Carlomán, nado en 707 e finado o 17 de agosto de 754, foi un mordomo de palacio (soberano) do reino de Austrasia entre 741 e 747. Retirado, fíxose monxe bieito. É venerado como santo pola Igrexa católica. Biografía Era o fillo máis vello do mordomo de Neustria e Austrasia, Carlos Martel, e de Rotruda (695-724). No 741, á morte do seu pai, herdou Austrasia, Suabia e Turinxia, onde gobernou como mordomo (ou xefe do goberno), sen querer tomar o título de rei. Loitou contra o ducado de Aquitania, os alamáns, os bávaros e os saxóns, aos que derrotou.
Promoveu, influído por San Bonifacio de Fulda, que se puxo baixo a súa protección, entre 742 e 744, unha política de reforma moral dos costumes do clero e de respecto polo patrimonio da Igrexa e as sés episcopais.
En 747, renunciou ao poder e fíxose relixioso. Reuniuse co papa Zacarías I e pediulle poder pasar no estado clerical, e retirouse á abadía beneditina de Montecasino, deixando o poder ao seu irmán Pipino o Breve, cos seus títulos e posesións.Segundo algúns historiadores, Carlomán retirouse para expiar as culpas das mortes producidas nas guerras onde participara, que foran moi cruentas, especialmente a campaña do 746). Outros sosteñen que Pipino o Breve, coa complicidade do papa, o induciu a esta decisión.
En 751 quixo intervir para impedir a coroación do seu irmán como rei dos francos, pero o papa conseguiu detelo na Provenza e obrigouno a volver a Montecasino. O 753 foi enviado a Francia a unha misión de paz e morreu en Viena do Delfinado o 754. Foi sepultado na abadía de Montecasino.
Descendencia Carlomán tivo un fillo: Drogón (? - can.753), mordomo de palacio de Austrasia, asociado ao seu pai; logo de 747 foi enviado a un mosteiro polo seu tío Pipino o Breve. Veneración Foi venerado pola Igrexa, e figura como santo en varios martiroloxios antigos. Non tivo un proceso de canonización formal, e outros santorais lístano como beato ou venerábel. Notas
Categoría:Mordomos de palacio Categoría:Carolinxios Categoría:Santos do catolicismo Categoría:Nados en 707 Categoría:Finados en 754