Marcial Dorado Baúlde, nado en Cambados o 2 de abril de 1950, é un empresario galego. Dende hai anos reside na Illa de Arousa, após ser condenado por contrabando e narcotráfico.
Traxectoria Comezou a traballar para o contrabandista de tabaco Vicente Otero Pérez "Terito" como piloto de lanchas motoras de alta velocidade. A partir de aí desenvolveu unha ampla carreira profesional que o levou a ser propietario de terreos, estacións de servizo, adegas etcétera. Nos anos noventa foi detido e condenado por contrabando de tabaco. En 2003 foi detido pola orde do xuíz José Antonio Vázquez Taín pola súa implicación na introdución en Galicia a bordo do barco South Sea, de seis toneladas e media de cocaína, unha das maiores cantidades intervidas en Europa. Xulgado na Audiencia Nacional, foi condenado en 2009 a 10 anos de cárcere e ao pago de dúas multas de case 70 millóns de euros. Durante o proceso apreixáronlle propiedades vitivinícolas, case duascentas propiedades inmobiliarias, e contas en Suíza, Portugal e as BahamasRadiografía de Marcial Dorado, el narco con el que veraneó Feijóo , Vanity Fair, 1/4/2013..
No momento de coñecerse a sentenza, xa estaba en prisión por outro asunto, o suborno a dous gardas civís durante a súa etapa de contrabandista de tabaco a finais dos anos 70, polo que fora condenado en 2006 a 2 anos e medio de cárcere, ingresando na prisión da Lama en 2007. En 2015 foi condenado pola Audiencia Nacional a outros 6 anos de prisión e a pagar 21 millóns de euros por un delito branqueo de capital, condena ratificada un ano despois polo Tribunal Supremo.
Amizade con Alberto Núñez Feijóo
En 2013 publicáronse fotos no xornal El País, onde aparecía navegando co que daquela era secretario xeral do Sergas, e posteriormente presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez FeijóoDe vacaciones con el contrabandista, El País, 30/3/2013., e que xeraría un posterior debate político en Galicia. En 2020 concedeu unha entrevista a Jordi Évole, na que falou sobre a súa amizade con Feijóo. A entrevista provocou que toda a oposición en Galicia pedise explicacións ao presidente, ao que acusaron de mentir cando se escudou en que non era unha relación estreita, mentres que Dorado afirma o contrario.
Notas
Categoría:Empresarios do sector agrícola Categoría:Narcotraficantes de Galicia Categoría:Nados en Cambados Categoría:Nados en 1950 Categoría:Personalidades de Galicia sen imaxes Categoría:Contrabandistas de Galicia