HILAT (acrónimo de High Latitude Research Satellite), tamén coñecido como P83-1, foi un satélite artificial da NASA lanzado o 27 de xuño de 1983 mediante un foguete Scout G1 desde a Base Vandenberg da Forza Aérea.

Características HILAT era un satélite Transit modificado para facer experimentos relacionados coa ionosfera a altas latitudes. Os obxectivos de HILAT eran obter máis datos sobre as irregularidades da intensidade de ionosfera e a súa forma tridimensional, probar diferentes hipóteses sobre o desenvolvemento, o transporte e o decaemento das irregularidades, estudar o papel das inestabilidades convectivas a altas latitudes e estudar as diversas influencias na ionosfera a altas latitudes, como a precipitación de partículas e o acoplamento entre a ionosfera e a magnetosfera.

O satélite estabilizábase nos tres eixos mediante o sistema de gradente gravitatorio grazas a unha pértega e ademais mediante un volante de inercia. A inclinación orbital foi elixida para facer pases sobre o meridiano xeomagnético nas zonas de recepción de datos. A órbita precesionaba 24 horas nuns seis meses, polo que podíanse facer observacións diúrnas e nocturnas durante toda unha estación.

Dos instrumentos que levaba a bordo, a sonda Langmuir deixou de funcionar nada máis chegar o satélite a órbita, e a cámara auroral perdeuse o 23 de xullo de 1983. O resto de instrumentos funcionaron ata o 5 de xuño de 1989, en que HILAT deixou de funcionar tras o fallo do sistema de enerxía.

OS experimentos de HILAT foron continuados polo satélite Polar Bear.

Notas

Véxase tamén Outros artigos Wideband (satélite) Polar Bear (satélite)

Categoría:Satélites artificiais