As aves de rapina ou aves de presa son aves que cazan presas para alimentarse, utilizando o seu bico e as súas garras afiadas. As súas garras e peteiros tenden a ser relativamente grandes, potentes e adaptados para desgarrar e/ou perforar a carne.

O termo "rapaz" deriva da palabra latina rapere, é dicir, "apoderarse" ou "tomar pola forza".

Definición

Tomado literalmente, o termo "ave de presa" ten un significado amplo que inclúe moitas aves que cazan e se alimentan de animais e incluso aves que se alimentan de insectos moi pequenos. Na ornitoloxía, e na definición utilizada aquí, o termo ten un significado máis estreito e refírese ás aves que contan cunha moi boa vista que serve para encontrar alimentos, garras fortes para agarrar presas, e un forte peteiro curvado para desgarrar a carne. A maioría das aves de presa tamén teñen fortes garras curvas para coller e matar á presa. En xeral, as aves de presa aliméntanse de vertebrados que acostuman ser bastante grandes en relación ao tamaño da ave. A maioría tamén se alimenta de prea, ao menos ocasionalmente, e no caso dos voitres e cóndores comen prea como a súa principal fonte de alimento. A modo de exemplos, a definición máis estreita exclúe as cegoñas e as gaivotas, que chegan a comer peixes bastante grandes, en parte porque estas aves capturan e matan as súas presas por completo cos seus peteiros.

Con este conxunto de características anatómicas e de comportamento, as especies que figuran a continuación son polo xeral consideradas aves de presa na ornitoloxía. As aves de presa poden dividirse en especies que cazan durante o día, as rapaces diúrnas (Falconiformes), e as especies que cazan durante a noite, as rapaces nocturnas (Estrixiformes). As aves rapaces diúrnas e nocturnas están afastadas e clasificanse en distintas ordes. Porén, a súa evolución foi converxente, e ambos grupos de aves desenvolveron a súa propia adaptación ao estilo de vida depredador.

Notas

Categoría:Aves