miniatura|dereita|300px|Catedral de Santiago de Cuba Santiago de Cuba é a capital da provincia do mesmo nome, no leste de Cuba. É a segunda cidade máis importante do país, con cerca de 500 mil habitantes. O seu xentilicio é "santiagueiro, -eira".

Situada ao leste da illa, foi capital da antiga provincia de Oriente e actualmente éa da provincia do mesmo nome. Foi fundada en 1515 polo conquistador español Diego Velázquez de Cuéllar, entre as primeiras sete vilas de Cuba. O conquistador Hernán Cortés foi o primeiro alcalde da cidade e de alí partiu cara á conquista de México. De Santiago partiu tamén o conquistador e explorador Pánfilo de Narváez co título de Adiantado, ademais de Gobernador, rumbo ás costas de Florida en viaxe exploratoria, viaxe que rematou en fracaso e lle custou a morte.

Foi a primeira capital de Cuba. Pola baía santiagueira entraron os primeiros escravos negros a Cuba e con eles fortes raíces africanas e españolas. É coñecida como a Cidade Heroe de Cuba, título que lle foi concedido polo apoio do seu pobo ás xestas libertarias dos cubanos.

Historia

Santiago de Cuba atópase no Caribe e posúe unha situación xeográfica óptima grazas á cal foi a primeira capital de Cuba, desde a súa fundación en 1515 até 1556.

Santiago de Cuba foi atacada nos seus tempos por corsarios, piratas e filibusteiros, que andaban na procura de riquezas que había neste territorio.

A Guerra dos Dez Anos atopou un positivo apoio nas xurisdicións de Santiago, a pesar de ser unha comarca fortemente defendida pola súa condición de centro político-económico. As xestas independentistas arrastraron a unha gran cantidade dos habitantes da cidade. O 24 de febreiro de 1895 reiniciouse a Guerra de Independencia. Santiago responde, guiada por diferentes dirixentes. A fin do dominio colonial español tamén incluíu accións decisivas nas proximidades da cidade, como o Combate da Lomba de San Juan e a Batalla Naval de Santiago.

O 26 de xullo de 1953 prodúcese o asalto ao Cuartel Moncada, levado a cabo polos revolucionarios dirixidos por Fidel Castro, acción que fracasou. O 30 de novembro de 1956 prodúcese un levantamento de Santiago de Cuba e saen ás rúas por primeira vez as Milicias Verde Oliveira do Movemento 26 de Xullo, cun brazalete negro e rubio, decididas a botar a Fulgencio Batista e apoiar o desembarco de Fidel proveniente de Túxpam (México) con 81 acompañantes. Con posterioridade ao desembarco do Granma o 2 de decembro de 1956, reúnese Frank País con Fidel na Serra Maestra e promételle fortalecer a guerrilla cos combatentes da clandestinidade. Este plan contribuíu a que se lograra a vitoria. Nos días finais de 1958, as tropas dirixidas polo Comandante Fidel Castro e as que estaban ao mando dos comandantes Huber Matos e Juan Almeida sitiaron a cidade. O 31 de decembro o Exército Rebelde estaba presto para o asalto final e tomar a cidade, apoiado polos grupos que operaban na clandestinidade. Na fin da noite do 1 de xaneiro desde o balcón central do Concello, situado actualmente onda o Parque Céspedes, Fidel proclamou o triunfo definitivo da Revolución Cubana.

Situación xeográfica

Santiago de Cuba atópase no sueste da illa. Historicamente, foi a segunda cidade máis importante de Cuba, por detrás da Habana. Conta cunha baía conectada co mar Caribe e é un importante porto.

A cidade foi medrando a carón da súa baía e está cercada, en terra firme, pola Serra Maestra. Isto condiciona o clima cálido e húmido do lugar, á vez que permite paisaxes compostas de elementos urbanos, naturais e mariños. Posúe un relevo irregular, o cal contribuíu ao desenvolvemento dun escenario urbano onde as avenidas e rúas se empinan ou descenden.

Poboación

No 2009, a cidade de Santiago de Cuba tiña unha poboación de 446.223 habitantes. Segundo a mesma fonte, o municipio, no mesmo ano, tiña 1.493.700 habitantes.

