INTEGRAL (acrónimo de International Gamma-Ray Astrophysics Laboratory) é un observatorio espacial da Axencia Espacial Europea lanzado o 17 de outubro de 2002 mediante un foguete Proton desde o cosmódromo de Baikonur.
Características O obxectivo de INTEGRAL é facer observacións astronómicas nas lonxitudes de onda dos raios gamma, a enerxías de entre 15 keV e 10 MeV.
O satélite estabilízase nos tres eixos e ten unhas dimensións duns 3 x 4 x 5 metros sen os paneis solares estendidos. Os datos científicos transmítense a través dun enlace en banda S a unha velocidade de 86 kbps a dúas estacións terrestres, unha en Redu (Bélxica) e outra en Goldstone (Estados Unidos).
O Centro de Datos Científicos de Integral sitúase en Xenebra.
Instrumentos INTEGRAL leva catro instrumentos científicos a bordo:
SPI: é un espectrómetro de raios gamma que traballa entre o 20 keV e os 8 MeV. IBIS: trátase dunha cámara de raios gamma que traballa no rango entre 15 keV e 10 MeV. JEM-X: monitor de raios X para o rango entre 3 e 35 keV. OMC: é unha cámara óptica que funciona a unha lonxitude de onda de 550 nanómetros.
Fitos En 2020 contribúe a establecer a relación entre os magnetares e a emisión de ráfagas rápidas de radio.
Seguridade Un fallo producido en 2020 e de xeito posterior, un impacto recibido en setembro de 2021 fixeron ineludibles cambios na guía do aparello, pasando dun sistema baseado no propio instrumental a outro baseado en programación, implementado e probado o 2 de marzo de 2023.
Notas
Véxase tamén Ligazóns externas Páxina de INTEGRAL na ESA
Categoría:Satélites artificiais Categoría:Axencia Espacial Europea