Amador Lorenzo Lemos, coñecido simplemente como Amador, nado en Bueu o 29 de setembro de 1954, é un exfutbolista galego que xogaba de gardameta. É o único futbolista galego que vestiu a camiseta dos dous maiores clubs de España: o Real Madrid e o FC Barcelona. Aínda que tivo pouco protagonismo en ditos equipos, conquistou oito títulos, entre eles dúas ligas, dúas Copas do Rei e unha Recopa de Europa. Militou tamén no Pontevedra, club no que comezou a súa carreira, no Hércules e no Murcia.

Traxectoria Comezou a súa carreira como futbolista no Atlético Pontevedrés, filial do Pontevedra CF. Na tempada 1972/73 subiu ao primeiro equipo, co que debutou na Segunda División da man de Caeiro na primeira xornada ante o Barakaldo. Disputou 14 partidos esa campaña co equipo granate, co que acabou descendendo a Terceira. Defendeu a portería de Pasarón durante dúas campañas máis, acadando os 52 partidos oficiais co club.

Na tempada 1974/75 deixou Galicia para fichar polo Real Madrid Castilla, tamén de Terceira. Titular en case todos os partidos da tempada, co equipo dirixido por Sanchís rematou na terceira posición a un punto da promoción de ascenso a Segunda. As súas boas actuacións no filial propiciaron que para a tempada tempada 1976/77 pasase ao primeiro equipo do Real Madrid como terceiro porteiro.

Durante a súa primeira campaña no equipo non chegou a xogar ningún encontro oficial, tendo por diante ao ourensán Miguel Ángel e a García Remón. Non foi ata a tempada 1977/78 cando puido debutar na Primeira División, debido ás lesións dos outros dous gardametas. Foi o 6 de novembro de 1977, nun partido no Estadio Santiago Bernabéu ante o Valencia. O seu equipo, adestrado por Luis Molowny, gañou 1-0. Uns días despois xogou na Copa do Rei o seu segundo e último encontro oficial co Real Madrid, ante o Algeciras. No verán de 1978, despois de gañar a súa primeira liga, deixou o club branco e fichou polo Hércules.

No equipo alacantino, que adestraba o exporteiro Joanet, non tardou en facerse coa titularidade por diante do internacional Deusto, e disputou un total de 32 partidos na súa primeira campaña, aos que sumou outros 42 na seguinte. O seu bo nivel abriulle as portas da selección B de España e do FC Barcelona, que o contratou en xuño de 1980.

O seu traspaso ao Barcelona custoulle ao club catalán 35 millóns de pesetas, así como as cesións ao Hércules de Amigó e Adjutori Serrat. Porén, no equipo barcelonés non logrou acadar a titularidade, sendo suplente de Pedro María Artola primeiro e de Urruti despois."Amador aún no ha perdido la esperanza de ser el guardameta titular del Barcelona", artigo en La Vanguardia, 26 de xaneiro de 1985 . Disputou un total de 26 partidos oficiais nas súas seis tempadas como azulgrana e acumulou numerosos títulos: unha liga, dúas Copas do Rei, dúas Copas da Liga, unha Supercopa de España, unha Recopa de Europa e un subcampionato da Copa de Europa en 1986. Tralo fracaso desta final continental ante o Steaua de Bucarest, deixou Barcelona e fichou polo Real Murcia.

Durante tres anos foi o gardameta titular do club murciano en Primeira División, co que acabou descendendo ao remate da tempada 1988/89. Disputou unha cuarta campaña co equipo en Segunda, acadando os 118 partidos oficiais co club, antes de colgar as luvas en 1990.

Trala súa retirada regresou a Galiza, desde onde colaborou co corpo técnico do FC Barcelona como observador de novas promesas.

Amador Lorenzo é tío do fotógrafo Amador Lorenzo Blach.

Selección nacional Foi internacional coa selección xuvenil de España, coa que conseguiu a medalla de bronce na Eurocopa xuvenil de 1972. En 1980 foi convocado en varias ocasións por Luis Suárez para a selección B de España, chegando a disputar con esta un partido internacional ante Hungría en Valencia.

Palmarés Real Madrid Primeira división (1): 1977/78.

FC Barcelona Primeira división (1): 1984/85. Copa do Rei (2): 1980/81, 1982/83. Copa da Liga (2): 1982/83, 1985/86. Supercopa de España (1): 1983. Recopa de Europa (1): 1981/82.

Notas

Véxase tamén Bibliografía Martialay, F. (2007): Todo sobre todas las selecciones. ISBN 84-935390-2-3

Categoría:Nados en 1954 Categoría:Nados en Bueu Categoría:Futbolistas da provincia de Pontevedra Categoría:Gardametas de fútbol Categoría:Xogadores do Pontevedra CF Categoría:Xogadores do Real Madrid Castilla Categoría:Xogadores do Real Madrid CF Categoría:Xogadores do FC Barcelona Categoría:Xogadores do Hércules CF Categoría:Xogadores do Real Murcia