Fernando García de Cortázar Ruiz de Aguirre, nado en Bilbao o 4 de setembro de 1942 e finado en Madrid o 3 de xullo de 2022, foi un historiador español e catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Deusto. Foi irmán de José Ángel García de Cortazar, historiador medievalista.

Traxectoria

Formación Ligado á Compañía de Xesús dende 1959, formouse como xesuíta en Orduña e en Villagarcía de Campos para logo facer o maxisterio, etapa de traballo nun centro da orde, en Pamplona. No Santuario de Loiola ordenouse sacerdote en 1971 e, en 1978, tomou os votos definitivos como xesuíta. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Salamanca e Teoloxía en Madrid.

Carreira profesional Doutor en Historia Moderna e Contemporánea, e en Teoloxía, e catedrático de Historia na Universidade de Deusto, da que foi profesor e decano na Facultade de Filosofía e Letras entre 1981 e 1982. En 2007 e ata o seu pasamento foi profesor emérito da Facultade de Ciencias Sociais e Humanas da Universidade de Deusto. Tamén foi presidente da Fundación Grupo Correo e da Fundación Vocento.

Considerado como un discípulo de Miguel Artola, os eidos de investigación preferente de Fernando García de Cortázar foron a Historia de España, de Euskadi e da Igrexa. Destacou como divulgador e algunhas obras, como Breve Historia de España, acadaron un importante éxito de vendas. Tamén participou como coordinador do equipo de historiadores que supervisou a serie documental Memoria de España emitida por TVE en 2004.

Foi patrono de honra da Fundación para a Defensa da Nación Española, consideraba que a diversidade de España facíaa unha "nación multicultural", e criticou que os gobernos de España buscasen o apoio de forzas políticas nacionalistas. Tamén descualificou o proceso independentista catalán. Dirixiu a Fundación 2 de maio, nación e liberdade, creada pola Comunidade de Madrid para conmemorar o bicentenario da Guerra de Independencia, ata a súa disolución en 2014.

Dende 1986 foi académico correspondente por Biscaia da Real Academia da Historia. Foi galardoado co Premio Nacional de Historia de España 2008 pola obra "Historia de España desde el arte", o Premio de novela histórica Afonso X por "Tu rostro con la marea" ou o Premio Bravo de 2020 concedido pola Conferencia Episcopal de España, por citar algúns recoñecementos. Tamén foi condecorado coa Orde do Mérito Constitucional de España e coa Orde das Palmas Académicas de Francia.

Morte Morreu durante a madrugda do 3 de xullo de 2022, cando contaba con 79 anos, tras levar 3 días ingresado na Clínica de la Luz, en Madrid, onde entrou por mor dunha peritonite.

Obra De entre as súas obras, destacan:

1991, Los pliegues de la tiara: la Iglesia y los Papas del Siglo XX 1994, Breve historia del siglo XX

1995, Diccionario de historia del País Vasco 1995, Álbum de la historia de España

1996, Historia del mundo actual 1998, Biografía de España 2000, Fotobiografía de Franco 2003, España, 1900. De 1898 a 1923 2004, El siglo XX: diez episodios decisivos 2006, Historia de España: de Atapuerca al Estatut 2006, Los perdedores de la historia de España 2007, Historia de España desde el Arte 2008, Breve historia de la cultura en España 2010, Historia de España para dummies 2011, Leer España 2012, Comparece: España 2013, Pequeña historia del mundo 2013, Pequeña historia de los exploradores 2014, Momentos emocionantes de la Historia de España 2017, Breve historia de España 2017, Viaje al corazón de España 2020, Los mitos de la historia de España

Tamén escribiu dúas novelas: 2014, Tu rostro con la marea 2016, Alguien heló tus labios

Notas

Véxase tamén

Categoría:Nados en Bilbao Categoría:Nados en 1942 Categoría:Historiadores do País Vasco Categoría:Premio Nacional de Historia de España Categoría:Xesuítas de España Categoría:Sacerdotes católicos de España Categoría:Sacerdotes da Igrexa católica latina Categoría:Sacerdotes católicos do século XX Categoría:Sacerdotes católicos do século XXI Categoría:Catedráticos da Universidade de Deusto Categoría:Finados en 2022