Carolina Casanova Rodríguez, máis coñecida como Carolina Casanova de Cepeda ou simplemente como «La Cepeda», nada o 10 de xaneiro de 1847 no ferrolán barrio de Esteiro e finada en Madrid o 8 de febreiro de 1910, foi unha soprano galega, considerada como unha das mellores sopranos da segunda metade do século XIX. Foi unha das primeiras sopranos españolas en acadar renome en Europa.

Ao longo da súa carreira Carolina Casanova actuou nalgúns dos teatros de ópera máis prestixiosos do mundo, como o Teatro alla Scala de Milán, o Teatro San Carlo de Nápoles, ou a Royal Opera House de Londres, tendo realizado estreas mundiais como a de Il mercadante di Venezia de Ciro Pinsuti. Logo de deixar a súa carreira concertística exerceu como profesora na Escola Nacional de Música e Declamación (actualmente denominado Real Conservatorio Superior de Música de Madrid), onde formaría a futuras personalidades importantes do mundo da ópera española.

No momento da súa morte, durante as festividades do Entroido, o Conservatorio abriu as súas portas para que alumnado e profesorado do centro puideran darlle a última homenaxe, e algúns xornais cualificaron a súa como «unha perda irreparable» para a arte española.

Traxectoria Primeiros anos e formación María Carolina Casanova Rodríguez naceu o 10 de xaneiro de 1847 no barrio de Esteiro, Ferrol, sendo a cuarta filla do matrimonio de Rosa Rodríguez da Veiga e Luis Casanova Pérez, home do que se descoñece a profesión exacta existindo diferentes versións, a máis probable é que fose carabineiro de Facenda, un corpo creado para vixiar o litoral e loitar contra a fraude e o contrabando. Polos padróns de 1840 a 1853 sábese que na súa infancia residiu na rúa de San Nicolao e non na de San Carlos, como indican algúns documentos. Tamén se deduce dos padróns ferroláns que o seu pai estivo destinado noutras cidades, e podemos coñecer a data aproximada da súa morte grazas aos mesmos, xa que en 1852 se recolle que a súa nai era viúva Pouco se sabe dela ou da súa familia ata a adolescencia, tan só que deberon abandonar Ferrol arredor de 1853, xa que a familia non figura no padrón da cidade ese ano, posiblemente por terse trasladado ao domicilio dalgunha das súas irmás.

Da formación musical de Carolina Casanova non se coñece nada ata a súa adolescencia, cando estudou solfexo co mestre Francisco Piñeiro, músico maior do Departamento de Mariña de Ferrol e director do Teatro Filharmónico. Foi precisamente neste teatro cando a soprano ferrolá debutou en 1863, cando tiña tan só 16 anos. Este debut produciuse casualmente, xa que Piñeiro precisaba cubrir a ausencia da súa primeira tiple e presentáronlle a moza, que daquela xa tiña fama de posuír unha boa voz aínda que nunca cantara en público. Logo do éxito obtido esa función, o propio Piñeiro entregoulle dúas das coroas de flores que recibiu, dicíndolle:

Por mediación do propio Piñeiro, que xa velaba polo futuro musical da rapaza, conseguiu un papel como soprano nunha compañía de ópera que visitou a cidade, dirixida por Macucci, quen accedeu a incorporala á súa compañía e acolleuna baixo a súa protección e a da súa muller. Poucos meses despois presentouse con esa mesma compañía no Teatro da Zarzuela, onde comezou destacar neste xénero. No teatro madrileño traballaba como corista un daquela novísimo Julián Gayarre, e posiblemente fora tamén en dito teatro onde a soprano coñeceu o que sería o seu marido, Luis Rodríguez Cepeda, un compositor e director de orquestra e coros, que practicamente duplicaba a idade da soprano ferrolá.

Aínda que se descoñece a data exacta na que casaron, no exemplar de decembro de 1866 da Revista de Bellas Artes Carolina xa aparece citada como «señora Cepeda» ao aparecer citada como tiple contratada para a compañía lírica de Palma de Mallorca. Carolina Casanova continuou a súa formación en Roma, onde estudou arte dramática, e en París, onde realizou estudos de solfexo e canto, residindo a familia durante varias tempadas en Auteuil, nas proximidades de París. Foi precisamente na capital francesa onde o día 21 de abril de 1869 naceu o primeiro fillo do matrimonio, Luís.

