O Imperio Inca foi o berce da civilización inca, a derradeira das tres grandes civilizacións precolombianas que conservou o seu Estado. A civilización inca xurdiu nas terras altas do Perú nalgún momento a principios do século XIII. As orixes do imperio remóntanse á vitoria dos quechuas sobre os chancas en 1438 e desapareceu no século XVI coa súa anexión ao Imperio Español en 1533, aínda que en 1537 houbo un intento de restaurar o imperio que foi sufocado polos españois en 1572.
Unificou diversas culturas preincas da América do Sur e con elas constituíu o imperio máis extenso do continente americano. A súa historia e cosmovisión, unificadoras de todos os pobos do mundo coñecido, permitiu a Inca Garcilaso de la Vega facer certo paralelo entre o Imperio Inca e o Imperio Romano pola súa traxectoria cultural e a súa pluralidade
Tawantinsuyu é como se denominaba o territorio que abranguía o imperio. No momento de máxima expansión, estendíase por preto de dous millóns de quilómetros cadrados, entre o océano Pacífico e selva amazónica, das proximidades de Pasto da actual Colombia ata o río Maule, no actual Chile central. O imperio estivo dividido en catro suios: Chinchaysuio (Chinchay Suyu) ao norte, Collasuio (Qulla Suyu) ao sur, Antisuio (Anti Suyu) ao leste e Contisuio (Kunti Suyu) ao oeste. A capital do imperio era Cuzco, o embigo do mundo, nas terras altas do Perú, berce dos quechuas, fundadores do imperio.
No Imperio Inca falábanse distintas variedades das linguas quechuas. O nome deriva da palabra indíxena qishwa, zona temperada, e é unha imposición dos conquistadores españois; os incas chamárono runa simi, a lingua dos homes. Runa simi era a lingua popular, as clases dominantes falaban o inca simi ou puquina, unha variante extinta do quechua falada polos puquina e outras etnias do sur do actual Perú, que se cre era unha especie de lingua secreta da nobreza. Máis tarde foi considerada como a lingua dos deuses pola crenza de que a familia real descendía directamente deles.
Moitas formas de culto locais persistiron coa chegada do imperio, a maioría relacionadas coas sagradas Huacas locais, pero os dirixentes impulsaron a adoración de Inti, o deus solar inca, e impuxeron a súa soberanía por encima doutros cultos como o de Pachamama. Os incas consideraban o seu rei, o Sapa Inca, como o fillo do sol.
A economía inca foi descrita de maneira contraditoria por moitos expertos: feudal, escravista e socialista (aquí pode un elixir entre paraíso socialista e tiranía socialista). O Imperio Inca funcionou en gran parte sen diñeiro e sen mercados. Pola contra, o intercambio de bens e servizos baseouse na reciprocidade entre individuos, grupos e gobernantes incas. Os "impostos" consistían nunha obriga laboral das persoas para con o Imperio. Os gobernantes incas, que teoricamente posuían todos os medios de produción, correspondían garantindo o acceso á terra e aos bens e proporcionando alimentos e bebidas nas celebracións dos seus súbditos
Algunhas características destacadas do Imperio Inca son: a súa arquitectura monumental, especialmente a cantaría; a extensa rede viaria que chegaba a todos os recunchos do imperio; os tecidos finos; o uso de cordas anoadas (quipu) para gardar e comunicar rexistros; innovacións agrícolas nun medio difícil; e a organización e xestión fomentada ou imposta á súa xente e ao seu traballo. Pero, paradoxalmente, carecían de moitas características que no Vello Mundo se consideran asociadas á civilización: non tiñan vehículos con rodas nin animais que puidesen montar ou usar para tirar de carros e arados; eran expertos metalúrxicos, pero descoñecían o ferro e o aceiro, usando o bronce para as súas ferramentas e utensilios; e, sobre todo, carecían dun sistema de escrita, que foi esencial para a construción dos reinos e imperios europeos e para a transmisión do coñecemento e da civilización. A pesar destes supostos hándicaps, os incas aínda foron capaces de construír un dos maiores estados imperiais da historia humana. Historia miniatura|a primeira imaxe dun inca en Europa. Pedro Cieza de León. Crónica do Perú, 1553. miniatura|Cadro cusqueño do século coas liñaxes incas amentadas polas crónicas coloniais e a súa relación coas raíñas reais do Cuzco, que esconden tras de si unha complexa representación da organización social incaica.
Fontes históricas
As crónicas europeas sobre o imperio incaico
Os primeiros vestixios escritos sobre o imperio incaico constitúeno as crónicas rexistradas por varios autores europeos (posteriormente existiron cronistas mestizos e indíxenas que tamén recompilaron a historia dos incas); estes autores recompilaron a «historia incaica» baseándose en relatos recolleitos por todo o imperio. Os primeiros cronistas tiveron que enfrontar varias dificultades para poder traducir a historia incaica xa que, ademais de existir unha barreira idiomática, enfrontáronse ao problema de interpretar unha maneira de ver o mundo totalmente distinta á que estaban afeitos. Isto conduciu a que existan varias contradicións entre os textos coloniais e un exemplo diso represéntano as cronoloxía s sobre os gobernantes incas; así, en moitas crónicas atribúense as mesmas fazañas, feitos e episodios a distintos gobernantes.
Sobre as crónicas do imperio incaico, é importante acoutar que os seus diversos autores tiveron certos intereses ao escribilas. No caso dos cronistas españois, o seu interese foi «lexitimar a conquista a través da historia», para isto en moitas crónicas sinálase que os incas conquistaron usando enteiramente a violencia e polo tanto non tiñan dereitos sobre os territorios conquistados. Noutro caso os cronistas ligados á igrexa católica buscaron lexitimar a evanxelización describindo a relixión incaica como obra do demo, os incas como fillos de Noé e tratando de identificar as deidades incaicas coas crenzas bíblicas ou o folclore europeo. Igualmente existiron outros cronistas mestizos e indíxenas que tamén tiveron un interese de enxalzar o imperio ou algunha das panacas coas cales se emparentaban, como o caso do inca Garcilaso de la Vega, na súa obra "Comentarios reales de los incas" quen mostraba un imperio incaico idealizado onde non existía a pobreza, repartíase a riqueza e os recursos explotábanse racionalmente.
As fontes históricas incaicas
Os ayllus e panacas tiñan cantares especiais mediante os cales narraban a súa historia. Estes cantares executábanse en determinadas cerimonias fronte o inca. Estes relatos, a maneira de memoria colectiva, constitúen os primeiros rexistros históricos recolleitos nas crónicas.
Outro recurso utilizado para rexistrar a historia foron uns mantos e táboas que contiñan pinturas representando pasaxes heroicas. Estes documentos foron gardados nun lugar denominado Poquen Cancha. Sábese que o vicerrei Francisco de Toledo enviou o rei Filipe II catro panos que ilustraban a vida dos incas engadindo coas súas propias palabras que «los yndios pintores no tenían la curiosidad de los de allá».
Ademais, algúns feitos pasados foron almacenados nos quipus, aínda que non se sabe como puideron utilizar estes sistemas de cordeis e nós para almacenar feitos históricos existen varias crónicas que describen que os quipus servían para evocar as fazañas dos gobernantes.
En xeral, no imperio incaico lembrábanse os feitos que lles parecían importantes de lembrar e non era necesaria a precisión. Ademais, os gobernantes podían ordenar excluír intencionalmente dos rexistros históricos algúns feitos que puidesen molestarlles. María Rostworowski denomina a esta calidade da historia incaica unha «amnesia política» que era asumida por todo o vulgo pero que era lembrada polas panacas ou ayllus afectados, sendo este un factor que contribuíu ás futuras contradicións nas crónicas europeas sobre os incas. A reinvención de tradicións
Logo do encontro da cultura hispana e a andina, estableceuse a escritura como medio de transmisión e rexistro de información; ademais iniciouse un proceso de mestizaxe e sincretismo que deron lugar á recreación de tradicións e a invención doutras.
