miniatura|O Lunar Orbiter 1, a primeira das sondas do programa Lunar Orbiter. O programa Lunar Orbiter foi un programa de sondas espaciais da NASA lanzadas entre 1966 e 1967 mediante foguetes Atlas-Agena D para orbitar e cartografar a superficie da Lúa en preparación ás misións tripuladas do proxecto Apollo.

Características O obxectivo do programa Lunar Orbiter era cartografar a superficie lunar mediante fotografías tomadas por satélites en órbita da Lúa. Lanzáronse cinco Lunar Orbiter, os cinco exitosos. O programa cubriu o 99% da superficia da Lúa, tanto da cara visible como do lado oculto, cunha resolución de ata 1 metro. En total os satélites devolveron 2180 imaxes en alta resolución e 882 de resolución media. Os satélites levaban un experimento de micrometeoros que rexistrou un total de 22 impactos durante a duración das misións (dúas ordes de magnitude maior que no espazo interplanetario pero lixeiramente inferior ó fluxo no espazo próximo á Terra). Un experimento de radiación a bordo do satélites confirmou que o material, instrumentos e naves do proxecto Apolo serían suficientes para protexer ós astronautas. Ademais, os satélites serviron para avaliar o sistema de comunicacións e seguimento que sería usado no proxecto Apolo.

A forma do corpo principal dos satélites era de cono truncado de 1,65 m de altura e 1,5 m de diámetro na base. O corpo estaba dividido en tres seccións horizontais: unha para a instrumentación científica e as comunicacións, e as outras dúas para o sistema de propulsión. A alimentación eléctrica era proporcionada por catro paneis solares que lle daban unha envergadura de 3,72 m ao satélite e subministraban ata 375 vatios de potencia a unha batería de níquel-cadmio cunha capacidade de 12 amperios-hora. As comunicacións tiñan lugar ben mediante unha antena de alta ganancia situada no extremo dun mastro de 1,32 m de lonxitude que sobresaía da base dos satélites ou ben mediante unha antena de baixa ganancia situada nun mastro de 2,08 m de lonxitude.

O sistema de obtención de imaxes de cada Lunar Orbiter consistía en dúas cámaras: unha cunha lente de 80 mm para fotografía de resolución media e outra cunha lente de 610 mm para fotografías de alta resolución. As fotografías rexistrábanse no mesmo rolo de película fotográfica de 70 mm mediante unha secuencia automática. A película era revelada a bordo e logo escaneada para ser transmitida a terra como sinal de vídeo.

Tódolos Lunar Orbiter acabaron estrelados contra a Lúa ao final das súas misións.

Historial de lanzamentos

Voo Data Carga Resultado Notas 1 10 de agosto de 1966 Lunar Orbiter 1 Éxito 2 6 de novembro de 1966 Lunar Orbiter 2 Éxito 3 5 de febreiro de 1967 Lunar Orbiter 3 Éxito 4 4 de maio de 1967 Lunar Orbiter 4 Éxito 5 1 de agosto de 1967 Lunar Orbiter 5 Éxito

Notas

Véxase tamén

Outros artigos Atlas-Agena

Categoría:Programa Lunar Orbiter