Eole, tamén coñecido como EOLE 1, CAS 1 (Cooperative Application Satellite) e FR 2 (France 2), foi un satélite artificial francés lanzado o 16 de agosto de 1971 mediante un foguete Scout B1 estadounidense desde Wallops Island.
Características Eole foi o segundo satélite francés meteorolóxico experimental e o primeiro lanzado en colaboración coa NASA e o Centre National d'Etudes Spatiales (CNES). A súa función principal foi a de retransmitir os datos dunha rede mundial de globos meteorolóxicos que facían medicións sobre altura, presión, temperatura, humidade e velocidade do vento.
O satélite tiña forma octogonal, cunha distancia entre vértices opostos de 0,71 m e unha lonxitude de 0,58 m. A alimentación eléctrica era proporcionada por oito paneis solares rectangulares despregados cun ángulo de 45 graos con respecto do corpo do satélite e quince baterías recargables de prata-cadmio que proporcionaban de media unha potencia de 20 vatios. O satélite mantíñase orientado cara a Terra mediante a técnica de gradiente de gravidade usando un mastro de 10,06 m de longo. A precisión do control de actitude alcanzaba os 9 graos respecto da local vertical.
Eole gardaba a bordo os datos que recollía dos globos meteorolóxicos e os retransmitía a petición cando se atopaba ó alcance dunha estación de terra. O conxunto do sistema de telemetría consistía nun transmisor de baixada de datos cara ás estacións que funcionaba a 136,350 MHz e que tamén era usado como baliza de seguimento; un receptor a 148,25 MHz para comandos e datos dos globos; e un transmisor (464,84 MHz) e receptor (401,7196) entre o satélite e os globos.
O satélite foi inxectado nunha órbita inicial de 904 km de apoxeo e 677 km de perixeo, cunha inclinación orbital de 50,1 graos e un período de 100,6 minutos. As operacións co satélite foron un éxito salvo pola destrución de 71 globos meteorolóxicos producida polo envío dun comando erróneo desde o control de terra. O último dos globos meteorolóxicos transmitiu en xaneiro de 1973, pero Eole seguiu sendo usado para transmitir datos de boias oceánicas e navíos.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Peole
Categoría:Satélites artificiais