San Pedro de Ledoño é unha parroquia do sur do concello de Culleredo. Segundo o IGE en 2016 tiña 277 habitantes (131 mulleres e 146 homes) distribuídos en 7 entidades de poboación, o que supón un aumento en relación ao ano 1999 cando tiña 259 habitantes.

Xeografía Está situada no val de Veiga e as súas terras están bicadas polo río Valiñas e que nace nas inmediacións da aldea de Vista Alegre, xa no concello da Laracha. O monte de Ledoño é o monte Picoto, que xorde como linde natural coa parroquia de Orro (San Salvador).

Ledoño é unha das máis cativas parroquias do concello de Culleredo, tanto en extensión como en número de habitantes. As vías de comunicación son, a estrada que une Vilaboa coa capital municipal e continúa deica Peiro de Arriba (Celas de Peiro, Sta. María); a AC-523, situada ao sur da parroquia, que une a A-6 e Meirama, Cerceda; e a autoestrada A-6 (A Coruña-Madrid), ao norte. Recentemente desapareceu o ferrocarril, co percorrido entre A Coruña e Santiago, mais estase a falar de recuperar as vías para transporte de mercadorías.

Economía A maior parte dos veciños de Ledoño teñen as súas ocupacións fóra da aldea, e os que traballan alí, fano, en inmensa maioría, dedicados á terra. Aínda que, dende a construción do Centro Loxístico de Transportes de Culleredo, algúns habitantes traballan noutros sectores diferentes do primario e sen saíren do lugar.

Sociedade miniatura|Cruceiro. A parroquia de Ledoño conta cunha escola de Educación Infantil, na que reciben as súas primeiras clases arredor dunha ducia de meniños e meniñas da aldea e os arredores. As idades destes nenos están entre os tres e os seis anos. A esta idade adoitan trasladarse á escola de Primaria de Culleredo, sita no lugar de Tarrío.

A sociedade ledoñesa ten un lugar de encontro habitual dende hai décadas, que é o Centro Social Ledoñés, situado no centro da aldea, e que adoita organizar festas, cursos, actividades e outros eventos durante todo o ano, moitos deles, en colaboración co concello de Culleredo.

Festividades e tradicións Ledoño celebra as súas festas na honra de San Pedro, o seu patrón, e a Virxe do Carme a primeira fin de semana despois do 16 de xullo.

Lugares e parroquias Lugares de Ledoño

Parroquias de Culleredo

Notas

Véxase tamén Outros artigos Lugares de Culleredo

Categoría:Parroquias de Culleredo Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de san Pedro