Francisco Javier González Sotelo, coñecido como Xabier González, nado en Ourense o 26 de marzo de 1958 e finado na mesma cidade o 26 de abril de 2023,Xabier González Sotelo, o raio aceso dunha estreliña foi un escritor e político galego.

Traxectoria Participou na refundación do Partido Galeguista en 1978, sendo elixido membro do Consello Nacional e da Executiva local de Ourense, da que foi Secretario. Participou no proceso de creación de Coalición Galega, pero opúxose á disolución do Partido Galeguista cando a coalición decidiu converterse en partido. Liderou a oposición á disolución do Partido Galeguista o que provocou que o Secretario Xeral, Xosé Henrique Rodríguez Peña, promovese un expediente disciplinario que finalizou coa súa expulsión.

Xunto a outros opositores á disolución do Partido Galeguista como Ramón Martínez López e Manuel Beiras García, promoveu a convocatoria do V Congreso do Partido Galeguista que deu lugar ao Partido Galeguista Nacionalista, con Xesús Manuel Suárez García como Secretario Xeral e no que foi elixido Vicesecretario Xeral Responsable de Política Exterior.

Asinante do pacto electoral que conformou a Plataforma Galeguista e da Esquerda Unida, coa que o PGN concorreu ás eleccións xerais de 1986, nas que se presentou como candidato ao Senado pola provincia de Ourense.

En 1988 volveu á actividade política a instancias de Ramón Martínez López para formar parte da Executiva Nacional do Partido Nacionalista Galego-Partido Galeguista; sendo un dos redactores do “Manifesto Nacionalista do 5 de Decembro de 1988” que conformou a base ideolóxica desta alianza. Cando a fins de 1990 o Secretario Xeral, Xosé Henrique Rodríguez promove a integración do PNG-PG no Bloque Nacionalista Galego, Xabier González volveu opoñerse á integración e, de novo, foi expedientado e expulsado. Esta situación rompeu a alianza do Partido Galeguista co Partido Nacionalista Galego e o 6 de novembro de 1990, o PG volveu recuperar a súa soberanía. En decembro de 1990 celebrouse o VII Congreso do PG en Santiago de Compostela, resultando elixido Presidente do Consello Nacional. O PG, por primeira vez, participou en solitario nunha contenda electoral: as eleccións municipais de 1991.

Redactor do manifesto “Galeguismo, a Identidade”, presentado o 5 de decembro de 2003, que marcou a volta á actividade política do Partido Galeguista; no VIII Congreso, celebrado en Pontevedra en novembro do 2004 foi elixido Presidente do PG.

O 12 de xuño de 2006 o Consello Galeguista aprobou a “Proposta Galeguista de III Estatuto de Galicia”, que presentou con Manuel Soto Ferreiro o 28 de xuño de 2006 ante a Comisión do Parlamento Galego para o Debate e Reforma do Estatuto de Galicia.

Foi director das compañías Kéltike Teatro (Amoeiro), Taller Experimental de Teatro (O Carballiño), Orballo Teatro (1990-1992) e coordinador do Festival do Teatro Galego (O Carballiño, 1991 e 1992).

Obras Narrativa El efecto doppler, 1999. Escritos da Nación Proibida, 2001 Corsario de ciudad, 2002 Mudayyan, 2005.

Poesía Nas corredoiras do íntimo estronicio, 1985. Juegos de olvido, 2001.

Obras colectivas La memoria de los triángulos, 2004. Sensibilidades oro, 2005. Recoñecementos

Botón de Ouro da Asociación Fillos de Ourense de Caracas, 2003.

Membro Honorario da Asociación de Escritores de Mérida (Venezuela).

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Ficha en galegos.info

Categoría:Políticos de Galicia Categoría:Escritores de Galicia en lingua galega Categoría:Escritores de Galicia en lingua castelá Categoría:Nados en Ourense Categoría:Nados en 1958 Categoría:Finados en 2023 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes