Santa María de Mones é unha parroquia que se localiza no norte do concello de Petín. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 68 habitantes (33 homes e 36 mulleres), distribuídos en 5 entidades de poboación, o que supón unha diminución en relación ao ano 1999 cando tiña 91 habitantes.
A localidade de Carballal, pertencente a esta parroquia civil, constitúe unha parroquia eclesiástica á parte: Carballal (Santa Apolonia).
Patrimonio A igrexa de Santa María de Mones, coñecida como "a nai de sete igrexas", é das máis importantes da comarca de Valdeorras, xa que nos seus arquivos inscribíanse nacementos e defuncións doutras parroquias, como Arnado (Vilamartín de Valdeorras).
O templo ten planta de cruz latina. O teito está cuberto cun artesoado de madeira decorado con pinturas policromadas en branco, negro e vermello. Antigamente o chan estaba empedrado con grandes lousas, pero na actualidade é de madeira. Nos grosos muros hai fiestras moi abucinadas, estreitas no exterior e anchas no interior. Na parede dereita, xunto a sancristía, había un mural pintado de negro e vermello que foi tapado ao cubrir con cemento as paredes de granito.
O campanario foi en orixe unha torre construída para vixiar, á que se accede por unha escaleira de caracol estreita e ventilada por un oco na parede de granito. As súas campás foron louvadas nun poema do petinés Rogelio Díaz.
O templo ten dous retablos do século XVIII. O retablo do Cristo está decorado con columnas salomónicas, follas e acios de uva, e o retablo de Santa Lucía con estipes.
No exterior, na parede sur, hai uns gravados do xogo do pai fillo nai. Á entrada do camposanto, contra a parede, hai unha cruz antiga.
Lugares e parroquias Lugares de Santa María de Mones
Parroquias de Petín
Notas
Véxase tamén Outros artigos Lugares de Petín
Categoría:Parroquias de Petín Categoría:Parroquias de Galicia baixo a advocación de santa María Categoría:Parroquias civís galegas que non coinciden coas eclesiásticas Categoría:Parroquias eclesiásticas galegas que non coinciden coas civís