José Juan Figueiras García, nado en Vigo o 25 de xaneiro de 1979, é un exfutbolista galego que xogaba de porteiro. Militou en 11 clubs ao longo de 26 anos de carreira, sendo a Segunda División B e a Segunda División as categorías nas que máis partidos disputou, con 212 e 209 encontros respectivamente.
Traxectoria Comezou a xogar ao fútbol en varios equipos vigueses como o Rápido de Bouzas, o Areosa e o Valadares. Aos 18 anos, cando aínda era coñecido como Josiño e tras xogar dúas tempadas como xuvenil no Colegio Hogar San Roque, a segunda delas na División de Honra, foi fichado polo Real Valladolid para o seu filial, o Valladolid B. Con todo, no equipo de Segunda B que adestraba o tamén vigués Antonio Gómez só disputou un partido, na xornada 37 fronte ao Real Zaragoza B.
Na tempada 1999/00 volveu a Galicia para incorporarse ao CD Ourense. Nas súa primeira tempada en Ourense xogou no filial en Terceira, disputando tamén un partido co primeiro equipo en 2ªB, mentres que no seu segundo ano foi o porteiro suplente de Ramón no primeiro equipo, aínda que na parte final da tempada xogou tamén varios partidos co filial en Preferente. Na seguinte tempada, a 2001/02, volveu ser o porteiro suplente do primeiro equipo, tendo por diante a Santisteban e disputando un total de nove partidos.
No verán de 2002 fichou polo Celta de Vigo para xogar no seu filial, o Celta B, en Segunda División B. Foi o porteiro titular toda a tempada por diante de Dani Giménez e incluso debutou co primeiro equipo na penúltima xornada de Primeira División, fronte ao Real Racing Club de Santander en Balaídos, entrando na segunda parte despois de que Pablo Cavallero fora expulsado. Disputou a seguinte tempada de novo co filial como porteiro titular, e debutou na Copa do Rei co primeiro equipo, no partido de volta dos cuartos de final fronte ao Alavés.
Tralo seu paso polo club celeste volveu ao Ourense, adestrado por Milo Abelleira. No club ourensán recibiu só 11 goles en 20 partidos na primeira parte da tempada, o que propiciou o seu traspaso no mercado invernal ao Ciudad de Murcia, da Segunda División. O meta vigués fíxose coa titularidade no que restaba de tempada, pero nas seguintes tivo que competir polo posto con Jaime Jiménez. No 2008 o club foi trasladado de Murcia a Granada e o seu nome foi mudado a Granada 74, descendendo ao final da tempada.
No verán de 2009 asinou co Águilas para xogar de novo na categoría de bronce, disputando 38 partidos. Ao ano seguinte fichou polo Granada CF, con quen ascendeu en dous anos desde Segunda B até a Primeira División. Na súa primeira tempada no equipo andaluz xogou 17 partidos pero tras a chegada do tamén galego Roberto en 2010, apenas dispuxo de minutos, e non chegou a xogar co equipo en Primeira na tempada 2011/12. No verán do 2012 asinou polo Club Deportivo Lugo, na Segunda División, onde compartiu a portería nos dous primeiros anos con Yoel e Dani Mallo. Na súa segunda tempada acabou por converterse nun dos referentes do club albivermello, destacando actuacións como a da última xornada ante o Mirandés. En 2015 chegou de novo Roberto, que esta vez non conseguiu gañar a titularidade fronte a José Juan, o cal continuou como primeiro porteiro do Lugo ata 2017.
Tras cinco tempadas co club albivermello, onde disputou máis de 130 partidos, quedou libre e asinou co Elche CF da Segunda División B. Despois de conseguir o ascenso á Segunda División co club ilicitano na tempada 2017/18, perdeu a titularidade ao ano seguinte e abandonou o club en xuño de 2019. Fichou entón polo CD Alcoyano da Terceira División, co obxectivo de retornalo á Segunda B, obxectivo que conseguiu na súa primeira tempada. En xaneiro de 2021, a só 5 días de facer os 42 anos, tivo unha destacada actuación no partido de dezaseisavos de final da Copa do Rei fronte ao Real Madrid, no que o seu equipo conseguiu remontar o gol inicial de Militão e eliminar na prórroga ao 13 veces campión de Europa. O club de Alcoi caeu finalmente eliminado na seguinte rolda ante o Athletic Club.
Na tempada 2021/22, o Alcoyano volveuse enfrontar ao Real Madrid na mesma rolda da Copa, sendo desta vez a vitoria para o club madrileño por 1-3. Ao remate da campaña, José Juan deixou o equipo alacantino, cun total de 67 encontros oficiais disputados en dous anos. Fichou entón polo Athletic Torrellano, da Terceira División RFEF no que militou durante dous anos ata a súa retirada definitiva en 2024, aos 45 anos de idade.
Clubs AnoClubDivisiónPartidosGoles rec.1999-2000OurenseSegunda B112000-2001OurenseSegunda B002001-2002OurenseSegunda B9102002-2003Celta BSegunda B37392002-2003CeltaPrimeira122003-2004Celta BSegunda B32232004-2005OurenseSegunda B20122005Ciudad de MurciaSegunda15162005-2006Ciudad de MurciaSegunda17212006-2007Ciudad de MurciaSegunda21202007-2008Granada 74Segunda6142008-2009ÁguilasSegunda B37442009-2010GranadaSegunda B18192010-2011GranadaSegunda332011-2012GranadaPrimeira002012-2013LugoSegunda11182013-2014LugoSegunda27242014-2015LugoSegunda29422015-2016LugoSegunda37432016-2017LugoSegunda28362017-2018ElcheSegunda B36292018-2019ElcheSegunda15232019-2020AlcoyanoSegunda B27142020-2021AlcoyanoSegunda106
Notas
Categoría:Nados en 1979 Categoría:Nados en Vigo Categoría:Futbolistas de Vigo Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Real Valladolid B Categoría:Xogadores do CD Ourense B Categoría:Xogadores do CD Ourense Categoría:Xogadores do Celta de Vigo B Categoría:Xogadores do Celta de Vigo Categoría:Xogadores do CF Ciudad de Murcia Categoría:Xogadores do Granada 74 CF Categoría:Xogadores do Águilas CF Categoría:Xogadores do Granada CF Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do Elche CF Categoría:Xogadores do CD Alcoyano Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes