult no 1809 e de Masséna entre 1810 e 1811, marcarán o declive o imperio francés que se verá desfeito no 1816.