Luis Fernández Teijeiro, nado en Burela o 27 de setembro de 1993, é un exfutbolista galego, que xogaba de dianteiro. Formado na canteira do Deportivo da Coruña, xogou co primeiro equipo en dúas etapas, contribuíndo na primeira delas ao ascenso á Primeira División. Ademais militou na Segunda División nas filas do Lugo, o Huesca, o Alcorcón e o UCAM Murcia, e na Primeira Federación co Arenteiro. Xogou tamén en Grecia, Emiratos Árabes Unidos e Polonia.

Traxectoria Nado en Burela, na Mariña, Luis Fernández chegou ao Deportivo da Coruña no ano 2009, no paso de cadete a xuvenil, despois de destacar como goleador nas categorías inferiores do Ural CF. Desde entón o burelao progresou até chegar ao primeiro equipo. Na tempada 2011/12, sendo aínda xuvenil, debutou co filial coruñés na Terceira División. En febreiro viviu un auténtico pesadelo, xa que sufriu unha rotura do ligamento cruzado do seu xeonllo dereito no campo do Ordes. A lesión deixouno sen poder xogar durante oito meses, chegando a pensar en deixar o fútbol, porén, regresou aos terreos de xogo en outubro de 2012.

Despois de recuperarse da lesión, converteuse no home gol do Fabril, marcando 21 goles en 25 partidos de liga e 7 nos 6 partidos do play off de ascenso, incluíndo un triplete na ida da final polo ascenso ante El Palo. A pesar diso, o Deportivo B non puido lograr o ascenso despois dun partido de volta polémico no campo de San Ignacio. O seu bo labor no filial valeulle para facer a pretempada co primeiro equipo, debutando e marcando tres goles o 18 de xullo nun amigable contra o Lemos, de Preferente. O seu debut oficial foi o 18 de agosto, saíndo como titular na primeira xornada da Segunda División, ante a UD Las Palmas no Estadio de Gran Canaria.

O seu primeiro gol oficial logrouno no seu primeiro partido na Copa do Rei, o 12 de setembro de 2013 no Nuevo Arcángel ante o Córdoba, mentres que o seu primeiro gol en Liga chegou o 3 de novembro ante o Real Madrid Castilla. Rematou a tempada cun total de 6 goles en 30 partidos, acadando finalmente o ascenso á Primeira División.

Para a tempada 2014/15, o club coruñés chegou a un acordo de cesión co Lugo, da Segunda División. No equipo de Quique Setién xogou un total de 26 partidos, nos que marcou 5 goles, conseguindo o obxectivo da permanencia. O 7 de agosto de 2015 anunciouse unha nova cesión do futbolista, esta vez ao Huesca, tamén de Segunda. No equipo aragonés disputou 29 partidos, 19 deles como titular, e volveu repetir a cifra de cinco goles.

O 21 de xullo de 2016 anunciouse a rescisión do seu contrato co Deportivo da Coruña, incorporándose á disciplina do Alcorcón. No club madrileño viviu unha mala experiencia e no mercado invernal foi traspasado ao UCAM Murcia, despois de ter disputado só cinco partidos. Tampouco tivo sorte no equipo murciano, onde sufriu unha grave lesión de xeonllo, ao romper o ligamento cruzado. Xogou só cinco encontros e o equipo acabou descendendo a Segunda B.

O 1 de setembro de 2017 firmou por unha temporada co Deportivo Fabril, volvendo así á disciplina branquiazul. No filial coruñés xogou un ano, disputando 14 partidos nos que marcou 5 goles. Para a tempada seguinte regresou ao UCAM Murcia, desta vez en propiedade. Ás ordes de Munitis primeiro e Merino ao final, disputou 17 encontros na categoría de bronce e marcou 9 goles, quedando só a tres de Juanma, máximo goleador do grupo 4.

En xuño de 2019 saíu ao estranxeiro, asinando como novo xogador do Asteras Tripolis grego, onde relanzou a súa carreira con boas actuacións. Xogou un total de 48 partidos repartidos en dúas tempadas e marcou 18 goles. Na primeira tempada rematou entre os nove máximos anotadores da Super Liga, mentres que na seguinte disputou os play-offs polo título.

En xullo de 2021, pouco despois de casar e de viaxar de lúa de mel a Dubai, acabou por mudarse nos propios Emiratos Árabes Unidos, aceptando unha oferta do Khor Fakkan. Instalado no emirato de Fujairah debido ás leis relixiosas menos restritivas que as de Sharjah, sede do equipo, disputou só dous partidos oficiais, antes de que a súa licenza federativa lle fose retirada, do mesmo xeito que ao seu compañeiro berciano Borja Valle.

En xaneiro de 2022 regresou ao fútbol europeo, fichando polo Wisła Kraków da Ekstraklasa, a máxima categoría do fútbol de Polonia. No histórico club de Cracovia coincidiu co tamén galego Miki Villar e con outros cinco futbolistas españois. Pechou a súa primeira media tempada no club polaco co descenso á I Liga. Na tempada 2022/23 marcou 20 goles, sendo o segundo máximo goleador do campionato, cun menos que o primeiro, Karol Czubak. Disputou a promoción de ascenso, pero o seu equipo caeu eliminado contra o Puszcza Niepołomice.

No verán de 2023 asinou polo Lechia Gdańsk, da mesma categoría, debutando cun triplete ante o Chrobry Głogów na primeira xornada de liga. Foi titular no primeiro treito da competición, portando o brazalete de capitán, e sumou tres goles máis ata que unha lesión de xeonllo en outubro acabou practicamente coa súa tempada, pechándose esta cun total de 7 goles en 14 partidos.

En xaneiro de 2025 regresou ao fútbol galego asinando contrato co Arenteiro, da Primeira Federación, no que militou ata o final da tempada 2024/25. Con todo, apenas tivo protagonismo no conxunto adestrado por Raúl Jardiel, xogando só 162 minutos repartidos en 12 encontros. En xaneiro de 2026, despois de medio ano sen equipo, anunciou a súa retirada como futbolista, con só 32 anos.

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Datos do xogador en bdfutbol.com Datos do xogador en transfermarkt.es Datos do xogador en futbolme.com Datos do xogador en ceroacero.es

Categoría:Nados en 1993 Categoría:Nados en Burela Categoría:Futbolistas de Burela Categoría:Dianteiros de fútbol Categoría:Xogadores do Deportivo Fabril Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do CD Lugo Categoría:Xogadores do SD Huesca Categoría:Xogadores da AD Alcorcón Categoría:Xogadores do UCAM Murcia Categoría:Xogadores do Asteras Tripolis FC Categoría:Xogadores do Wisła Kraków Categoría:Xogadores do CD Arenteiro