miniatura|250px|Sistemas de TDT por países Televisión dixital terrestre (TDT) é a transmisión de imaxes en movemento e o son asociado mediante un sinal dixital a través dunha rede de repetidores terrestres, fronte á televisión tradicional que transmite a imaxe e o son mediante modulación analóxica.
En Galicia como no resto de España e Europa, así como tamén en Australia, Suráfrica, Namibia, Panamá, Colombia e Turquía, utilízase o padrón DVB-T que forma parte de toda unha familia de estándares da industria para a transmisión de emisións de televisión dixital segundo diversas tecnoloxías: emisións mediante a rede de distribución terrestre de sinal usada na televisión analóxica tradicional (DVB-T), emisións desde satélites xeoestacionarios (DVB-S), por redes de cable (DVB-C), e incluso para emisións destinadas a dispositivos móbiles con reducida capacidade de proceso e alimentados por baterías (DVB-H). Noutras zonas xeográficas utilízanse outro tipo de estándares así o ATSC que se emprega nos Estados Unidos, Canadá, México, Corea do Sur, Honduras, O Salvador e a República Dominicana. O ISDB-T utilízase no Xapón, Filipinas e na maioría dos países latinoamericanos: o Brasil, Bolivia, o Perú, a Arxentina, Paraguai, Chile, Venezuela, Ecuador, Costa Rica, Nicaragua, Guatemala e o Uruguai. Na China utilízase o DTMB.
As emisións de televisión dixitais contan con numerosas e importantes vantaxes fronte ás emisións en analóxico. A calidade das imaxes é comparábel á dun DVD, e o sinal é moito máis inmune a interferencias que a analóxica (factor especialmente importante en áreas urbanas). A tecnoloxía dixital permite un maior número de emisoras no mesmo espazo radioeléctrico, pois pódense transmitir entre tres e cinco programas por cada canal UHF. Ademais, grazas ao deseño da rede de distribución de sinal é posíbel usar todos os canais da banda, sen necesidade de deixar canais de garda para reducir as interferencias. Finalmente, ao se tratar de transmisións de información dixital, é posíbel unha gran flexibilidade nos contidos emitidos, de maneira que se pode mesturar un número arbitrario de canais de vídeo, son e datos nun único sinal.
Características
Imaxe e son A imaxe, son e datos asociados a unha emisión de televisión codifícanse dixitalmente nun formato practicamente idéntico ao MPEG-2 usado nos DVD. A calidade de imaxe e son transmitidos é directamente proporcional á velocidade binaria en que se codifica cada un dos fluxos. Non obstante, no dispositivo receptor do usuario a calidade pode verse degradada polas interferencias no sinal transmitido, que na televisión analóxica tradúcense en neve, ruído na imaxe, dobres imaxes, cores deficientes e son de baixa calidade.
Na TDT o fluxo binario resultante de codificar a imaxe, o son e os datos do programa transmítese mediante unha modulación de espectro dixital chamada COFDM (Coded Orthogonal Frequency Division Multiplexing), que divide o fluxo de datos binarios en milleiros de sub-fluxos (en España, debido ao uso de COFDM 8k, máis de 6500) de moita menor velocidade. Deste xeito, existen uns 6500 sinais binarios de datos a moi baixa velocidade (é dicir, elevada duración de bit) superpostos nunha forma de onda moito máis abrupta que a dunha modulación dixital.
Desta maneira os posíbeis rebotes do sinal nos obstáculos do contorno fan que os sinais se superpoñan de maneira aditiva entre si (é dicir, que aumenten a potencia e relación sinal a ruído) sempre que o sinal rebotado chegue durante o tempo de símbolo, que para cada sub-portadora é relativamente elevado, en torno ás decenas de milisegundos. Desta maneira, e nos contornos habituais, as interferencias non degradan senón que melloran a potencia e relación sinal-ruído do sinal recibido.
