European Remote Sensing Satellite 1 (ERS 1) foi o primeiro dos dos satélites ERS, satélite artificial da Axencia Espacial Europea lanzado o 17 de xullo de 1991 mediante un foguete Ariane 4 desde o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa.
Características ERS 1 foi un satélite adicado á observación terrestre para o estudo dos océanos, as capas polares e as rexións costeiras. Proporcionou medidas sistemáticas e continuas da velocidade do vento e a súa dirección, da altura das ondas, das alturas superficiais, da temperatura, da cuberta nubosa e dos niveis de vapor de auga na atmosfera. Foi o primeiro satélite en órbita heliosincrónica da ESA e construíuse baseándose no bus dos satélites franceses SPOT.
Os datos do ERS 1 foron compartidos coa NASA en virtude dun acordo polo que esta compartía datos dos seus satélites Seasat e Nimbus 7. O satélite tiña o seu centro de control en Darmstadt (Alemaña), cun gran número de estacións terrestres participando no seguimento e a recollida de datos.
ERS 1 deixou de funcionar o 10 de marzo de 2000 a causa do fallo do sistema de control de actitude e tras triplicar a súa expectativa de vida. Durante a súa misión, ERS 1 orbitou máis de 45.000 veces arredor da Terra, obtendo máis de 1,5 millóns de imaxes individuais de radar mediante o seu radar de apertura sintética (SAR polas súas siglas en inglés).
A ESA lanzou o ERS 2 en abril de 1995, que solapou a súa misión durante uns anos coa de ERS 1, proporcionando un valor engadido en forma de obtención simultánea de datos. Posteriormente, en 2002, se lanzou o que se considera como herdeiro de ámbolos dous ERS, o Envisat 1.
A nave ERS 1 estabilizábase nos tres eixos, cunha precisión no apuntado de 0,11 graos en cabeceo e rolamento, e de 0,21 graos en guiñada. A enerxía proporcionábaa un único panel solar de 11,7 m de longo e 2,4 m de ancho cunha potencia máxima de saída de 2600 vatios que alimentaba un conxunto de baterías de níquel-cadmio cunha capacidade de almacenamento de 2,65 kWh. A antena do SAR medía 10 m de longo por 1 m de ancho. As comunicacións tiñan lugar en banda S a 2 kbps e en banda X a 105 Mbps ou 15 Mbps. O sistema de almacenamento de datos de a bordo consistía nunha cinta magnética capaz de almacenar ata 6,5 Gbits de datos. O control de actitude conseguíase mediante pequenos propulsores alimentados con hidracina, mentres que a orientación era proporcionada por sensores solares e de horizonte e por xiroscopios.
Instrumentos ERS 1 levaba a bordo cinco instrumentos principais:
AMI (Active Microwave Instrument): incluía o radar de apertura sintética, o dispersómetro de ondas e o dispersómetro de vento. O SAR podía funcionar en dous modos: o modo de obtención de imaxes rexistraba longas franxas de terreo sobre océanos, polos, costas e terra; o modo de ondas obtiña datos en cadrados de 5 x 5 km de maneira regular sobre o océano para derivar a dirección e altura das ondas. O dispersómetro de vento usaba tres antenas para medir a forza e dirección do vento na superficie do mar. Altímetro Radar (RA): proporcionaba medicións precisas da elevación da superficie do mar, altura das ondas, parámetros do xeo e unha estimación da velocidade do vento en superficie. Radiómetro e sondador de exploración (ASTR-M): medía a temperatura superficial do mar e da cima da cuberta de nubes, así como o contido de vapor de auga da atmosfera, mediante o uso dun radiómetro infravermello e un sondador de microondas. Reflector láser (LRR): usado para a determinación precisa da órbita e calibración do RA. Equipamento de seguimento de precisión (PRARE): usado para a determinación da órbita.
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
European Remote Sensing satellite
European Remote Sensing Satellite 2 Environmental Research Satellites Envisat 1
Categoría:Satélites artificiais Categoría:Axencia Espacial Europea