Arsenio Iglesias Pardo, tamén coñecido como o Bruxo de Arteixo"El deportivismo despidió a 'O Bruxo de Arteixo' con gritos de "Arsenio, eres Dios"" (6 de maio de 2023). El Progreso . ou o Raposo de Arteixo,"Arsenio Iglesias, O Raposo de Arteixo" (21 de decembro de 2018). Concello de Arteixo. ou simplemente Arsenio,"Arsenio ya descansa en Arteixo, su leyenda perdura en Riazor" (6 de maio de 2023). La Opinión A Coruña . nado na Baiuca (Arteixo) o 24 de decembro de 1930 e finado na Coruña o 5 de maio de 2023, foi un futbolista e adestrador de fútbol galego que estivo unido durante boa parte da súa carreira ao Deportivo da Coruña, onde acadou importantes éxitos deportivos, converténdose nunha das figuras máis destacadas da historia do club.
Como futbolista xogaba de dianteiro, e tras pasar polo Bergantiños, o Fabril e o Xuvenil, debutou en Primeira División co Deportivo na tempada 1951/52. Xogou seis anos co club coruñés, disputando 146 partidos oficiais e marcando 33 goles. Na tempada 1957/58 xogou no Sevilla, co que debutou na Copa de Europa, e a continuación recalou no Granada, onde militou durante seis tempadas, tres delas na máxima categoría. Na primeira delas anotou nove goles na Copa do Xeneralísimo, axudando ao seu equipo a acadar unha histórica final contra o FC Barcelona, na que Arsenio fixo o único gol granadino. Na segunda metade da tempada 1963/64 fichou polo Oviedo, contribuíndo á súa salvación con dous goles na promoción de permanencia, e despois de xogar outro ano no club asturiano pechou a súa carreira no Albacete.
Comezou a súa traxectoria como adestrador en 1967 no Fabril, ao que dirixiu ata 1971 cando se sentou por primeira vez no banco do Deportivo para substituír o cesado Roque Olsen. Conseguiu o ascenso a Primeira esa mesma tempada e permaneceu dúas máis como adestrador do club na máxima categoría. Entre 1973 e 1977 adestrou o Hércules, sendo artífice da época dourada do club alacantino. No seu primeiro ano logrou o ascenso dende Segunda división, e nos dous seguintes acadou a quinta e a sexta posición da Primeira división. Na tempada 1977/78 foi campión de Segunda co Zaragoza, e a continuación pasou polo Burgos, o Elche e o Almería, antes de regresar en 1982 ao Deportivo da Coruña. Deixou o equipo en 1985 e despois dun breve paso polo Compostela volveu ao Deportivo en 1988. En 1991 devolveu o Deportivo á Primeira división case dúas décadas despois e acto seguido deixou o fútbol. Con todo, o Deportivo recorreu a el ao ano seguinte, tras a destitución de Boronat, para salvar a difícil situación do equipo. Logrou a permanencia e ficou tres anos máis como adestrador branquiazul, dando inicio á era do chamado Súper Dépor. Obtivo un terceiro posto na liga e dous subcampionatos, o segundo deles despois de ocupar o liderado durante a meirande parte da tempada ata perdelo na derradeira xornada contra o Valencia, a do famoso penalti de Đukić. Na súa última tempada conquistou a Copa do Rei, o primeiro título oficial da historia do Deportivo, nunha final disputada contra o Valencia no Santiago Bernabéu en dous días, ao ser o partido suspendido pola intensa choiva. O seu último club foi o Real Madrid, ao que chegou mediada a tempada 1995/96 para substituír a Valdano.
En 2005 foi designado xunto a Fernando Vázquez, adestrador da selección galega, combinado que recuperaba a súa actividade despois de décadas de ausencia. Ambos os técnicos dirixiron o equipo galego nos catro encontros que este disputou ata 2008. A importancia de Arsenio no fútbol coruñés e no deporte galego en xeral, valéronlle numerosas homenaxes e recoñecementos, entre elas un monumento situado nas inmediacións do estadio de Riazor ou a Medalla Castelao que lle foi concedida no 2012.
