O ácido domoicoPubChem compound Domoic acid é a neurotoxina causante da ASP (amnesic shellfish poisoning, envelenemento por marisco amnésico), asociado con certas floracións de algas tóxicas. Trátase dun aminoácido heterocíclico análogo do ácido kaínico.
Distribución En 1958, illouse o ácido domoico por primeira vez da alga vermella (Chondria armata), chamada no Xapón "doumoi" ou "hanayanagi" . Esta alga utilízase a baixas doses como anthelmíntico en certas partes do Xapón. Producen tamén ácido domoico algunhas diatomeas do xénero Pseudo-nitzschia e algunhas cepas da diatomea Nitzschia navis-varingica.
A especie de diatomea Pseudo-nitzschia multiseries perde a maioría da súa capacidade de producir ácido domoico cando se cultiva axenicamente (soa). Con todo, a produción de ácido domoico recupérase cando se introducen bacterias (que crecían xunto coa diatomea no cultivo orixinal) no cultivo axénico, o que indica unha asociación entre as bacterias e a produción de ácido domoico nesta especie de diatomea. Outros factores que afectan á biosíntese de ácido domoico foron revisadas por Bates e Trainer (2006), Trainer et al. (2008), Lelong et al. (2012) e Trainer et al. (2012).
A frecuencia crecente e a extensión xeográfica con que se producen as floracións de algas tóxicas ao longo das zonas costeiras poboadas atribúese xeralmente ás actividades humanas.
Química O ácido domoico é un análogo estrutural do ácido kaínico e da prolina. O ácido domoico leva unha cadea lateral octadienoica no C4. Outros compostos relacionados (con estruturas derivadas do ácido kaínico) son as domoilactonas, os ácidos acromélicos e os ácidos isodomoicos.Jonathan Clayden, Benjamin Read and Katherine R. Hebditch. Chemistry of domoic acid, isodomoic acids, and their analogues. Tetrahedron 720. Sciencedirect.com. Maio 2005. O ácido domoico puro preséntase con forma de agullas cristalizadas. É soluble en auga, ácidos minerais diluídos, e solucións de álcalis, e só lixeiramente soluble en metanol e etanol e insoluble en solventes apolares (petróleo, benceno, éter). O ácido domoico non se neutraliza ao cociñar os alimentos. Os aspectos xerais da química do ácido domoico, incluíndo os seus isómeros e a súa degradación, foron revisados por Lelong et al. (2012). O que estimula a produción de ácido domoico é a limitación de silicato e fosfato dispoñible, e tamén as baixas concentracións de ferro ou as altas concentracións de cobre, o que parece indicar unha función do ácido domoico como quelante de metais traza. Outros factores que potencian a produción de ácido domoico son os compostos nitroxenados como urea ou glutamina, os cambios de pH, o CO2, a salinidade e a concentración bacteriana. Os estudos de laboratorio e de campo ás veces dan resultados contraditorios sobre as condicións que favorecen a produción de toxina.
Toxicoloxía
O ácido domoico pode bioacumularse nos organismos mariños como os mariscos (frecuente en mexillóns), anchoas, e sardiñas que se alimentan do fitoplancto que produce esta toxina. O ácido domoico pode acumularse en altas concentracións nos tecidos destes animais cando este fitoplancto tóxico está en grandes concentracións nas augas.
Nos mamíferos, incluíndo os humanos, o ácido domoico actúa como unha neurotoxina, que causa unha perda da memoria a curto prazo, danos cerebrais e, en casos graves, a morte. As floracións de algas que producen ácido domoico están asociadas coa ASP ou envelenamento por marisco amnésico. Nos animais mariños, o ácido domoico xeralmente causa convulsións e tremores. No cerebro, o ácido domoico afecta especialmente ao hipocampo e ao núcleo amigdaloide. Dana as neuronas ao activar os receptores de kainato e AMPA, causando un fluxo de calcio, xa que ten unha estrutura homóloga á do neurotransmisor glutamato. Aínda que o fluxo de calcio ás células é un fenómeno normal, o incremento incontrolado do mesmo produce unha dexeneración celular. A perda da memoria a curto prazo está asociada cos danos graves no hipocampo.
Notas
Véxase tamén Outros artigos Pseudo-nitzschia
Ligazóns externas
Categoría:Toxicoloxía Categoría:Aminoácidos Categoría:Pirrolidinas