Pedro Antonio Cerviño Núñez, nado en Moimenta (O Campo Lameiro) o 6 de setembro de 1757 e finado en Buenos Aires o 30 de maio de 1816, foi un cartógrafo, agrimensor e matemático galego.
Traxectoria Cara 1781 emigrou a América e, posiblemente, en 1782 trasladouse a Buenos Aires. En 1783 foi nomeado enxeñeiro da expedición de recoñecemento da mina de ferro de Potosí. Parece que tres anos despois realizou unha carta dos ríos Paraná e Uruguai. De volta a Bos Aires en 1792, foi o encargado de deseñar un novo peirao, rúas e a ampliación da enseada de Barragán (1801). Foi, xunto con Alsina Gassa, impulsor e director da Escuela Náutica (1799), na que impartía clases de xeometría, trigonometría, hidrografía e debuxo ata a súa desaparición (1806). Foi partidario da difusión da ciencia para mellorar as condicións de vida da sociedade. Realizou traballos de carácter cartográfico, como o plano para ampliar as fronteiras dos indios (1801) ou o plano do arroio Maldonado (1805), e en 1814 foi o encargado de elaborar o plano topográfico de Bos Aires. Tamén fixo diversos traballos sobre as linguas indíxenas. Colaborou no xornal Telégrafo mercantil, rural, político e económico e historiográfico del Río de la Plata (1801-1802) e no Semanario de Agricultura, Industria y Comercio.
O CEIP do Campo Lameiro leva o seu nome, así como unha escola de primaria no barrio porteño de Flores, na que estudou o papa Francisco.
Notas
Véxase tamén
Bibliografía
Ligazóns externas
Categoría:Exploradores Categoría:Galegos da Arxentina Categoría:Nados no Campo Lameiro Categoría:Nados en 1757 Categoría:Finados en 1816