Para ver a especie máis común en Galicia ver o artigo toxo arnal

Toxo é o nome común que reciben as especies do xénero Ulex; un xénero de arredor de 20 especies de arbustos perennes da familia Fabaceae, nativos da Europa occidental atlántica e do norte de África, coa maioría das especies na Península Ibérica, e concretamente en Galicia.

A especie máis espallada é o toxo arnal (Ulex europaeus), que medra en sitios asollados, e solos areentos, acadando unha altura de até 2-3 metros. As flores, chamadas chorimas ou choridas, teñen un forte recendo a coco. Considérase a flor nacional de Galicia. A semente recibe o nome de nabía de toxo.

En lugares coma América do Norte, América do Sur, Nova Zelandia e Australia introduciuse coma planta ornamental. Nalgunhas zonas naturalizouse polo que se considera especie invasora.

Especies Ulex argenteus Ulex australis Ulex boivinii Ulex borgiae Ulex canescens Ulex cantabricus Ulex densus Ulex eriocladus C. Vicioso, (endemismo ibérico) Ulex europaeus, toxo arnal, toxo común, toxo. Ulex gallii, toxo femia Ulex genistoides Ulex micranthus, (endemismo galego) Ulex minor, toxo gateño, toxo molar Ulex parviflorus

Galicia Especies En Galicia aparecen catro especies principalmente: Ulex europaeus, toxo arnal, toxo bravo ou toxo albar. Ulex gallii, toxo femia, máis espiñento (aínda que as espiñas son un pouco máis pequenas, até 3 cm) e baixo que o anterior e probabelmente o máis frecuente de Galicia, xa que ten maiores límites de tolerancia que o toxo bravo, medrando desde os solos húmidos das brañas até os solos máis secos, e dende o nivel do mar até os 1500m. Ulex minor, toxo gateño ou toxo molar, máis termófilo, e con máis peluxe que os anteriores, con espiñas un pouco máis miúdas (até 2 cm). Atópase en todo o territorio agás nas zonas máis mediterráneas. Ulex micranthus, toxo brañego, termófilo e menos frecuente, sendo endemismo do sur de Galicia e norte de Portugal, tendo o seu límite setentrional na cidade de Pontevedra. É o máis pequeno dos toxos galegos, pois apenas acada os 80 cm, as súas espiñas chegan a 1 cm e posúe pólas curvas. Tamén chamado Ulex lusitanica, aínda que un nome máis correcto sería Ulex gallaica.

Etnoloxía O toxo servía coma alimento do gando, coma estrume e tamén para roxar o forno. A parte lígnea, moi dura, servía tamén coma combustíbel nas cociñas de leña e nas lareiras. Tamén para facer os caxatos (cos que tamén se xogaba á choca). Refráns Ser coma un toxo arnau, ser áspero no trato. (Salvaterra de Miño). Todo é toxo e por rozar, non hai onde escoller. (Viveiro).

Véxase tamén Outros artigos Toxo arnal Chorima

Ligazóns externas

Plant Systematics Angiosperm Phylogeny Website Pflanzeneinkaufsführer für Europa Botánica sistemática Encyclopedia of Life The International Plant Names Index

Categoría:Arbustos