A achega para esta recreación e invención de tradicións foi tanto hispano como andino; isto evidénciase nas crónicas do século XVI onde se describen personaxes como o caso de Tunupa e Huiracocha cos apóstolos Tomás e Bartolomeu, describíndoos como homes brancos e barbados que impartiron ensinos. Igualmente o imaxinario europeo buscou, e mesmo creron atopar, «o dourado» e o «país das amazonas» no novo mundo. Noutros casos, afirmaban que o Cuzco tiña o perfil dun león americano (puma), poñendo similitudes con algunhas cidades do renacemento europeo que tiñan perfil aleonado. Máis recentemente, no século XX, aparecen outros elementos desta reinvención de tradicións, como son os casos da bandeira do imperio incaico e a cerimonia cuzqueña do Inti Raymi. Cabe indicar que todas estas reinvencións son parte dun proceso natural en todas as culturas, pero para entender a historia incaica é necesario diferenciar cales son os aspectos sincréticos ou inventados e cales non o son.
Antecedentes da fundación do imperio incaico
miniatura|Durante o Horizonte medio os huaris e tiahuanacos predominaron na rexión, tras o declive destes, deu orixe a varias sociedades centralistas, incluída a inca. Arredor do ano 900 d. C. comeza a decadencia dos estados Huari e Tiahuanaco, na área central andina. No caso de Huari, a cidade de Huari empeza a perder poder político en contraposición a algunha das súas cidades periféricas, como o demostra o caso de Pachacamac situado fronte ao mar. En tanto no caso de Tiahuanaco, o proceso de decadencia iníciase nas súas colonias da costa de maneira sanguenta, como o evidencia o caso de Azapa; no Collao, en cambio, Tiahuanaco foi perdendo o seu poder gradualmente e mentres perdía hexemonía a súa poboación foi emigrando e fundando poboacións novas.
Como unha hipótese sobre a decadencia de Huari e Tiahuanaco, existen evidencias dun prolongado período de seca que durou desde o ano 900 d. C. ata o 1200 d. C. nos Andes centrais. Arqueoloxicamente, existen evidencias de longos procesos migratorios de poboación ao longo dos Andes durante os períodos post-huari e post-tiahuanaco. A arqueoloxía revela que nos vales interandinos, a poboación construíu os seus asentamentos no alto de cerros procurando a seguridade, o que nos fala dun prolongado período de enfrontamentos étnicos. Na costa, en tanto, varios grupos alcanzaban estabilidade política, como o demostran os casos dos Chincha, Chimú e os Ychsma.
Este período histórico foi plasmado en lendas e mitos andinos de diferentes maneiras. Nas tradicións orais dos Andes faise referencia a que no principio os pobos realizaron longas camiñadas buscando terras fértiles, xurdindo heroes míticos que eran, polo xeral, semidivinos e que ían sendo guiados por seres sobrenaturais (o sol, a lúa, etcétera). Estes heroes míticos xeralmente tiñan algún poder. Dese xeito xorden as figuras de Manco Cápac, no caso fundacional do Cuzco; ou Pariaccaca no caso de Huarochirí.
As orixes míticas
miniatura|Manco Cápac e Mama Ocllo, segundo o debuxo de Guamán Poma de Ayala.Existen dous mitos difundidos sobre a orixe da etnia cuzqueña. O máis difundido é a versión garcilasiana da parella Manco Cápac e Mama Ocllo; o outro é o mito dos catro irmáns Ayar e as súas catro irmás, este último mito é recolleito por Betanzos, Valdemar Espinoza, Cieza de León, Guamán Poma de Ayala, Santa Cruz Pachacuti e Sarmiento de Gamboa. Mito de Manco Cápac e Mama Ocllo miniatura|O 1º inca, Manco Cápac, nunha representación do século XVIII da escola de Cuzco.