O artigo é un determinante actualizador con flexión de xénero e número que concorda co núcleo do sintagma nominal. A súa función é a de acompañar ao substantivo actualizándoo e precisándoo, transformándoo de descoñecido e abstracto ("libro") en coñecido e concreto ("o libro"), situándoo no mundo real.

A gramática tradicional distinguía entre artigo determinado (o, a, os, as) e indeterminado (un, unha, uns, unhas), sendo en realidade este último un tipo de cuantificador.

En galego hai un artigo masculino: o, os en plural, e outro feminino: a, as (alén das súas variantes alomórficas). Non todas as linguas posúen artigos e, por exemplo, o latín, do cal provén o galego, non os tiña: o artigo galego provén, así a todo, do pronome demostrativo latino ille, illa, illud. O uso do artigo galego conserva ás veces vestixios dese significado demostrativo.

Os determinantes actualizadores O feito de considerarmos o artigo como un determinante actualizador débese a que na clase de palabra determinantes encontramos vocábulos que actúan actualizando (actualizadores), cuantificando (cuantificadores) e interrogando (interrogativos).

Os actualizadores presentan o núcleo do sintagma nominal e sitúano no espazo e no tempo. Os cuantificadores, pola contra, mídeno. Os interrogativos preguntan por el.

Os actualizadores son catro; o predeterminante todo, todos, toda, todas, que pode preceder aos demais determinantes e delimita a integridade do substantivo núcleo do sintagma nominal; o artigo, que presenta o substantivo nun espazo e un tempo concreto (o, a, o, os, as); o posesivo, que sinala a pertenza do substantivo a un elemento da situación ou contexto (o meu, o teu, o seu, noso, voso, o seu e os seus femininos e plurais) e o demostrativo, que sitúa o substantivo nun lugar máis ou menos próximo ou afastado (este, ese, aquel e os seus femininos e plurais)

Paradigma do artigo O paradigma estándar do artigo presente na maior parte de Galicia contén os seguintes elementos: Galego estándar Masculino Femenino Singular o / lo / no a / la / na Plural os / los / nos as / las / nas

Na área asturiana obsérvase o seguinte paradigma: Galego asturiano Masculino Femenino Neutro Singular (e)l a/el lo ~ lu Plural os as

Nalgunhas zonas orientais o paradigma é o seguinte: Parte do galego ourensán Masculino Femenino Singular o / no a / na Plural os / nos as / nas

Alomorfos

En galego tamén existen os artigos lo(s) e la(s), chamados “segunda forma do artigo”, que substitúen ás formas o(s) e a(s) en determinadas situacións específicas. As devanditas variantes alomórficas xa estaban presentes no galego-portugués medieval, sendo representadas na lingua escrita polos trobadores. En realidade, lo(s) e la(s) eran os artigos arcaicos dos cales, a través de diversas evolucións, derivan todas as variantes actuais: o(s) e a(s), lo(s) e la(s), e no(s) e na(s) (esta última sen representación escrita).

O portugués aínda mantiña o uso da “segunda forma do artigo” no século XVI, pero co paso do tempo desapareceu. O galego, pola contra, mantivo o seu uso ata a actualidade en case todo o dominio lingüístico.

Notas

Véxase tamén

O artigo no Curso de lingua galega (Wikibooks)

Categoría:Clase de palabra