A historia de Galiza abrangue a historia de Galiza e dos seus estados predecesores. Comeza arredor do 19 a. C., cando o Imperio Romano logra anexionar definitivamente os pobos galaicos —kallaikoi segundo o autor grego Estrabón— unificándoos por vez primeira na historia e denominando ó seu territorio como Gallaecia —terra dos callaeci—, e que acabaría derivando nos actuais nomes Galicia ou Galiza, motivo polo que é considerada como unha das entidades político-administrativas máis antigas de toda Europa.
O feito de que no ano 298 d. C. o emperador Diocleciano decidise elevala ao rango de provincia consular —ampliando así tamén o seu territorio— supuxo un acrecentamento da súa cohesión política, pois desta maneira pasaba a estar baixo o goberno dun cónsul romano. A súa definitiva consolidación estatal chegaría no ano 409, cando o rei suevo Hermerico funda nela o primeiro Reino de Galiza, afianzando a existencia de Galiza ata os nosos días.
A ocupación humana do territorio correspondente á actual Galiza, non obstante, é moito máis antiga cá chegada de Roma, existindo testemuños arqueolóxicos que certifican o seu poboamento desde o Paleolítico inferior. Estas poboacións recibiron diversas achegas culturais durante milenios, formando parte xa na Idade de Bronce da área cultural atlántica que se deu entre as terras máis occidentais de Europa. A finais da Idade de Ferro estas poboacións autóctonas formaban unha unidade cultural, coñecida como cultura castrexa, que os romanos denominaron como galaicos e que supoñen o principal substrato da poboación actual en Galicia.
Do mesmo xeito, durante os séculos seguintes Galiza recibiu sucesivos asentamentos de xente, entre os que destacan romanos, suevos e britanos, que non só se integraron na poboación autóctona senón que tamén influíron decisivamente na súa vida, como foi o caso da cultura romana que propiciou a formación dunha nova lingua autóctona, o galego. Ata o ano 1833 mantívose coma un reino, no ano 1933 recibe o recoñecemento internacional da súa realidade nacional e desde 1981 organízase xurídica e administrativamente como unha comunidade autónoma dentro do Estado español.
Prehistoria
Paleolítico miniatura|Esqueleto dun oso das cavernas. Na cova Eirós (Triacastela) acháronse restos do oso das cavernas. As primeiras probas líticas de presenza humana en Galiza remóntanse a uns 300.000 anos, no Paleolítico inferior, durante o Plistoceno medio. Apareceron restos destes poboadores por todo o litoral, dende Ribadeo ata A Guarda. Estes restos son instrumentos líticos, que nos amosan unha cultura acheulense a base de bifaces, fendedores, triedros… feitos sobre unha base de cuarzo ou cuarcita. Coñécense dúas culturas, o Paleolítico inferior arcaico (ou "cultura dos cantos tallados") e o Paleolítico inferior clásico ou acheuliano. A técnica é máis simple na primeira delas. As industrias son simples e o número de tipos reducido.
Os seres humanos do Paleolítico inferior vivían en hordas, é dicir, grupos de cazadores-recolectores que practicaban o nomadismo. Alimentábanse dos froitos que recollían e da caza, que practicaban en tribos. Tamén botaban man da pesca e da recollida de marisco, cando vivían en zonas nas que podían facelo.
Xa durante o Paleolítico medio a cultura característica é a musteriense, non homoxénea, elaborada polo home de Neandertal (dos que se documenta a súa presenza no noroeste peninsular grazas ao achado dun asentamento na Cova Eirós, en Triacastela, con materia orgánica e ferramentas do Paleolítico medio).
O Paleolítico superior espállase entre os anos 30000 e 8000 a. C., época na que atopamos instrumentos tanto de pedra como de óso, realizándose neste material puñais, arpóns, agullas etc. Contamos en Galiza con abundantes abrigos baixo rocha, nos que atopamos unha industria azilense a base de sílex, cristal de rocha, pórfiros cuarcíticos, cuarzos e cuarcitas máis ocre. As ferramentas máis características son os burís, as tesoiras de dorso rebaixado e as raspadeiras.
