Bernard Germain Étienne de Laville-sur-Illon, conde de Lacépède, ás veces chamado de la Cépède, nado en Agen, Francia o 26 de decembro de 1756 e finado en Épinay-sur-Seine, Francia o 6 de outubro de 1825, foi un zoólogo, político e músico francés.
Traxectoria A súa familia pertencía á vella nobreza de Agen. Orfo de nai moi novo, foi o seu pai, Jean-Joseph Médard, conde de La Ville, o que encargou da súa educación. Herdou o apelido Lacépède dun tío que lle legou a súa fortuna coa condición de que conservara o seu patronímico.
Consagrado desde moi novo ao estudo da filosofía e a música, e de carácter pouco sociábel, as lecturas da Histoire Naturelle de Buffon e a súa posterior amizade con este inclinaríano ao estudo das ciencias naturais.
Residente en París desde 1777, en 1785 Buffon recomendouno para un posto no Jardin du Roi, e alentouno para que continuara aumentando e complementando a Histoire Naturelle. Mentres tanto, o seu principal entretemento seguía sendo a música. Ademais de converterse nun notable executante de piano e órgano, abordou a composición, sendo autor de cinco óperas: Armide (1777, perdida), Omphale (1783, non publicada), Scanderbeg (ca. 1785, destruída polo autor), Cyrus (ca. 1785) e Alcine (1786, non publicada). Algunhas delas mereceran os eloxios de Gluck.
Publicou numerosas obras de historia natural, especialmente sobre fauna mariña. Entre 1787 e 1789 apareceu a súa Histoire naturelle des quadrupèdes ovipares et des serpens, a primeira obra de envergadura sobre anfibios e réptiles destinada a un público masivo. As súas ilustracións eran mediocres, e non mellorou a taxonomía destes animais, polo que neste campo o traballo de Josephus Nicolaus Laurenti (1735-1805), aínda que máis antigo (1768), é notabelmente superior. A pesar destas limitacións, a obra de Lacépède contribuíu a alentar o estudo destas especies.
Despois da Revolución francesa, Lacépède foi elixido membro da asemblea lexislativa. Oposto a Robespierre, para salvar a súa vida exiliouse durante o período do Terror. Contra 1795 regresou a París; nese ano converteuse en secretario perpetuo da Académie des sciences, e retornou ao Jardin du Roi (renomeado daquela Muséum national d'histoire naturelle e coñecido como Xardín das plantas). Cando a cátedra de vertebrados se dividie en dúas, faise cargo da nova cátedra de ictioloxía e herpetoloxía que formalmente ocuparía até a súa morte, aínda que na práctica sería substituído en 1803 por André Marie Constant Duméril. Tamén foi director do Museum un ano, entre 1795 e 1796.
En 1798 publicou o primeiro volume da súa Histoire naturelle des poissons, cuxo quinto e último volume apareceu en 1803. Ao tempo, dedica cada vez máis a súa actividade á política, até abandonar todos os traballos de investigación e ensinanza en 1803. En 1799 Napoleón Bonaparte proponlle ser ministro do Interior; rexeitou o cargo, pero aceptou ser senador, e foi presidente do Senado en 1801. En 1804 foi ministro de Estado. Continuou en varias funcións políticas, entre elas o desenvolvemento social e financeiro da Lexión de Honor, da que foi o primeiro gran cabaleiro (desde 1803) e o primeiro chanceler. Coa caída de Napoleón retirouse da vida política, dedicando os dez últimos anos da súa vida á escritura dunha historia da humanidade. A súa última obra, Les âges de la nature et l'histoire de l'espèce humaine, quedou inconclusa; vítima dunha epidemia de varíola, morreu na súa herdade de Épinay na noite entre o 6 e o 7 de outubro de 1825.
Bibliografía parcial Essai sur l'électricité naturelle et artificielle (1781) Physique générale et particulière (1782-1784) Théorie des comètes, pour servir au système de l'électricité universelle (1784) La poétique de la musique, 2 vols. (1781 e 1785) Histoire naturelle des quadrupèdes ovipares et des serpens, 2 vols. (1788-1789) Vues sur l'enseignement public (1790) Histoire naturelle des poissons, 5 vols. (1798-1803) Tableau des divisions, sous-divisions, ordres et genres des mammifères (1798) La Ménagerie du Muséum national d'histoire naturelle (1801) Histoire naturelle des cétacées (1809) Ellival et Caroline (1816) Charles d'Ellival et Alphonsine de Florentino (1817) Vue générale des progrès de plusieurs branches des sciences naturelles, depuis la mort de Buffon... (1818)
Escritos póstumos Histoire générale, physique et civile de l'Europe, depuis les dernières années du Viéme siècle jusque vers le milieu du XVIIIiéme, 18 vols. (1826) Histoire naturelle de l'homme, précédée de son éloge historique par M. le Baron G. Cuvier (1827) Les âges de la nature et l'histoire de l'espèce humaine (fragmentos publ. en 1830)
Véxase tamén
Bibliografía Georges Cuvier. Éloges historiques de MM. de Saussure, Pallas, Hauy, de Lacépède et Cavendish. Theissing, Münster 1876 Ora Frishberg Saloman. Aspects of "Gluckian" operatic thought and practice in France. Ann Arbor 1984 Louis Roule. Lacépède, professeur au Muséum, premier grand chancellier de la Légion d'honneur, et la sociologie humanitaire selon la nature. Flammarion, París 1932
Categoría:Nobres de Francia Categoría:Políticos de Francia Categoría:Zoólogos de Francia Categoría:Músicos de Francia Categoría:Nados no departamento de Lot e Garona Categoría:Membros da Sociedade de Anticuarios de Francia Categoría:Nados en 1756 Categoría:Finados en 1825 Categoría:Finados por varíola