O Puxedo é un lugar da parroquia de San Paio de Araúxo no concello ourensán de Lobios na comarca da Baixa Limia. Tiña 40 habitantes no ano 2012 segundo datos do INE e do IGE, dos cales 22 eran homes e 18 mulleres.

Patrimonio O Puxedo ten un conxunto monumental formado por: Capela de Santo Antonio, de estilo neoclásico cun retablo con elementos propios do barroco rural. Peto de ánimas, concibido como un arco de triunfo adoelado atópase no centro da praza, nun cruzamento de catro camiños. É o exemplar de maiores dimensións que se conserva na provincia de Ourense. Palco de música, construído a comezos do século XX e onde actuaban as bandas de música. Arredor da praza, presidida por un carballo centenario aparecen numerosos cruceiros dispostos de xeito circular. Esta área, lugar de xuntanza veciñal, constituíu un importante centro de culto dende que a comezos do século XVIII se trouxo a figura de Santo Antonio dende Lisboa tirada por un carro de bois e se situou na capela. O 13 de xuño celébrase unha romaría.

Na parte alta do Puxedo atópanse os antigos currais (curros da res) onde se acollía pola noite o gando, principalmente ovellas e cabras, que pacían no monte comunal. Trátase dun conxunto de construcións dispostas unhas a continuación das outras de reducida dimensión construídas en pedra e cubertas antigamente con teitos de colmo.

Ata os anos sesenta había un forno comunitario que se vendeu para poder mercar pólvora para a construción da estrada ata o lugar. Cincuenta anos despois, a Asociación de Veciños adquiriu e rehabilitou un antigo curral e instalou no seu interior un forno doado por un veciño da aldea.

O Puxedo ten un total de vinte e oito hórreos, chamados canastros na comarca, a maioría construídos en pedra granítica. Os máis antigos, como o hórreo da Laxeira, datan de comezos do século XIX. O maior conxunto de hórreos está na Eira da Cruz.

Itinerario etnográfico do Puxedo O Puxedo conta cunha ruta que percorre estes elementos patrimoniais, ademais de catro airas de mallar (espazos enlousados de carácter comunitario) e varias fontes. O itinerario iníciase na Eira do Toco e remata no forno de pan comunitario.

Ciclo do pan O patrimonio etnográfico do Puxedo está determinado polo ciclo do pan. A elaboración do pan era un ciclo complexo que daba lugar a tipos de contrucións moi especializadas: eiras, hórreos, muíños e fornos, que foron sempre lugar de encontro dos veciños e escenarios de contos e cantigas.

Lugares e parroquias Lugares de San Paio de Araúxo

Parroquias de Lobios

Notas

Véxase tamén Ligazóns externas Vecinos de Puxedo crean una nueva ruta etnográfica dentro del parque natural La conselleira de Medio Rural elogia a Puxedo por proteger el patrimonio La capilla de Puxedo, en Lobios, renueva el retablo mayor Puxedo, unha ruta etnográfica perfecta La Xunta licita tres obras de agua y saneamiento en Lobios

Categoría:Lugares de Lobios