Neolítico e o megalitismo
miniatura|esquerda|Dolmen de Corveira, construído entre o IV e III milenios a. C., é unha típica anta de corredor que forma parte do conxunto Sotorraño-Parxubeira-Portocoiro, Eirón, Mazaricos. Desenvólvese entre o 5000 e o 3000 a. C. o período chamado Neolítico, caracterizado polo nacemento da agricultura e a domesticación de animais, ademais da cerámica. Co cultivo dos alimentos e a crianza dos animais, aumentaron as posibilidades de se alimentar, co que aumentou a poboación. O clima fíxose aínda máis cálido e húmido, o que favoreceu o crecemento da vexetación, composta principalmente de carballeiras, sobreiras, olmos, freixos, abeleiras… Os habitantes da Galiza desta época ocuparon zonas altas, por teren unha vexetación menos frondosa, e ser a terra menos dura para a traballar.
Desta época data o megalitismo, é dicir, a construción de grandes monumentos de pedra. Estes monumentos existen por toda Galiza, desde a ribeira ata as altas montañas orientais. Calcúlanse no territorio galego máis de tres mil, F. "Prehistoria e Idade Antiga". En mámoas, que consisten nunha morea de terra e pedras que pode conter un dolmen e que acubilla un lugar de enterramentos colectivos. Poden aparecer enxovais funerarios e pinturas no interior das grandes pedras.
Galiza, entre os anos 5000 a 2500 a. C. forma parte do megalitismo atlántico propio dos denominados fisterras. A peculiaridade galega consiste en que as mámoas e os túmulos non son de gran tamaño, pero si moi numerosos e inzan todo o territorio. Obsérvase unha gran relación entre as mámoas e a paisaxe: normalmente atópanse en penichairas de media altura e inseridas nunha economía gandeira. Os milleiros de megálitos fálannos do xenio creativo e da habilidade do manexo das grandes pedras duns seres humanos que buscan identificar o seu territorio con elementos perceptibles que os conecten co mundo dos mortos.
Estariamos ante numerosas unidades sociais que comparten unhas mesmas técnicas e crenzas e que serían relativamente igualitarias.
Idade do Bronce Atlántico
miniatura|O casco de Leiro, Idade de Bronce final.
A Idade de Bronce ou Calcolítico, datada entre o 2000 e o 1800 a. C., prodúcese a aparición da metalurxia. Increméntase a estabilidade dos asentamentos. As cistas (cámaras de pedra máis pequenas, non soterradas e individuais) substitúen os dolmens, o que indica a existencia dunha certa elite social. Aparecen puñais de cobre, cilindros de ouro, machados e as primeiras xoias.
Adoita falarse de tres períodos cronolóxicos referidos á fundición do bronce no noroeste peninsular: Fase inicial: ensaios coa metalurxia (1800 - 1200 a. C.) Fase media: eclosión do bronce (1200 - 1000 a. C.) Fase final: difusión (1000 - 700 a. C.)
Xa na Idade de Bronce inicial, hai unha conexión intensa coa costa occidental atlántica. As pezas de tiras e os aros teñen os seus concomitantes nas terras litorais do occidente europeo e nas Illas Británicas. Salienta o tesouro de Caldas de Reis: a maior acumulación de ouro da prehistoria de Europa Occidental.
No II milenio a. C. xa existe unha cultura plenamente aberta a occidente cun novo metal: o bronce. Estoques de lingüeta trapezoidal, espadas con empuñaduras de remaches, espadas pistiliformes, machados tubulares e de dobre anel parécennos falar dunha sociedade de xefaturas onde o espírito bélico condiciona a vida cotiá. Salienta o casco de ouro de Leiro (Rianxo). Galiza aparece plenamente conectada co intercambio atlántico do bronce.