Primeiras xiras miniatura|250px|O Teatro Solís de Montevideo, que Carolina Casanova estivo vinculada durante varios meses en 1872 e onde deixaría unha especial pegada. Logo dun aplaudido debut profesional en Palma de Mallorca foi contratada polo Teatro Principal de Valencia. Desta nova fíxose eco a revista madrileña La Escena, que sinala que o teatro valenciano reunira «un persoal, tanto para as funcións ordinarias como extraordinarias, como nunca tiveron en Valencia». Carolina Casanova foi unha das catro prime-donne coas que contou o teatro, que contou ademais con tres tenores, dous barítonos, dous baixos e sete partes secundarias. En Valencia cantou, entre outras obras, Un ballo in maschera de Giuseppe Verdi e Robert le diable de Giacomo Meyerbeer, antes de dirixirse aos baños de Caldes d'Estrac co seu home. Ese mesmo ano tivo o seu primeiro contacto co Gran Teatre del Liceu ao participar nun concerto con alumnos do mestre Marià Obiols.

Axiña o matrimonio iniciou unha longa xira por América Latina e o Norte de Europa. Logo de percorrer os principais teatros de América, con grande éxito en Costa Rica, en 1869, onde o público a acompañou á súa residencia ovacionándoa, a soprano ferrolá actuou con éxito na cidade sueca de Gotemburgo, como sinalaba o xornal La Iberia na súa edición do 26 de outubro de 1869, e uns meses máis tarde, en abril de 1870, outro xornal madrileño, La Época, sinalaba os eloxios que recibira en París unha Carolina Casanova recentemente chegada do Brasil, se ben é probable que o matrimonio levase tempo xa en Europa. Ese mesmo ano hai referencia tamén a unha estadía en Italia, cantando en Il Trovatore de Verdi en Avellino.

Durante estas primeiras xiras a soprano galega actuou, ademais de en Suecia e no Brasil, en Dinamarca, o Perú, Chile, a Arxentina ou o Uruguai, en destacados teatros latinoamericanos como o Teatro Imperial do Brasil, o Teatro Principal de Lima, ou o Teatro Solís de Montevideo. Foi precisamente neste último teatro onde Carolina Casanova deixou unha especial pegada, polo que sería lembrada aínda despois de décadas do seu paso polo escenario montevideano con nostalxia pola prensa musical da cidade como o xornal Montevideo Musical. No Teatro Solís permaneu unha longa tempada, canto menos entre abril e setembro de 1872, e onde cantou Il barbiere di Siviglia de Rossini, La traviata, Rigoletto e Un ballo in maschera de Verdi, Norma e La sonnambula de Bellini, e Linda di Chamounix e Poliuto de Donizetti. Tamén se ten constancia da chegada de Carolina Casanova ao Perú, onde debutou con éxito cantando La traviata de Verdi en maio de 1871, e posteriormente uniuse á compañía de ópera italiana xunto coa soprano Adelina Patti, coa que anos despois coincidiu no Covent Garden.

Nesta época de xiras naceu ademais a segunda filla de Carolina Casanova, Luísa, o día 4 de xuño de 1870 en Madrid.

Debut no Teatro Real 250px|miniatura|esquerda|O Teatro Nacional da Ópera (actualmente Teatro Real) en 1860. Carolina Casanova debutou no teatro madrileño con Norma en 1873, tendo unha acollida desigual da crítica. Non volvería ata 1885. A principios de 1873 a soprano regresou a España. En febreiro dese ano o xornal madrileño La Correspondencia de España recolle a chegada de Carolina Casanova, xunto co seu marido, a Madrid, salientando o éxito recollido no estranxeiro formando parte das compañías italianas coas que traballou, e dá mostra do interese do público madrileño pola soprano ferrolá:

Cómpre salientar que xa nesta época o nome de Carolina Casanova aparece en primeiro lugar, o que implicaría que fose xa máis coñecida que o seu marido. Poucos meses despois, o 27 de abril dese mesmo ano, o mesmo xornal refírese a Carolina Casanova como prima donna do teatro da Ópera.