Traxectoria
Como futbolista
Comezos en Arteixo Foi o noveno fillo dunha familia labrega da Baiuca, en Arteixo, sendo seus pais Arsenio Iglesias González e Dolores Pardo Alvedro. Axiña demostrou sentir unha gran paixón polo fútbol, deporte que comezou a practicar xunto a outros rapaces da vila, xogando descalzos con pelotas de goma ou feitas con trapos. Durante a adolescencia xogou algúns partidos co Penouqueira, de xeito esporádico, pois o club aínda non estaba federado.
Ciudad Jardín e Bergantiños (1947-1950) En 1946 marchou á Coruña para estudar na Escola do Traballo (hoxe IES Fernando Wirtz), e ao ano seguinte comezou a xogar no CD Ciudad Jardín, debutando cun triplete contra o Orzán (3-2). Militou só un ano no modesto club coruñés, pois fixouse nel Antonio Vázquez Mouzo, presidente do Bergantiños, que o levou para o equipo carballés, que militaba naquel entón na Serie A Rexional e que disputaba tamén o Campionato Galego de Afeccionados. Durante esta época compaxinaba os estudos e o fútbol co seu traballo na montaxe da liña eléctrica para os trolebuses da Coruña a Carballo.
Fabril e Xuvenil (1950-1951) Despois de dúas tempadas no Bergantiños, e de xogar un partido coa Ximnástica Lucense na Copa Galicia fronte á Orensana, marcando un gol, fichou en 1950 polo Fabril, que xogaba tamén na Serie A, e que naquel entón aínda non era filial do Deportivo da Coruña, mais mantiña un convenio con este. Alí coincidiu con xogadores como Carlos Torres ou Fernando Pavón e tivo como adestrador a Chacho, quen tamén o dirixira no Bergantiños.
Deportivo da Coruña (1951-1957) En 1951 fichou polo Deportivo da Coruña, e xogou algúns encontros co filial deste en Terceira, o Xuvenil, onde realizou destacadas actuacións, cun equipo no que xogaban entre outros Otero, Dieste ou Juananco. En outubro dese ano, despois dun partido contra o Polvorín no que anotou catro goles, o adestrador do Deportivo, Chacho, subiuno para o primeiro equipo, que tiña varias baixas na dianteira.
Debutou na Primeira División na xornada 8 da tempada 1951/52, nun encontro que enfrontou ao Deportivo contra o FC Barcelona no Camp de les Corts e que acabou 6-1 para os barceloneses. Seis días despois marcou o seu primeiro gol, contra o Español no estadio de Riazor, e xa non saíu da formación titular en toda a tempada. A pesar de chegar tarde ao equipo, acabou como máximo goleador deste, empatado con Oswaldo e Moll a sete goles, dous deles anotados nun mesmo partido contra o Real Madrid de Pahiño, e outro contra o FC Barcelona na segunda volta, onde conseguiu superar ao histórico gardameta Ramallets. A lenda conta que despois de anotar, Arsenio colleu a bóla e pediu desculpas ao porteiro catalán. Con todo, segundo o dianteiro, isto foi unha invención dos seus compañeiros.
Na seguinte tempada estivo varias xornadas de baixa por lesión, precisando dunha operación cirúrxica antes de comezar a competición. Reapareceu na xornada 5 no derbi co Celta de Vigo, pero non conseguiu máis dun gol en toda a tempada, na que o equipo acabou preto do descenso, tendo que xogar unha promoción de permanencia. Para dita promoción chegou ao banco o arxentino Helenio Herrera (o quinto adestrador da tempada), que tería unha grande influencia na carreira de Arsenio. O equipo acabou logrando a salvación nun agónico derbi co Celta. Durante esa tempada e a seguinte Arsenio alternou a titularidade coa suplencia, nun equipo con destacados xogadores do medio do campo para diante, entre eles Pahiño, Luis Suárez e algúns membros da antiga Orquestra Canaro. No verán de 1954 participou co equipo na xira suramericana, e marcou un gol fronte ao Peñarol no Estadio Centenario.
