Alemaña () (en alemán: Deutschland , en alto sorbio: Němska, en baixo alemán: Düütschland, en baixo sorbio: Nimska, en dinamarqués: Tyskland, en frisón: Dütschland, en romaní: Jermaniya) oficialmente República Federal de Alemaña () (en alemán: Bundesrepublik Deutschland ) é un estado federal da Europa central. Limita ao norte co mar do Norte, Dinamarca e o mar Báltico, ao leste con Polonia e a República Checa, ao sur con Austria e Suíza, e ao oeste con Francia, Luxemburgo, Bélxica e os Países Baixos. O territorio alemán espállase ao longo de 357.021 km² e está influenciado, na meirande parte do territorio, por un clima temperado estacional.
Cunha poboación por riba dos 82 millóns de habitantes, é o país máis poboado da Unión Europea e o terceiro entre os países cunha maior comunidade estranxeira. A rexión chamada Xermania, habitada polos Xermanos, foi coñecida e documentada antes do ano 100 a.C.. Dende o século X os territorios alemáns formaron parte do Sacro Imperio Romano Xermánico até 1806. Durante o século XVI, as rexións setentrionais alemás convertéronse no centro da Reforma protestante. Como nación-estado moderno, a primeira unificación alemá produciuse en 1871, durante a guerra franco-prusiana. Trala Segunda guerra mundial, Alemaña ficou dividida en dous estados con fronteiras determinadas polas tropas aliadas en 1949. Ambos países reunificáronse en 1990. Alemaña (RFA) foi membro fundador da CEE en 1957, convertida na Unión Europea en 1993. Asemade, o país forma parte da Zona Schengen e adoptou o Euro en 1999.
Alemaña é unha república parlamentaria federal constituída por dezaseis estados (en alemán: Bundesländer). A capital e principal cidade do país é Berlín. É membro das Nacións Unidas, a OTAN, o G8 e o G4, e tamén asinou o protocolo de Kyoto. O país constitúe a quinta maior economía por PIB e o principal país exportador no ano 2007. En termos absolutos, é o segundo país do mundo cunha maior dotación orzamentaria para a cooperación co desenvolvemento, e o sexto en gasto militar. O país desenvolveu un alto nivel de vida e estableceu un complexo sistema de seguridade social. Posúe unha posición chave nos asuntos exteriores europeos e mantén diversos acordos de colaboración internacionalmente. Alemaña está recoñecida como un líder científico e tecnolóxico en diversos eidos.
Etimoloxía O termo "Alemaña" deriva do francés Allemagne (terra dos alamáns), en referencia ao pobo xermánico de mesmo nome que vivía na actual rexión fronteiriza entre Francia e Alemaña, e que durante o século V cruzou o Río Rin e invadiu a Galia. O país tamén é coñecido por Xermania, que deriva do latín Germania (terra dos xermanos).
Debido á súa situación xeográfica no centro de Europa e á súa longa historia coma rexión formada por variados tribos e estados, hai unha gran variedade de nomes do país, probablemente máis que calquera outra rexión europea. Así, en xeral, os nomes de Alemaña pódense clasificar en seis grupos diferentes:
Do protoxermánico "Þeudiskaz" (da xente) xorden os nomes de Deutschland (alemán), Þýskaland (islandés) ou Tyskland (dinamarqués). Do latín "Germania" xorden por exemplo Germany (inglés), Germania (italiano) ou An Ghearmáin (irlandés). A partir do nome da tribo dos alamáns xorde o galego Alemaña, ademais doutros exemplos como o bretón Alamagn, o turco Almanya. Do nome da tribo dos saxóns proveñen por exemplo o estoniano Saksamaa e o finés Saksa. Do antigo eslavo proveñen, entre outras, as formas Njemačka (bosníaco), Nemačka (serbio) ou Nemčija (esloveno). Posiblemente da palabra xermánica Volk (folk) xorden o letón Vācija ou o lituano Vokietija.
