O Arciprestado de Pruzos é un dos 33 arciprestados da arquidiocese de Santiago de Compostela. Pertence á vigairía da Coruña e abrangue 42 parroquias de sete concellos coruñeses.

A súa existencia xa está constatada no parroquial suevo do século VI. O nome do arciprestado tómase do lugar de Pruzos na parroquia de Churío do concello de Irixoa, o cal nos dá unha idea da importancia deste lugar na época sueva.

Parroquias miniatura|Arciprestado de Pruzos no mapa do arcebispado de Santiago de 1825. As 42 parroquias do arciprestado son: 2 parroquias do concello de Aranga: Aranga (San Paio) e Cambás (San Pedro). O resto das parroquias de Aranga repártense entre os arciprestados de Xanrozo (tres) e Sobrado (unha), pertencentes tamén á arquidiocese de Santiago de Compostela. As 7 parroquias do concello de Irixoa: Ambroa (San Tirso), Churío (San Martiño), Coruxou (San Salvador), Irixoa (San Lourenzo), Mántaras (Santa María), Verís (Santa María) e A Viña (Santaia). As 8 parroquias do concello de Miño: Bemantes (San Tomé), Callobre (San Xoán), Carantoña (San Xián), Castro (Santa María), Leiro (Divino Salvador), Miño (Santa María), Perbes (San Pedro) e Vilanova (San Xoán). 5 parroquias do concello de Monfero: Queixeiro (San Xurxo), San Fiz de Monfero (San Fiz), Santa Xiá de Monfero (Santa Xiá), Taboada (Santa Mariña) e Vilachá (Santa María). As dúas parroquias restantes de Monfero pertencen á diocese de Mondoñedo-Ferrol. 7 parroquias do concello de Paderne: Adragonte (Santiago), Paderne (San Xoán), San Pantaión das Viñas (San Pantaión), San Xulián de Vigo (San Xulián), Souto (Santa María), Vilamourel (San Xoán) e Vilouzás (San Salvador). A parroquia de Obre pertence ao arciprestado de Xanrozo. A parroquia administrativa de Quintas non existe eclesiasticamente. 7 parroquias do concello de Pontedeume: Andrade (San Martiño), Boebre (Santiago), Centroña (Santa María), Nogueirosa (San Cosme), Ombre (Santa María), Pontedeume (Santiago) e Vilar (San Pedro). A parroquia administrativa de Breamo non existe eclesiasticamente. As 6 parroquias do concello de Vilarmaior: Doroña (Santa María), Goimil (San Cristovo), Grandal (San Pedro), Torres (San Xurxo), Vilamateo (Santiago) e Vilarmaior (San Pedro).

Patrimonio artístico Destaca tanto pola súa historia como pola monumentalidade, o mosteiro de Santa María de Monfero, que chegou a ser un dos máis importantes mosteiros galegos. Hai un total de 9 igrexas románicas ou con restos románicos: San Martiño de Andrade, San Tirso de Ambroa, San Miguel de Breamo, A Esperela, Santa María de Doroña, San Cosme de Mántaras, Santa María de Verís, San Xoán de Vilanova e San Salvador de Vilouzás. Son salientábeis tres retablos: O barroco da ermida das Virtudes de Pontedeume; o da igrexa de Santiago de Adragonte onde están representados en tallas de medio busto os 12 apóstolos, caso único; e o retablo da igrexa do mosteiro de Santa María de Monfero, desmontado na década dos sesenta do século XX, as pezas que se conservan están no coro alto da igrexa. Cruces parroquiais da Viña e Vilouzás: A da Viña, de feitura única, é do século XVI. A de Vilouzás é tardomedieval e tamén é única pola forma de cruz grega.

Romarías Celébranse tres romarías en ermidas do arciprestado: A da Santa Cruz de Aranga, onde a tradición di que se conserva unha reliquia da Vera Cruz do Calvario, celébrase o 3 de maio e o domingo seguinte; a de San Miguel de Breamo, o 8 de maio e o 29 de setembro; e a da Virxe da Cela no mosteiro de Santa María de Monfero, o primeiro domingo de xullo que non sexa día 1.

Véxase tamén Ligazóns externas Buscador de parroquias da arquidiocese de Santiago de Compostela. Mapa dos arciprestados da arquidiocese de Santiago de Compostela. O arciprestado de Pruzos de José Cardeso Liñares, no nº 8 (2001) da revista Cátedra.

Categoría:Arciprestados da arquidiocese de Santiago de Compostela