Aestus é a designación dun motor foguete usado como etapa superior nos foguetes Ariane 5.

Características O motor Aestus foi desenvolvido entre 1988 e 1995 para ser usado como etapa superior dos foguetes Ariane 5 ES e GS. A versión orixinal do motor non podía reacenderse unha vez apagado, pero a versión ES pode reacenderse para poder poñer en órbita ó ATV.

O motor consome unha mestura bipropelente de MMH (monometil hidracina) e tetróxido de nitróxeno. Foi desenvolvido no Centro de Propulsión Espacial Ottobrunn e o seu primeiro voo operativo tivo lugar o 30 de outubro de 1997, durante o lanzamento do voo 502 do Ariane 5. Entre 1999 e 2002 tivo lugar un programa de mellora do motor. O motor resultante voou por primeira vez o 26 de febreiro de 2004, durante o voo 518 do Ariane 5. Foi entre 2003 e 2007 en que se desenvolveu a capacidade de reacendido do motor para o lanzamento do primeiro ATV, que quedou plenamente demostrado durante o voo inaugural dun ATV no voo 528, o 9 de marzo de 2008.

A cámara de combustión está deseñada en base á refrixeración rexenerativa: o MMH, antes da combustión, presurízase para ser distribuído a través de pequenos condutos que rodean a parede da cámara de combustión e producir unha refrixeración moi efectiva; o MMH entra entón no inxector, que o distribúe uniformemente entre 132 elementos de inxección dentro da cámara de combustión, onde se mestura co tetróxido de nitróxeno e producíndose unha combustión espontánea. Durante a combustión as temperaturas na cámara alcanzan os 3000 K a unha presión de 11 bares

Notas

Véxase tamén Outros artigos Ariane 5

Categoría:Motores foguete