Historia
Tribos xermánicas
A etnoxénese das tribos xermánicas asúmese que ocorreu durante a Idade de Bronce nórdica ou, ao máis tardar, durante a Idade de Ferro prerromana. A partir da Escandinavia meridional e do norte de Alemaña, as tribos comezaron a expandirse cara ao sur, leste e oeste no século I a. C., e entraron en contacto coas tribos celtas da Galia, así como tribos iranianas, bálticas, e tribos eslavas na Europa Oriental. Pouco se sabe sobre historia xermánica antes diso, excepto a través das súas interaccións co Imperio Romano, pescudas etimolóxicas e achados arqueolóxicos.
miniatura|esquerda|Expansión das tribos xermánicas (750 a. C. - 1 d. C.). Por orde do emperador Augusto, o xeneral romano Publius Quinctilius Varus comezou a invadir Xermania (termo usado polos romanos para definir un territorio que comezaba no río Rin e ía até os Urais), e foi neste período cando as tribos xermánicas se familiarizaron coas tácticas de guerra romanas, mantendo porén a súa identidade tribal. No 9 d. C., tres lexións romanas lideradas por Varo foron derrotadas polo líder querusco Arminio na batalla da fraga de Teutoburgo. O territorio da actual Alemaña, así como os vales dos ríos Rin e Danubio, permaneceron fóra do Imperio Romano. No ano 100 d. C., na época do libro Xermania de Publio Cornelio Tácito, as tribos xermánicas asentadas ao longo do Rin e do Danúbio (a Limes Germanicus ou fronteira xermánica) ocupaban a maior parte da área da actual Alemaña. O século III viu o xurdir dun gran número de tribos xermánicas occidentais: alamáns, francos, chatti, saxóns, frisios, anglos, suevos, visigodos, vándalos, godos, ostrogodos, longobardos, sicambres e turinxios. Ao redor do 260, os pobos xermánicos romperon as súas fronteiras do Danubio e expandiron a limes cara ás terras romanas.
No ano 723 o territorio da Xermania central foi obxecto da predicación do apóstolo inglés Wynfrith, que adoptou o nome latino co que foi canonizado de Bonifacio. A conversión dos saxóns do norte deuse só durante o imperio carolinxio (comezos do século IX), coa súa conversión Carlomagno ao final puido civilizar a súa rexión, unificando culturalmente a Alemaña, como os romanos fixeran na Galia.
Sacro Imperio Romano Xermánico (962-1806)
miniatura|Os Príncipe Electores do Sacro Imperio Romano (1341). O 25 de decembro de 800 foi fundado o Imperio Carolínxio, o cal foi dividido en 843. O imperio medieval xurdiu coa porción oriental deste, existindo en diversas formas dende 962 até 1806. Estendíase dende o Río Eider, ao norte do país, até o Mediterráneo, no litoral sur. Moitas veces referido coma o Sacro Imperio Romano (ou o Antigo Imperio), foi oficialmente chamado Sacro Imperio Romano da Nación Alemá (en latín: "Sacro Romanum Imperium Nationis Germanicæ") a partir de 1448, para axustar o nome para o seu territorio de entón.
miniatura|esquerda|178px|Martiño Lutero deu inicio á Reforma protestante. Só co reinado dos emperadores Otonianos (919-1024) foron consolidados os ducados de Lorena, Saxonia, Franconia, Suabia, Turinxia e Baviera, e o rei alemán foi coroado Emperador do Sacro Imperio Romano desas rexións en 962. Baixo o reinado dos emperadores Salianos (1024-1125), o Sacro Imperio Romano absorbeu o norte da Italia e a Borgoña. Con todo, o emperador perdeu parte do poder a través da Querela das Investiduras coa Igrexa católica. Baixo os emperadores Hohenstaufen (1138-1254), os príncipes alemáns aumentaron a súa influencia cara ao sur e o leste, territorios habitados por pobos eslavos, bálticos e estonianos antes da ocupación alemá da rexión.
Co colapso do poder imperial en 1250, debido ao constante batallar coa Igrexa católica, fíxose necesario a creación dun novo sistema de escolla do emperador. Creouse así, o consello dos sete príncipes-electores, que tiñan o poder de escoller o comandante do Sacro Imperio. Durante ese período, as cidades comerciais uníronse para protexer os seus intereses comúns; sendo a máis coñecida delas a Liga Hanseática, que reunía poderosas cidades do norte alemán como Hamburgo e Bremen. A partir do século XV, os emperadores foron elixidos case exclusivamente a partir da dinastía Habsburgo de Austria.
