Gamma Ray é un grupo alemán de power metal formado en 1988 por Kai Hansen (que fora membro cofundador de Helloween), chegando a ser o máis popular deste subxénero. A temática das súas cancións adoita tomar elementos da ciencia ficción, e satisfai a maioría dos elementos máis propios do Heavy Metal máis clásico (a oposición ben-mal, a case que eterna busca da liberdade e da felicidade, a inconformidade, a autocrítica etc.). O símbolo adoitado para o grupo é o Ying-Yang.

Historia No ano 1989, despois de pasar 4 anos en Helloween, Kai Hansen deixou a banda, e despois de aparecer nos primeiros discos de Blind Guardian decidiu formar un proxecto propio. Así xunto a Ralf Scheepers (voz), Uwe Wessel (baixo) e Mathias Burchard (batería) formou Gamma Ray.

En febreiro de 1990 lanzaron o seu primeiro álbum, Heading For Tomorrow, e ese mesmo ano un EP chamado Heaven Can Wait. No seguinte disco, Sigh No More (1991), Uli Kusch substituíu a Mathias Burchard na batería e Dirk Schlächter apareceu como segundo guitarrista. En 1993 a banda lanzou o seu terceiro álbum, Insanity And Genius, incorporando a Thomas Nack á batería e a Jan Rubach no baixo, substituíndo a Uli e a Uwe respectivamente, debido a problemas persoais.

Máis tarde Ralf Scheppers abandonou a banda coa intención de ser o novo vocalista de Judas Priest, e finalmente formando Primal Fear xunto a Matt Sinner en 1998. Debido a isto, Kai Hansen viuse forzado a encargarse das voces, e con esa formación editaron Land Of The Free no ano 1995. A ese lanzamento seguiulle unha xira europea onde se gravaría o álbum en directo Alive '95.

Despois diso habería novos cambios na formación. Thomas e Jan deixaron a banda e Dirk Schlächter cambiou a guitarra polo baixo. Incorporaríanse Dan Zimmermann (batería) e Henjo Richter (guitarra). Con estes compoñentes gravaron o álbum conceptual Somewhere Out In Space, editado en 1997. En 1999 lanzaron Power Plant, considerado un dos mellores polos seareiros da banda. No ano 2000 aparecería o recompilatorio Blast from the Past, composto por temas escollidos polos propios seareiros e cantados todos por Kai Hansen.

No ano 2001 a banda editou o álbum No World Order, un disco conceptual que fala sobre a nova orde mundial e un ano despois apareceu un disco duplo en directo, Skeletons in the Closet. No 2005 editarían Majestic e no 2007 Land of the Free II, que representa a continuación conceptual de Land of the Free de 1995. Ese ano saíron de xira con Helloween e Axxis na Hellish Rock Tour 2007/08, despois de reconciliarse cos membros do seu antigo grupo. Nesa xira gravouse o concerto de Barcelona, celebrado o 16 de xaneiro do 2008, para ser incluído como extra no DVD Hell Yeah! The Awesome Foursome, lanzado o 27 de outubro dese ano.

O día 29 de xaneiro do 2010 Gamma Ray editou o seu último álbum ata a data, titulado To The Metal.

Membros Actuais Kai Hansen: guitarrista rítmico e vocalista. Henjo Richter: guitarrista solista e teclados. Dirk Schlächter: baixo. Daniel Zimmermann: batería.

Discografía Heading for Tomorrow - 1990 (RCA Records) Sigh No More - 1991 Insanity And Genius - 1993 Land Of The Free - 1995 Alive '95 (1996) Somewhere Out In Space (1997) The Karaoke Album (1997) (só no Xapón). Power Plant (1999) Blast From The Past (2000) No World Order (2001) Skeletons In The Closet (2003) Majestic (2005) Land of the free pt II - 2007 To The Metal - 2010

Categoría:Grupos musicais de Alemaña Gamma Ray Categoría:Grupos musicais formados en 1988