Ademais a codificación dispón de mecanismos para a detección e corrección de erros que melloran a taxa de erro de bit nos sinais recibidos en contornos especialmente desfavorábeis. En calquera caso, a información transportada polo sinal é un fluxo dixital MPEG-2, cunha calidade de imaxe e son idénticas ás transmitidas, salvo casos de pobre nivel de sinal ou contornos radioeléctricos especialmente ruidosos. A experiencia práctica di que as emisións de TDT vense exactamente como se transmitiron, ou non se ven en absoluto, se ben unha recepción óptima acostuma precisar menor potencia de sinal que unha transmisión analóxica de calidade normal.
Programas de televisión A tecnoloxía de televisión analóxica actual só permite a transmisión dun único programa de televisión por cada canal UHF de 8 MHz de amplitude. Ademais os canais adxacentes ao que ten lugar unha emisión han de estar libres para evitar as interferencias mutuas entre os sinais, que prexudicarían a calidade do sinal recibido. Desta maneira existen complexos deseños de canais usados e libres en cada rexión, provincia ou incluso área para minimizar as interferencias, aínda que tamén se limitan o número de emisións simultáneas.
A maior capacidade de canais conséguese en TDT mediante dúas melloras. Por unha banda, a modulación dixital COFDM descrita na sección anterior xera formas de onda moito máis cadradas que as analóxicas, minimizando o sinal dun canal que chega aos adxacentes. Ademais, pódense variar certos parámetros de COFDM como o intervalo de garda para se asegurar de reducir as interferencias entre canais ao mínimo. Debido a todo o anterior é posíbel facer uso de máis canais UHF que no caso das transmisións analóxicas, e ademais con esta tecnoloxía é posíbel a despregadura de redes SFN (Single Frequency Network), ou redes de ámbito nacional onde se usa sempre a mesma frecuencia para uns determinados programas.
En segundo lugar, a codificación dixital dos programas permite que no ancho de banda dispoñíbel nun só canal UHF (uns 20 Mbps na actual configuración de TDT en España) se poidan transmitir varios programas con calidade dixital similar á dun DVD. O número de programas simultáneos depende da calidade de imaxe e son desexadas, se ben na actualidade é de cinco programas (o cal dá unha boa calidade en imaxes con movementos lentos, aínda que en escenas de máis acción pódense apreciar facilmente artefactos debidos á codificación dixital MPEG-2 de baixa velocidade). Porén, a gran flexibilidade da codificación MPEG-2 permite cambiar estes parámetros en calquera momento, de maneira transparente aos usuarios.
Flexibilidade das emisións e servizos adicionais En cada canal de radio emítese un único fluxo MPEG-2, que pode conter un número arbitrario de fluxos de vídeo, son e datos. Aínda que varios operadores compartan en uso dun canal multiplexado (multiplex), cada un pode xestionar o ancho de banda que lle corresponde para ofrecer os contidos que desexe. Pode (por exemplo) emitir un fluxo de vídeo, dous de son (por exemplo, en dúas linguas á vez), varios de datos (subtítulos en tres idiomas, subtítulos para xordos, nun partido información coas estatísticas dos xogadores, ou nunha carreira automobilística información de tempos e posicións etc).
O aproveitamento de toda esta información por parte do usuario é posíbel grazas ás diversas aplicacións das que dispón o receptor TDT, en xeral conformes ao padrón da industria chamado MHP (Multimedia Home Platform). Cada operador poderá desenvolver as aplicacións que proporcionen os servizos desexados aos seus clientes, e estas instalaranse no receptor TDT para dar acceso aos ditos servizos.
Unha destas aplicacións é a EPG (Electronic Program Guide), ou guía electrónica de programas, que interpretará a información sobre programas das emisoras e mostraralla ao usuario, dando a posibilidade (segundo a complexidade do receptor) de programar a gravación de programas, ver a descrición dos mesmos etc.