O monxe Martiño Lutero publicou as súas 95 Teses en 1517, desafiando as prácticas da Igrexa católica, e dando inicio á Reforma protestante. O luteranismo tornouse a relixión oficial de moitos estados alemáns tras 1530 o que levou a conflitos relixiosos resultantes da división relixiosa no imperio, que xeraron a guerra dos Trinta Anos (1618-1648) que devastou os territorios alemáns. A Paz de Westfalia (1648) acabou coa guerra relixiosa entre os estados alemáns, mais o imperio estaba de facto dividido en moitos principados independentes. De 1740 en diante, o dualismo entre a Monarquía austríaca dos Habsburgo e o Reino de Prusia dominou a historia alemá. En 1806, o Imperium foi disolto como resultado das guerras napoleónicas.
Restauración e revolución (1814-1871)
miniatura|esquerda|O Parlamento de Frankfurt (1848). Despois da caída de Napoleón Bonaparte, o Congreso de Viena reuniuse en 1814 e a súa resolución fundou a Confederación Xermánica (en alemán: Deutscher Bund), a unión de trinta e nove estados soberanos.
Desentendementos coa restauración política proposta polo Congreso de Viena, parcialmente levou ao xurdir de movementos liberais, esixindo unidade e a liberdade. Estes, porén, foron reprimidos con novas medidas de represión por parte do estadista austríaco Metternich. A Zollverein, unha unión aduaneira, procuraba unha unión económica dos estados alemáns. Durante esta época, moitos alemáns foran axitados cos ideais da Revolución Francesa, e o nacionalismo pasou a ser unha forza máis significativa, especialmente entre os mozos intelectuais. Por primeira vez, o negro, o vermello e o dourado foron escollidos para representar o movemento, os cales máis tarde se tornaron as cores da bandeira de Alemaña.
Por mor dunha serie de movementos revolucionarios na Europa, que estabeleceron con éxito unha república en Francia, intelectuais e burgueses comezaron a Revolución de 1848 nos Estados alemáns. Os monarcas inicialmente aceptaron as esixencias dos revolucionarios liberais para conter a mobilización popular. Ao Rei Frederico Guillerme IV foille ofrecido o título de Emperador, mais sen poder absoluto. Con todo, rexeitou a coroa e a proposta de Constitución, o que conduciu a un revés temporal no movemento.
O conflito entre o rei Guillerme I de Prusia e o parlamento cada vez máis liberal foi roto durante a reforma militar en 1862, cando o rei nomeou a Otto von Bismarck o novo Primeiro Ministro de Prusia. Bismarck trabou con logro unha guerra coa Dinamarca, en 1864. A vitoria prusiana na guerra austro-prusiana de 1866 permitiu crear a Confederación Alemá do Norte (en alemán: Norddeutscher Bund), que excluía a Austria, ex-líder dos estados alemáns, dos asuntos dos Estados restantes.
Imperio alemán (1871-1918)
miniatura|dereita|Fundación da moderna Alemaña en Versalles, Francia, en 1871. Bismarck aparece no centro cun uniforme branco. O estado coñecido como Alemaña foi unificado como un moderno Estado-nación en 1871, cando o imperio alemán foi creado co Reino de Prusia, o seu principal constituínte. Trala derrota francesa na guerra franco-prusiana, o Imperio alemán foi proclamado en Versalles o 18 de xaneiro de 1871. A Casa de Hohenzollern de Prusia declarou o novo imperio, con capital en Berlín. O imperio, coñecido como Segundo Reich era unha unificación de tódalas partes de Alemaña, agás Austria, a Kleindeutschland ("Pequena Alemaña"). A partir de 1884, o país comezou a estabelecer colonias fóra de Europa, primeiro por iniciativa privada e despois co aval estatal. Durante ese período experimentou un gran crecemento económico, cunha forte industrialización, especialmente das industrias mineira e metalúrxica, e das derivadas das enxeñarías eléctrica, mecánica e química.
esquerda|miniatura|O Imperio Alemán (1871-1918), co Reino de Prusia en azul. No Gründerzeit, período posterior á unificación, a política externa de Guillerme I garantiu a posición do Imperio Alemán mediante alianzas comerciais e políticas con outros países europeos. Deste xeito, foi illando a Francia por medios diplomáticos, a través de acordos secretos. A unificación foi consolidada con Rusia como principal aliada.