The Man Who Sold the World é o terceiro álbum do músico inglés David Bowie, publicado a través do selo Mercury Records o 4 de novembro de 1970 nos Estados Unidos e o 8 de abril de 1971 no Reino Unido. Producido por Tony Visconti e gravado en Londres entre abril e maio de 1970, o álbum inclúe as primeiras aparicións nun disco de Bowie dos futuros membros de Spiders from Mars, Mick Ronson e Mick Woodmansey.
Seguindo o son en gran parte acústico e folk rock de David Bowie (1969), The Man Who Sold the World marcou un xiro cara ao hard rock, con elementos de blues rock. As letras son máis escuras que as dos seus lanzamentos anteriores, explorando temas como a demencia, a relixión, a tecnoloxía e a guerra. Ningunha das súas cancións foi lanzada como sinxelo, aínda que algúns temas apareceron como caras B entre 1970 e 1973. Titulado orixinalmente Metrobolist, un xogo de palabras coa película Metropolis (1927), o título foi cambiado no último momento por Mercury sen consultar con Bowie.
O álbum foi lanzado con diferentes portadas nos Estados Unidos e no Reino Unido. Para o lanzamento estadounidense, a ilustración foi un debuxo de estilo caricatura feito por Michael J. Weller que mostraba un vaqueiro diante dun manicomio. A portada británica, obra de Keith MacMillan, presenta a Bowie vestindo un vestido azul deseñado por Michael Fish. Unha reedición de 1972 por parte de RCA Records incluía unha foto en branco e negro do personaxe actual de Bowie nese momento, Ziggy Stardust; as reedicións dende 1990 recuperaron a portada orixinal do Reino Unido.
The Man Who Sold the World tivo en principio unha mellor acollida por parte dos críticos musicais nos Estados Unidos que no Reino Unido. Porén, foi un fracaso comercial en ambos os dous países; a reedición de 1972 si logrou entrar nas listas de éxitos tanto nos EE. UU. como no Reino Unido. En retrospectiva, o álbum foi encomiado pola crítica polo rendemento da banda e pola natureza inquietante da súa música e das súas letras, sendo considerado por moitos como o comezo do "período clásico" de Bowie. Dende entón foi reeditado en múltiples ocasións e foi remesturado en 2020, baixo o seu título orixinal Metrobolist, para o seu 50º aniversario.
Antecedentes O sinxelo co que David Bowie se consagrou, "Space Oddity", foi lanzado en xullo de 1969, dándolle éxito comercial e notoriedade.Pegg 2016, pp. 255-260 O álbum ao que pertencía, David Bowie (Space Oddity), lanzado a finais dese ano, tivo peor fortuna, en parte debido a que Philips Records non promoveu o disco de xeito eficiente.Pegg 2016, pp. 337-343 Para 1970, a atención que Bowie conseguira con "Space Oddity" xa se disipara e o seu seguinte sinxelo, "The Prettiest Star", non logrou entrar nas listas de éxitos.
Ao decatarse de que o seu potencial como artista en solitario estaba a diminuír, Bowie formou unha banda, Hype, co baixista Tony Visconti,Pegg 2016, p. 335 un dos seus colaboradores en Space Oddity, o batería John Cambridge e o guitarrista Mick Ronson, a quen Bowie coñecera en febreiro de 1970.Cann 2010, pp. 180-181 Para as actuacións do grupo, os membros vestían disfraces rechamantes de estilo superheroe.Pegg 2016, pp. 533-536 Bowie suspendeu as actuacións de Hype a finais de marzo de 1970 para poder concentrarse na gravación e na composición de cancións, así como para resolver disputas de xestión co seu representante, Kenneth Pitt.Cann 2010, pp. 188-190 Durante este tempo graváronse unha nova versión como sinxelo do tema "Memory of a Free Festival" (de Space Oddity) e un primeiro intento de "The Supermen".
Cambridge foi expulsado de Hype a finais de marzo e foi substituído por Mick "Woody" Woodmansey. Woodmansey dixo de Bowie en 2015: "Este tipo vivía e respiraba por e para ser unha estrela do rock & roll". En abril de 1970, os catro membros de Hype xa vivían en Haddon Hall, Beckenham, unha mansión eduardiana convertida nun bloque de pisos que un visitante describiu como un lugar cun ambiente "semellante ao salón de Drácula".Aston, Martin (2007). "Scary Monster". Mojo 60 Years of Bowie. pp. 24-25 Ronson e Visconti construíron un estudio improvisado baixo a gran escaleira de Haddon Hall, onde Bowie gravou moitas das súas maquetas de principios dos anos 70.
Gravación A gravación de The Man Who Sold the World comezou o 17 de abril de 1970 nos Advision Studios de Londres, co grupo empezando a traballar en "All the Madmen". Ao día seguinte, Ralph Mace foi contratado para tocar un sintetizador Moog, despois do seu traballo na versión en sinxelo de "Memory of a Free Festival".Cann 2010, pp. 190-193 Nese momento, Mace era un pianista de concertos de 40 anos que tamén exercía como director do departamento de música clásica en Mercury Records. Durante este tempo, Bowie rescindiu o seu contrato con Pitt e coñeceu ao seu futuro representante, Tony Defries, quen axudou a Bowie coa devandita rescisión. O 21 de abril, a gravación trasladouse aos Trident Studios de Londres e continuou alí ata mediados de maio. O 4 de maio, a banda gravou "Running Gun Blues" e "Saviour Machine"; este último era orixinalmente o título provisional para o tema que lle daba nome ao álbum, antes de que Bowie reformulase a canción cunha melodía diferente para dar forma á versión final de "Saviour Machine". O 12 de maio, a gravación e as mesturas regresaron a Advision, completándose dez días despois. Bowie gravou a voz para a canción homónima no último día.Pegg 2016, pp. 180-181
Bowie estaba absorto coa súa nova esposa Angie e cos problemas de representación nese momento,Spitz 2009, p. 143 polo que a música foi arranxada en gran parte por Ronson e Visconti. Ronson aproveitou as sesións para aprender de Visconti moitas técnicas de produción e arranxo.Spitz 2009, p. 144 Aínda que Bowie figura oficialmente como o compositor de toda a música de The Man Who Sold the World, o escritor Peter Doggett citou a Visconti dicindo que "as cancións foron escritas por nós catro. Improvisabamos nun soto e Bowie simplemente dicía se lle gustaban ou non".Doggett, Peter (2012). The Man Who Sold the World: David Bowie and the 1970s. New York: HarperCollins Publishers. ISBN 978-0-06-202466-4 No relato de Doggett, "a banda (ás veces coa achega da guitarra de Bowie, ás veces non) gravaba unha pista instrumental, que podía estar baseada ou non nunha idea orixinal de Bowie. Despois, no último momento posible, Bowie erguíase de mala gana do sofá no que estaba deitado coa súa muller e escribía a escape unha serie de letras". Pola contra, Bowie declarou en 1998: "Opóñome totalmente á impresión de que eu non escribín as cancións de The Man Who Sold the World. Só hai que fixarse nas mudanzas de acordes. Ninguén escribe mudanzas de acordes coma esas". "The Width of a Circle" e "The Supermen", por exemplo, xa existían antes de que comezasen as sesións.
Listaxe de cancións
Notas
Bibliografía
Categoría:Álbums de David Bowie Categoría:Álbums musicais de 1970 Categoría:Álbums producidos por Tony Visconti Categoría:Álbums de Mercury Records