+ Evolución da poboación de Santiago de Cuba 1861 1899 1907 1919 1931 1943 1953 36.752 43.090 45.470 62.083 101.508 118.266 163.237 1970 1981 2002 2003 2004 2005 2006 277.600 347.279 423.392 424.031 424.905 425.780 426.199 2007 2008 2009 426.618 426.679 446.233 Censos até 2002; estimacións entre 2003 e 2009

Arquitectura

Na cidade coinciden estilos arquitectónicos múltiples, desde o barroco até o neoclásico máis depurado. Son de especial interese os parques arborados, as rúas en chanzos, os edificios coloniais con inmensas ventás e balcóns arrimados. En Santiago consérvanse construcións históricas, como a primeira casa de América, a primeira catedral de Cuba, a primeira mina de cobre a ceo aberto de todo o continente americano ou o primeiro museo cubano.

Cultura

Santiago de Cuba é berce dunha gran cantidade dos xéneros musicais de Cuba. Foi recoñecida como berce do son e o bolero, así como a troba tradicional e a expresión coral teñen un profundo arraigo na cidade. En Santiago naceron grandes músicos, tales como Sindo Garay, Ñico Saquito, Eliades Ochoa, Compay Segundo etc

As festas populares de maior importancia son "O Carnaval Santiagueiro" e "A Festa do Fogo".

Santiago de Cuba posúe varios centros de educación superior. Entre os máis importantes están a Universidade de Oriente, o Instituto Superior de Ciencias Médicas e o Instituto Superior Pedagóxico Frank País.

Patrimonio da Humanidade

Castelo de San Pedro de la Roca miniatura|Castelo de San Pedro de la Roca.

O Castelo de San Pedro de la Roca foi declarado pola Unesco en 1997 como Patrimonio da Humanidade, onde se cita como «o máis completo e mellor preservado exemplo da arquitectura militar hispanoamericana, baseado en principios de deseño italiano e renacentista».Sitios Patrimonio da Humanidade

Ruínas das plantacións de café As paisaxes arqueolóxicas das primeiras plantacións de café do sueste de Cuba foron declaradas pola Unesco en 2000 como Patrimonio da Humanidade por ser unha evidencia única dunha forma pioneira da agricultura nun terreo difícil.Sitios Patrimonio da Humanidade

Reserva Mundial da Biosfera Parque Baconao miniatura|Parque Baconao O Parque Baconao en Santiago de Cuba foi inscrito en 1987 pola Unesco na Rede Mundial de Reservas de Biosfera.

Personalidades da cidade Carlos René Aguilera Tamayo, pintor Desi Arnaz, actor e cantante estadounidense Alberto Games Hernández, deportista Quintín Banderas, Xeneral Maior da Guerra de Independencia Manuel Barrueco, guitarrista Sonia Bisset, deportista María Cabrales, esposa de Antonio Maceo Eduardo Chibás, político Guillermo Collazo Tejada, pintor Vilma Espín, enxeñeira química, política, membro do goberno de Cuba Ricardo Repilado Parreño, escritor e profesor universitario José Ramón Fernández Álvarez, militar e político Ibrahim Ferrer, cantante Sindo Garay, músico Anier García, deportista    José Giral, político republicano español Mariana Grajales, nai dos Maceo José María Heredia, poeta Alberto Juantorena, deportista Alfredo Kindelán, militar e aviador español Paul Lafargue, político e revolucionario francés Antonio Maceo, Xeneral Maior da Guerra de Independencia Donato Mármol, patriota da Guerra de Independencia Eduardo Michaelsen, pintor Pedro Miret Prieto, político Frank País, líder revolucionario Pedro Roig, director de Radio e Televisión Martí Don José Joaquín Portuondo y Rizo, Conde de Santa Inés Emilio Bacardí Moreau, primeiro alcalde de Santiago de Cuba, prestixioso intelectual Elvira Cape, esposa de Emilio Bacardí Moreau Marta Rojas, periodista    Carlos Rafael Uribazo Garrido, pintor René Urquijo, trobador José Ramón Villa Soberón, escultor Pedro Arnaldo Arrate González, pintor e escultor Julia Emilia Valdés Borrero, pintora Antonio Pacheco, deportista e campión olímpico, director do equipo Santiago e do equipo Cuba. Orestes Kindelán, deportista, xogador de béisbol, campión olímpico Odette Alonso, poeta, narradora e ensaísta Lupe Victoria Yolí Raymond La Lupe, artista Pedro Meurice Estiu, arcebispo emérito de Santiago de Cuba Compay Segundo, músico, integrante de Buena Vista Social Club Eliades Ochoa, cantante, guitarrista, pertenceu ao Buena Vista Social Club Fernando Boytel Jambú, xeógrafo, arqueólogo, naturalista Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Páxina sobre Santiago producida pola Universidade de Oriente (santiagoencuba.com)

Categoría:Cidades de Cuba Categoría:Concellos da provincia de Santiago de Cuba Categoría:Heroes da República de Cuba