Plasmodium ovale é unha especie de protozoos parasitos que causa a malaria terzá en humanos. Está moi emparentado con Plasmodium falciparum e Plasmodium vivax, os cales son responsables da maioría dos casos de malaria. É menos común que eses parasitos e bastante menos perigoso que P. falciparum.
Os estudos xenéticos recentes da especie P. ovale indicaron que consta de dúas subespecies, que son: P. ovale curtisi e P. ovale wallikeri.
Historia Esta especie foi descrita por primeira vez por J. W. Stephens nun paciente de África oriental en 1922.Stephens JWW (1922) A new malaria parasite of man. Ann Trop Med Parasitol 16: 383–388. doi: 10.1098/rspb.1914.0024
Epidemioloxía
Tradicionalmente se consideraba que P. ovale estaba moi limitado xeograficamente a África occidental, Filipinas, leste de Indonesia, e Papúa-Nova Guinea, pero informouse tamén da súa presenza en Bangladesh , Camboxa, India, Tailandia e Vietnam
A prevalencia é baixa (<5%) con excepción de África occidental, onde chega ao 10%.
A epidemioloxía deste parasito necesita ser posta ao día porque o último mapa global da súa distribución fíxose en 1969.
Estimouse que hai uns 15 millóns de casos de infección por este parasito cada ano.
Características clínicas
O período de latencia en humanos é de 12 a 20 días. Algunhas formas hepáticas atrasan o seu desenvolvemento e a súa reaparición pode ocorrer despois de períodos de ata 4 anos despois da infección.
O ciclo de desenvolvemento no sangue dura unhas 49 horas. Un exame dos rexistros de infeccións inducidas indica que houbo unha media de 10,3 episodios de febre de ≥ 38,3 °C e 4,5 episodios febrís de ≥ 40 °C. Os niveis máximos medios do parasito eran 6.944/microlitro en infeccións inducidas por esporozoítos e 7.310/microlitro en infeccións inducidas por trofozoítos.
Diagnose
O aspecto microscópico de P. ovale é moi similar ao de P. vivax e se se examinan só un pequeno número de parasitos, pode ser imposible de distinguir as dúas especies baseándose só na morfoloxía. Non hai diferenza entre o tratamento médico que se aplica ás infeccións por P. ovale e por P. vivax, e os resultados algunhas diagnoses de laboratorio indican ambiguamente que se trata de "P. vivax/ovale", o cal non afecta ao tratamento. Poden verse puntos ou gránulos de Schüffner na superficie dos glóbulos vermellos parasitados, pero estes son meirandes e máis escuros que en P. vivax e algunhas veces denomínanse puntos de James ou punteado de James. Aproximadamente o 20% das células parasitadas son de forma oval (de onde vén o nome da especie) e algunhas das células ovais teñen ademais beiras fimbriadas (que son as denominadas "células cometa"). Os esquizontes maduros de P. ovale nunca teñen máis de doce núcleos e este é o único xeito fiable de distinguir as dúas especies.
P. vivax e P. ovale que estiveron en EDTA durante máis de media hora antes de que se faga o frotis sanguíneo parecen ter unha aparencia moi similar á de P. malariae, o cal é unha importante razón para que o laboratorio procese a mostra en canto chegue.
Tratamento
O tratamento estándar é administrar á vez cloroquina e primaquina. A combinación atovaquone-proguanil pode tamén usarse naqueles pacientes que non poden tomar cloroquina.
Filoxenia
Entre as especies que infectan aos grandes simios, a especie Plasmodium schwetzi morfoloxicamente parece ser a máis relacionada con P.ovale, pero isto non foi confirmado (en 2013) por estudos xenómicos.
A especie orixinal ten dúas formas morfoloxicamente idénticas denominadas Plasmodium ovale curtisi e Plasmodium ovale wallikeri, que poden diferenciarse só por medios xenéticos. Identificáronse ambas as subespecies en Ghana, Myanmar, Nixeria, Santo Tomé, Serra Leoa e Uganda. Segundo unha estimación a separación entre estas liñaxes crese que ocorreu hai entre 1,0 e 3,5 millóns de anos en hóspedes homínidos. Unha segunda análise suxire que estas especies se separaron hai 4,5 millóns de anos (95% de intervalo de confianza 0,5 – 7,7 millóns de anos).Putaporntip C, Hughes AL, Jongwutiwes S (2013) Low level of sequence diversity at merozoite surface protein-1 locus of Plasmodium ovale curtisi and P. ovale wallikeri from Thai isolates. PLoS One 8(3):e58962. doi: 10.1371/journal.pone.0058962
Estas especies parecen ser máis próximas a Plasmodium malariae que a Plasmodium vixax. O período de latencia da subespecie P. ovale wallikeri é de 40,6 días e a da subespecie P. ovale curtisi de 85,7 días.Nolder D, Oguike MC, Maxwell-Scott H, Niyazi HA, Smith V, Chiodini PL, Sutherland CJ (2013) An observational study of malaria in British travellers: Plasmodium ovale wallikeri and Plasmodium ovale curtisi differ significantly in the duration of latency. BMJ Open 3(5). pii: e002711. doi: 10.1136/bmjopen-2013-002711
Infección Aínda que é similar a P. vivax, a especie P. ovale pode infectar a individuos que son negativos para o grupo sanguíneo Duffy, como é o caso en moitos dos habitantes da África subsahariana. Isto explica a grande prevalencia de P. ovale (en lugar de P. vivax) na maior parte de África.
Vectores Os vectores son mosquitos do xénero Anopheles das seguintes especies: Anopheles albimanus Anopheles atroparvus Anopheles dirus Anopheles farauti Anopheles freeborni Anopheles gambiae Anopheles maculatus Anopheles quadrimaculatus Anopheles stephensi Anopheles subpictus
Outros hóspedes Os chimpancés e os monos Saimiri poden tamén ser infectados por este parasito.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Hemozoína
Ligazóns externas Malaria - TDR: Investigación en enfermidades da pobreza
Categoría:Apicomplexos