Ese mesmo ano, cando estaba a finalizar a tempada do Teatro Nacional da Ópera foi contratada polo señor Robles para actuar en dito teatro. Debutou o día 12 de marzo con Norma, de Vincenzo Bellini, repetindo os días 13 e 18 dese mesmo mes. Tamén participou nas representacións de La traviata de Giuseppe Verdi os días 23 e 25, así como na estrea da ópera de Filippo Marchetti Ruy Blas o día 29, repetindo tamén o 30 de marzo e o 1 e 2 de abril.

A prensa da capital de España estivo dividida respecto do debut da cantante ferrolá. Mentres que xornais como Galicia Moderna, La Iberia e La Época se fan eco do triunfo no escenario madrileño, sinalando este último que despois da interpretación da aria «Casta Diva» foi chamada dúas veces a escena, outras críticas na prensa da época, pola contra, non foron tan positivas: a Crónica da ópera italiana de Luis Carmena y Millán cualificou as actuacións de Carolina Casanova como «mal éxito», aínda que a crítica máis dura foi a publicada en La Moda elegante polo Marqués de Valle-Alegre:

Sexa como for, a soprano non volveu cantar no Teatro Real ata o ano 1885, tamén na representación de Norma, precedida dunha prestixiosa carreira internacional. Posteriormente ese ano marchou a Italia, non sen antes actuar no Teatro Jovellanos e no Conservatorio de Madrid.

Éxito internacional 175px|miniatura|En 1876 Carolina Casanova cantou o Réquiem de Verdi baixo a dirección de Franco Faccio nunha homenaxe ao compositor en Parma. Sábese que en setembro de 1873, Carolina Casanova se encontraba en Italia, onde tivo unha cálida acollida no seu debut no Teatro Dal Verme de Milán. O 8 de novembro interpretou o papel de Porzia na estrea da ópera de Ciro Pinsuti Il mercante di Venezia no Teatro Comunale de Boloña, escenario ao que regresou pouco tempo despois, o 5 de decembro dese mesmo ano. En xaneiro do ano seguinte participou nas representacións de Il re Manfredi de Achille Montuoro e Un ballo in maschera de Giuseppe Verdi.

Nestes anos coñécese tamén da súa presenza no Teatro Imperial de Varsovia en canto menos dúas tempadas, nas que realizou a estrea de Aida no papel principal.

En 1876 a soprano ferrolá foi contratada para cantar a Misa de Réquiem de Verdi no Teatro Regio de Parma nun acto no que se lle entregou ao compositor a medalla de ouro pola composición. A obra foi dirixida polo director de orquestra italiano Franco Faccio e ao concerto asistiron o que sería rei de Italia, Humberto de Savoia, xunto coa súa dona, a princesa Margarida Tareixa de Savoia.

Ese mesmo ano, de volta en España, produciuse o debut de Carolina Casanova no Gran Teatre del Liceu de Barcelona. A soprano xa cantara na cidade condal o ano anterior no Teatro Circo. No Liceu actuou entre decembro de 1876 e marzo de 1877, salientando a estrea no teatro barcelonés de Aida de Verdi xunto co tenor italiano Francesco Tamagno o 25 de febreiro de 1877, seis anos despois da estrea mundial no Cairo. Con todo, foi a súa segunda tempada en Barcelona a máis destacada, interpretando unha moi aplaudida Lucrezia Borgia xunto con Julián Gayarre. Ao mesmo tempo, a soprano ferrolá presentouse en Lisboa coa compañía lírica do Real Teatro. No teatro da capital portuguesa debutou con L'Ebrea de Fromental Halévy, cantando tamén en Maria di Rohan de Donizetti, Faust de Gounod, Il trovatore, Ernani, Un ballo in maschera ou Aida de Verdi. miniatura|esquerda|250px|A Royal Opera House de Londres, onde Carolina Casanova cantou dúas tempadas en 1878 e 1879.