Cezary Wilk, nado en Varsovia o 12 de febreiro de 1986, é un ex-futbolista polaco que xogaba de mediocentro defensivo. Foi internacional coa selección de Polonia.

Debutou na primeira división polaca co Korona Kielce e xogou logo cinco tempadas no Wisła Kraków, co que se proclamou campión de liga na 2010/11. En 2015 converteuse no primeiro polaco en xogar no Deportivo da Coruña, co que logrou o ascenso a Primeira División esa mesma campaña. Pasou despois ao Real Zaragoza, onde apenas puido xogar nas tres tempadas que pasou no club, por mor das súas continuas lesións de xeonllo, que provocaron finalmente a súa retirada pouco despois de cumprir 32 anos.

Traxectoria Durante a súa infancia xogou nas categorías inferiores do club da súa cidade, o Polonia Varsovia, onde xogou ata 2005, cando pasou ao Korona Kielce. Debutou na Ekstraklasa (primeira división polaca) con 19 anos e xogou cinco tempadas no Korona, nunha delas cedido medio ano ao ŁKS Łódź.

En 2010 asinou un contrato de catro anos co Wisła Kraków, e foi parte do equipo que se coroou campión de liga ao ano seguinte. Estivo case catro anos no histórico club de Cracovia, xogando máis de 100 partidos e anotando 7 goles.

O 13 de agosto de 2013 fíxose oficial a súa fichaxe polo Deportivo da Coruña, para as dúas seguintes tempadas, converténdose no primeiro polaco en xogar no club galego. O seu debut produciuse na segunda xornada do campionato, nunha derrota en Riazor fronte ao Córdoba (0–1). Disputou 20 partidos na súa primeira tempada na Coruña, contribuíndo ao ascenso á Primeira División que comandou Fernando Vázquez.

Co club xa na máxima categoría, disputou 12 encontros máis ata que o 18 de marzo de 2015 sufriu unha fractura nun pé durante un adestramento que o obrigou a pasar polo quirófano. Días máis tarde anunciouse que sería operado o 24 de marzo. O 25 de maio recibiu a alta definitiva, co campionato xa rematado.

O 7 de xullo de 2015, Wilk fichou polo Real Zaragoza cun contrato de dous anos, pero os problemas no seu xeonllo dereito fixeron que só puidese xogar 13 partidos nese tempo. A pesar disto, o Zaragoza renovouno por unha terceira tempadas, aínda que sen ficha, mentres se recuperaba. Con todo non conseguiu recuperarse completamente e o 20 de marzo de 2018 anunciou a súa retirada do fútbol.

Selección nacional Formou parte das seleccións sub-21​​ e sub-23 polacas,​ ata que debutou coa selección absoluta o 10 de decembro de 2010, nun partido contra Bosnia e Hercegovina, onde entrou na segunda parte en substitución de Ariel Borysiuk. A súa participación na selección pechouse xogando outros poucos minutos noutro amigable contra Moldova. Foi convocado a algúns partidos máis pero sen chegar a saltar ao campo.

Palmarés

Wisła Kraków Ekstraklasa (1): 2010–11

Notas

Véxase tamén

Ligazóns externas Datos do xogador en Soccerway . Datos do xogador en BDFutbol .

Categoría:Nados en 1986 Categoría:Nados en Varsovia Categoría:Futbolistas de Polonia Categoría:Centrocampistas de fútbol Categoría:Xogadores do Korona Kielce Categoría:Xogadores do ŁKS Łódź Categoría:Xogadores do Wisła Kraków Categoría:Xogadores do Deportivo da Coruña Categoría:Xogadores do Real Zaragoza Categoría:Xogadores da selección de fútbol de Polonia