Shūsaku Endō (), nado en Tokyo o 27 de marzo de 1923 e finado na mesma cidade o 29 de setembro de 1996, foi un escritor católico xaponés. É recoñecido a nivel internacional pola súa novela histórica Chinmoku ("Silencio", 1966), adaptada ao cinema por Martin Scorsese en 2016. Recibiu numerosos premios literarios, entre os que destacan o Akutagawa e a Orde da Cultura nipoa. Foi nomeado membro da Orde de San Silvestre polo papa Paulo VI.

Xunto con Junnosuke Yoshiyuki, Shōtarō Yasuoka, Junzo Shono, Hiroyuki Agawa, Ayako Sono e Shumon Miura, forma parte da chamada Terceira xeración de escritores de posguerra.

Traxectoria Shūsaku Endō naceu en Tokyo en 1923. Pouco despois, a súa familia trasladouse a Dalian, que naquel momento formaba parte do territorio ocupado de Kwantung, en Manchuria. Tras o divorcio dos pais en 1933, Endō regresou coa súa nai ao Xapón, onde se instalaron na casa da súa tía en Kobe. Ao ano seguinte, foi bautizado no catolicismo, a fe da súa nai.

Endō matriculouse en Medicina na Universidade Waseda de Tokyo, mais logo abandonou esta carreira para estudar Literatura Francesa na Universidade Keiō. Durante a guerra, traballou nunha fábrica de munición, ao tempo que contribuía en diversas revistas literarias. Rematado o conflito, puido continuar os seus estudos na Universidade de Lyon, onde estivo entre 1950 e 1953. Durante esta etapa, estivo en contacto con moitos intelectuais e autores católicos franceses, que influenciaron profundamente a súa obra.

Tras regresar ao Xapón, comezou a gañar popularidade como escritor. En 1954, recibiu o premio Akutagawa pola súa novela Shiroi hito ("O home branco"). Ao ano seguinte, casou con Okada Junko, coa que tivo un fillo, Ryūnosuke, nado en 1956. Endō foi profesor en varias universidades nipoas. En 1956, foi contratado pola Universidade Sophia e, en 1967, foi nomeado profesor de Teoría da Novela na Universidade Seijo.

Durante a súa vida, Endō sufriu numerosas enfermidades, chegando a pasar dous anos ingresado nun hospital. En 1952, durante a súa etapa en París, padeceu pleuresía, que volvería a afectalo nunha viaxe a Francia en 1960. Por outra banda, tamén contraeu a tuberculose, polo que lle foi extirpado un pulmón.

En 1995, Endō recibiu a Orde da Cultura do goberno xaponés. Faleceu pouco despois por complicacións dunha hepatite no hospital da Universidade Keio de Tokyo, o 29 de setembro de 1996.

Obra Os seus libros reflicten moitas das súas experiencias de infancia, o que inclúe o estigma de ser diferente, e en moitos dos seus libros o seu catolicismo adquire un papel central, frecuentemente compárase a súa obra coa de Graham Greene polos conflitos morais que viven os seus protagonistas e pola escrita psicolóxica das súas novelas.

Publicacións Shiroi hito 白色い人 ("O home branco", 1955). Kiiroi hito 黄色い人 ("O home amarelo", 1955). Umi to dokuyaku 海と毒薬 ("O mar e o veleno", 1957). Trata sobre experimentos médicos realizados durante a segunda guerra mundial en prisioneiros de guerra estadounidenses. Obaka-san おバカさん ("O parvo", 1960). Trata sobre un francés que visita o Tokyo de posguerra. Chinmoku 沈黙 ("Silencio", 1966). O seu primeiro éxito de vendas, considerada a súa mellor obra. Relata o labor dos misioneiros portugueses no Xapón do século XVII. Ōgon no kuni 黄金の国 ("O país dourado", 1970). Peza de teatro, de temática semellante a Chinmoku. Samurai 侍 ("O samurai", 1980). A súa novela máis vendida. Conta a historia do samurai Hasekura Tsunenaga, enviado como embaixador a Nova España a comezos do século XVII. Fukai kawa 深い河 ("O río profundo", 1994).

Notas

Véxase tamén Bibliografía

Endo, Shusaku Endo, Shusaku Categoría:Nados en Tokyo Categoría:Personalidades do catolicismo do Xapón Categoría:Nados en 1923 Categoría:Finados en 1996