Sinal de TDT Na actualidade as emisións de TDT teñen lugar na mesma banda UHF que a televisión analóxica e para sintonizar este novo sinal non ten por que ser necesario modificar a instalación de antena colectiva do edificio (ou a propia da vivenda) se se instalou ou revisou despois de 1990, mais é necesario instalar un descodificador compatíbel DVB-T para cada aparato receptor de televisión analóxica ou comprar un televisor que cumpra o dito padrón.
Polo tanto, seguen servindo as mesmas antenas e as mesmas redes de distribución de sinal que actualmente se usan para o sinal analóxico, pois ambas son sinais na banda UHF. Non obstante, os amplificadores instalados acostuman ser monocanal (só amplifican o sinal dun único canal UHF) e ademais están pensados para sinais de tipo analóxico. Polo tanto, faise necesario engadir un novo amplificador de canal por cada canal usado para transmisión de televisión dixital, que coa situación actual en España fai necesaria a instalación de entre dous e tres novos amplificadores.
Con esta simple e barata modificación o sinal de televisión dixital chegará ás terminais de todos as vivendas do edificio, mais o sinal chega codificado nun formato que os receptores actuais de televisión analóxica non entenden. A cada televisor no que se desexe ver as emisións de televisión dixital deberáselle conectar un descodificador compatíbel DVB-T, que desmodule o sinal COFDM, interprete o fluxo MPEG-2, extraia o programa seleccionado, o descodifique e o envíe ao receptor de televisión analóxica.
A outra opción consiste en adquirir un televisor con sintonizador para televisión dixital, que presenta un prezo desorbitado na actualidade, e desde logo moi superior ao dun descodificador DVB-T externo (cuns prezos en modelos de gama baixa inferiores aos 100 €). Outra posibilidade alternativa é dotar a un ordenador dunha tarxeta receptora DVB-T en formato PCI, USB ou incluso PCMCIA, de prezos a partir dos 50 €.
A TDT nos Estados Unidos Orixes A TDT comeza nos Estados Unidos en 1996 grazas á FCC (Federal Communications Commission) que aproba o padrón de televisión dixital proposto polo ATSC (Advancede Television Systems Committee). Estabelece os prazos de implantación, co comezo de emisións para maio de 1999. Este proceso debía concluír co apagamento analóxico, fixado para decembro de 2006 ou cando o 85% de fogares teña capacidade para recibir o sinal TDT. Por imperativo legal, os broadcasters vense obrigados a migrar do sistema tradicional de difusión analóxico hertziano terrestre a un sistema dixital que emprega o padrón ATSC, e esta norma é froito do desexo de creación da Grande Alianza por parte da Administración, isto é, unificar os esforzos de investigación para mellorar a televisión en cor NTSC, co propósito de saltar o estadio intermedio de tránsito analóxico-dixital. En 1992, os Estados Unidos aposta polo "todo dixital", que desactiva a implantación dos estándares de televisión analóxica de High Definition de Europa e o Xapón, e devolve aos Estados Unidos o liderado. A inxerencia do Estado na regulación do sector é moi acusada e responde aos seus intereses de hexemonía económica e industrial, e de carácter estratéxico. O tránsito dun sistema de televisión a outro supón unha revolución para a industria electrónica de equipos de produción e difusión, e sobre todo para a rama electrónica de consumo, encargada de producir equipos de recepción, terreo abandonado pola industria norteamericana en case todo o seu territorio. Polo tanto, o escenario dixital supón un relanzamento de diferentes ramas da industria electrónica.
Formatos da TDT A TDT afecta a todos os elementos implicados no proceso televisivo. Obriga a dixitalizar todo o proceso, o que implica unha renovación dos equipos de produción e de difusión (a cargo dos broadcasters) e dos equipos de recepción (a cargo dos usuarios). A TDT pode aproveitar a rede de difusión da televisión analóxica, cambiando os emisores e adaptando as antenas analóxicas. O padrón americano ATSC define os seus formatos de emisión en función do número de liñas da imaxe e a forma en que as liñas se presentan na pantalla. Protagonismo dos broadcasters