Outra manifestación plástica de enorme interese son os gravados en pedra denominados petróglifos, que en Galiza teñen a singularidade dun maior naturalismo ca noutras áreas. Cérvidos, círculos, labirintos, armas, círculos concéntricos, cazoletas conservan unha simboloxía misteriosa (cúltica, cósmica, ou transcendente) indescifrable nalgúns dos casos.
Cultura castrexa
miniatura|Ruínas do Castro de Borneiro, poboamento habitado desde finais da Idade de Bronce e durante a Idade de Ferro. A cultura castrexa, ou cultura dos castros, foi un conxunto de manifestacións culturais do noroeste da Península Ibérica que durou desde finais da Idade de Bronce (século IX ou VIII a. C.) ata o século I d. C. A súa característica máis notábel son os poboados amurados coñecidos como castros (do latín castrum, campamento), dos que toma o nome; só reciben o nome de citanias determinados castros portugueses (como, por exemplo, o de Briteiros). A súa área de extensión chega até os ríos Navia e Cúa polo leste e o Douro polo sur.
Desenvolveuse durante a Idade de Ferro sobre un forte substrato indíxena da etapa final da Idade de Bronce. A esta compoñente precastrexa sumáronselle influencias culturais centroeuropeas, atlánticas e mediterráneas. No lento período formativo, que duraría ata o século V a. C. os castros fóronse estendendo de sur a norte e da costa cara ao interior.Arias Vilas, F. (2005), La cultura castrexa en Galicia, Revista de Arqueología 137: 28-37 Esta cultura desenvolveuse a continuación durante dous séculos e comezou a ser influenciada pola cultura romana no século II a. C. e continuou na forma de cultura galaicorromana despois da conquista e até os séculos III ou mesmo o IV.
Idade Antiga
Pobos galaicos
miniatura|A palloza —tipoloxía de casa galaica aínda presente nas montañas galegas orientais— foi desde a Idade de Ferro ata a Idade Media común a toda Galicia. A finais da Idade de Ferro, as xentes do extremo noroccidental da Península Ibérica conformaban xa unha unidade cultural homoxénea que as diferenciaba do resto e que tempo despois sería percibida polos primeiros autores grecolatinos, denominando a este conxunto de pobos co nome de Gallaeci (galaicos), se cadra pola aparente similitude cos xa coñecidos Galli (galos) e Gallati (gálatas).
Os Gallaeci ou Galaicos foron orixinariamente un pobo indoeuropeo de lingua celta, polo tanto celtas para uns autores, celtizados para outros —sen que exista pleno consenso entre os investigadores— que ocuparon durante séculos aproximadamente o territorio da actual Galicia e norte de Portugal, limitando ó sur cos lusitanos e ó leste cos ástures. Son en si os primeiros "galegos", nome actual que deriva de Gallaeci sendo decote empregado como cultismo para referirse ó relativo a Galicia ou os galegos, non obstante enténdese historicamente a cultura galaica como aquela previa á anexión ó Imperio Romano.
O modo de hábitat dos galaicos baseouse na ocupación do territorio especialmente en poboados fortificados que reciben o nome de castros, podendo variar o seu tamaño dende pequenas aldeas de menos de 1 hectárea máis usuais no norte, e de grandes castros de máis de 10 hectáreas que reciben o nome de oppida ou "citanias", estando estes máis presentes na metade sur do seu poboamento tradicional. Este xeito de habitar o territorio, en castros, foi común en toda Europa durante a Idade de Bronce e de Ferro, recibindo no noroeste da Península Ibérica o nome de '"cultura dos castros" ou "cultura castrexa", que alude a este tipo de manifestación cultural antes da chegada de Roma, con todo os galaicos seguirían a habitar castros ata o século VIII. Só no territorio da Galicia actual chegan a contabilizarse máis de dous mil castros, o que revela unha das maiores dispersións de poboación da Idade de Ferro en toda Europa, que sería en boa medida a orixe da ocupación galega do territorio herdada ata o presente, e caracterizada por pequenas e numerosas poboacións distantes entre si.