Antonio Montenegro Páramo e Somoza, coñecido como Antonio Páramo e Somoza, nado en Santa María de Ferreira, (actual concello de Pantón) o 7 de setembro de 1731 e finado en Santiago de Compostela o 8 de marzo de 1786, foi un eclesiástico e xurista galego.

Traxectoria Membro da fidalguía galega (casa dos Somoza de Galicia), foi fillo de Manuel Montenegro Páramo y Osorio, natural da Pobra do Burón, señor da xurisdición de Fontesta e San Vicente, e da súa esposa María Benita Somoza e Sangro, do lugar e casa de Goián (Santa María de Ferreira). Probou a súa nobreza de sangue ante a Real e Distinguida Orde Española de Carlos III en 1781.

Tras concluír a carreira eclesiástica e a de Xurisprudencia e Cánones, ocupou os cargos de cóengo e cardeal da Igrexa de Santiago, Administrador Xeral, Capelán Maior e Xuíz Privativo Eclesiástico do Gran Hospital Real de Santiago, reitor da universidade compostelá (1781) e bispo electo de Lugo en 1785, non chegando a tomar posesión por morrer repentinamente.

Foi fundador da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (1784) e, tras o seu nomeamento como Director da mesma, exerceu dito cargo até a súa morte, o 8 de marzo de 1786, en Santiago de Compostela.

Foi soterrado na Capela do Salvador, da Catedral de Santiago.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Reales Sociedades Económicas de Amigos del País Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago Luís Marcelino Pereira

Ligazóns externas RSEAP de Santiago Pérez Constanti, Pablo: "Los Canónigos de Santiago (Segundo apéndice a Linajes Galicianos): Montenegro Páramo y Somoza" en Boletín de la Real Academia Gallega, nº 148.

Categoría:Ilustración (corrente intelectual) Categoría:Nados en Pantón