Comezou a campaña 1954/55 cumprindo unha sanción da tempada anterior, onde fora expulsado por unha liorta con Biosca nun encontro de Copa fronte ao FC Barcelona. Ao seu regreso fíxose cunha praza fixa na dianteira do equipo dirixido por Toba, sendo titular en todos os restantes encontros de liga, e marcou sete goles, contribuíndo a que o equipo acabase sétimo por segundo ano consecutivo. Na tempada seguinte disputou todos os partidos de liga, marcando outros sete goles, incluído o número 600 do Deportivo en Primeira. Ademais participou na primeira conquista para o equipo coruñés do Trofeo Teresa Herrera na súa décima edición, nun partido de 130 minutos contra o Athletic que a prensa da época definiu como un dos máis memorábeis da historia do fútbol coruñés.
A súa mellor cifra goleadora conseguiuna na 1956/57, na que marcou oito goles en 24 partidos. Con todo, o equipo rematou penúltimo e descendeu a Segunda despois de nove tempadas na elite.
Sevilla FC (1957-1958) Para a tempada 1957/58, deixou o Deportivo despois de seis tempadas, e fichou polo subcampión de liga, o Sevilla FC, que pagou preto dun millón de pesetas ao club coruñés polo xogador arteixán, ademais das cesións de Liz e Arenas. Asinou co club andaluz xa antes de rematar a tempada anterior, sendo o adestrador sevillista aínda Helenio Herrera, pero ao chegar á cidade hispalense o arxentino xa non estaba no banco, o que foi unha gran decepción para Arsenio.
No Sevilla coincidiu con xogadores históricos do club como Juan Arza, Busto, Campanal II ou Valero. Debutou o 26 de setembro de 1957, nun partido da Copa de Europa contra o Benfica de Mário Coluna. Xogou tamén os oitavos de final contra o AFG danés, pero a súa participación co equipo adestrado esa tempada por Grech primeiro, e Villalonga despois, reduciuse a 11 encontros entre as tres competicións, e tres goles.
Granada CF (1958-1964) Na tempada seguinte foi traspasado xunto a Ramoní ao Granada CF de Scopelli, nunha operación pola que Gilberto Navarro pasou a ser xogador do Sevilla, e na que entrou tamén Loren, cedido ao Granada. Disputou só 17 encontros de liga na súa primeira tempada, e non conseguiu ningún gol neles. O equipo acabou en postos de promoción de permanencia e Scopelli foi destituído xa antes do remate, sendo substituído por Jenő Kalmár. O húngaro mudou o xogo do equipo e Arsenio tivo unha destacada actuación na Copa do Xeneralísimo, marcando nove goles na competición e sendo determinante para que o equipo acadase unha histórica final, a primeira e única da historia do club. Marcou dous goles contra o Elche en dezaseisavos de final, outros dous contra o Cádiz en oitavos, tres contra o Plus Ultra en cuartos e outro nas semifinais contra o Valencia. Deste xeito, o equipo chegou ata a final, onde se mediu ao FC Barcelona de Helenio Herrera no Santiago Bernabéu. Arsenio marcou de cabeza tras un centro de Loren o único gol do Granada, insuficiente para contrarrestar os catro do equipo catalán, liderado no campo polo seu ex compañeiro Luis Suárez e por Sándor Kocsis. O húngaro acabou como máximo goleador da Copa (11 goles) e Arsenio segundo (9). Unha semana despois xogou a permanencia contra o Sabadell, facendo de cabeza o primeiro dos cinco goles cos que o seu equipo deixou practicamente sentenciada a eliminatoria.
Na tempada 1959/60 foi titular indiscutible, e marcou oito goles, pero a súa participación baixou na seguinte, xa sen Kalmár no banco, na que xogou só 17 encontros, marcando dous goles, contra o Real Madrid e o Barcelona. O equipo acabou último e descendeu á Segunda división. Na parte final da tempada foi cedido ao Albacete para reforzar o equipo na fase polo ascenso a Segunda, xunto ao tamén ex do Deportivo Dagoberto Moll. Na primeira eliminatoria enfrontáronse ao La Felguera, e Arsenio marcou tanto na ida, disputada no campo de La Barraca, como na volta no Carlos Belmonte, gañando o equipo manchego por un global de 3-1. Gañaron tamén a seguinte eliminatoria, contra o Badalona, logrando así o obxectivo de subir á categoría de prata.
Xa de volta en Granada, xogou dúas tempadas e media máis en Segunda, elevando os seus números co club ata os 130 encontros e 37 goles.
Real Oviedo (1964-1965)