Anton van Dyck, nado en Anveres o e finado en Londres o 9 de decembro de 1641, foi un pintor flamengo especialmente dedicado á elaboración de retratos. Na súa lingua materna, o neerlandés, o seu nome é Antoon van Dijck (a palabra dijck significa 'carballo' ou 'aciñeira'). Chegou a ser o primeiro pintor de corte en Inglaterra tras unha longa estancia en Italia. É universalmente coñecido polos seus retratos da nobreza xenovesa e de Carlos I, rei de Inglaterra, dos membros da súa familia e da súa corte. Co seu método de pintura dunha elegancia relaxada, influíu nos retratistas ingleses, como Peter Lely ou Mary Beale. Ademais de retratos, polos cales foi bastante apreciado, ocupouse tamén de temas bíblicos e mitolóxicos, introducindo algunhas notables innovacións pictóricas.

En Anveres foi discípulo de Hendrick van Balen, con quen permaneceu entre 1609 e 1610. Máis adiante foi tamén alumno e asistente de Rubens, do que asimilou a técnica e en parte tamén o estilo, e en 1618 foi admitido como mestre no gremio de San Lucas.

Tras pasar a mocidade en Anveres, trasladouse a Italia onde realizou a viaxe ritual de formación característica de todos os grandes pintores flamengos. Alí tivo a oportunidade de ver e copiar algunhas grandes obras renacentistas, especialmente do seu pintor favorito, Tiziano. Ao volver de Italia, pasou a Inglaterra, á corte de Carlos I, onde se ocupou case exclusivamente de retratos. Morreu en Londres á idade de 42 anos e foi enterrado na Catedral de San Paulo.

Traxectoria Primeiros anos e formación miniatura|esquerda|Autorretrato de 1613–1614. Van Dyck naceu nunha casa chamada Dean Berendans, no centro da cidade de Anveres. O seu avó Antoon (1529-1581), tras dedicarse á pintura, dedicouse ao comercio da seda; á súa morte, a súa muller, Cornelia Pruystinck continuou a actividade do marido, rodeada dos seus fillos Francisco e Fernando. Tal traballo rendía bastante, xa que a familia tiña clientes mesmo en París e Londres, e nunha boa parte das cidades flamengas.

O pai de Anton, Francisco, casou en segundas nupcias, en 1590, con Maria Cuypers. Do matrimonio con esta muller, tivo 12 fillos, dos que Anton foi o sétimo. Dado o crecemento da familia, os van Dyck decidiron adquirir unha casa nova, espazosa e luxosamente amoblada, De Stadt van Ghendt, que incluía algo desusado para a época, un baño.

Anton mostrou rapidamente o seu talento e é considerado un neno xenio. Foi enviado, no ano 1609, ao taller dun dos mellores pintores da cidade, Hendrick van Balen, decano da Sint-Lucasgilde (Gilda ou Gremio de San Lucas), co fin de que aprendese os rudimentos da pintura e adquirise experiencia. A súa primeira pintura datada é destes anos e é o Retrato dun home de setenta anos, de 1613, no que son evidentes os ensinos de Van Balen. Con todo, ben pronto e con só 16 anos, abriu un taller persoal, xunto ao xove amigo Jan Brueghel o Novo, con quen abandonou a escola do mestre. Nestes anos, como lembra o mesmo Brueghel, Anton recibiu o encargo de executar unha serie de pinturas que representasen Os doce apóstolos e un Sileno ebrio. Deste período é sen dúbida tamén o Autorretrato de 1613-1614. miniatura|Anton van Dyck, por Peter Paul Rubens (1627-1628) no Royal Collection.

A partir de 1618 e ata 1620, van Dyck traballou estreitamente con Rubens, de quen chegou a ser axudante, abandonando o seu taller autónomo. Seguiron meses de colaboración entre os dous: Rubens fala de van Dyck como do seu mellor alumno. Tamén tras o 11 de febreiro de 1618, día en que foi admitido no Gremio de San Lucas como «mestre», van Dyck traballou con Rubens na realización de teas como Decio Mus despide aos lictores ou Aquiles entre as fillas de Licómedes (Museo do Prado). No taller de Rubens, xa por entón un pintor coñecido en toda Europa, van Dyck deu a coñecer o seu nome nos ambientes da aristocracia e da rica burguesía e contactou coa cultura clásica e a etiqueta propia da corte.Rubens fora instruído na corte da condesa de Ligne. O mozo Anton aprendeu a imitar os modelos do mestre, adoptando moitas das súas características, como é fácil de constatar na pintura O emperador Teodosio e san Ambrosio. En 1620, Rubens asinara un contrato cos xesuítas de Anveres para a decoración da súa igrexa, baseada nos deseños do mesmo pero levada a cabo por van Dyck; ademais deste importante encargo, Anton recibiu tamén numerosas peticións de clientes particulares para a realización de retratos. Corresponden a estes anos, pinturas como o Retrato de Cornelius van der Geest ou Maria van der Wouwer-Clarisse.

Primeiro período inglés En outubro de 1620, cando tiña vinte e un anos, van Dyck trasladouse a Londres, á corte do rei de Inglaterra, Xacobe I. Convenceuno de ir a Inglaterra a insistencia de George Villiers, I duque de Buckingham e Thomas Howard, XXI conde de Arundel. Este último era un gran apaixonado da arte, amigo de Rubens e protector do arquitecto Inigo Jones. Durante a estadía en Londres, van Dyck obtivo de Xacobe I unha pensión anual de 100 libras esterlinas pero non logrou ser presentado ao rei. Con todo, ó pouco tempo o conde de Arundel concedeulle un permiso de viaxe ao estranxeiro por oito meses, aínda que van Dyck non volveu en once anos. As obras realizadas por van Dyck durante esta primeira estancia en Inglaterra son moi diferentes das que fixera ata entón en Flandres. En Anveres, reconvertida había pouco tempo ao catolicismo, Anton tiña a posibilidade de realizar soamente teas con carácter relixioso ou retratos. En cambio, en Londres gozaba de maior liberdade, sexa na execución das pinturas, sexa na elección do tema por representar. No cadro Sir George Villiers, futuro duque de Buckingham, e a súa muller, Lady Katherine, como Venus e Adonis, por exemplo, van Dyck representa aos noivos como xamais o fixo: a tea ten un carácter alegórico, cun gusto tipicamente pastoral, inspirado en Tiziano, e os dous personaxes son representados semiespidos e a tamaño natural. Outras pinturas coñecidas do período son A continencia de Escipión e un retrato do conde de Arundel (Os Ánxeles, Museo J. Paul Getty).

Ao volver a Anveres, quedou alí ao redor de oito meses; neste período, no que Rubens se atopaba lonxe, pintou algúns dos seus retratos máis brillantes e innovadores, como o Retrato de Isabel Brant, primeira muller de Rubens, e o Retrato de Frans Snyders e da súa muller Margarita de Vos. Aínda que en certo xeito Rubens e van Dyck rivalizaban por conseguir os mellores encargos, mantiveron a súa amizade, cando van Dyck comunicou a súa decisión de partir a Italia, Rubens regaloulle un cabalo para a viaxe e deixoulle numerosas cartas de presentación para pintores e mecenas.

Italia miniatura|200px|Retrato do cardeal Guido Bentivoglio, 1623. En 1621 van Dyck decidiu partir a Italia, tradicional viaxe dos pintores flamengos, onde permaneceu durante seis anos, estudando e analizando os traballos dos grandes artistas do século XV e do XVI, afirmándose a súa fama de retratista.Dyck, Antonio van, páxina no Museo do Prado

O 3 de outubro de 1621 partiu e instalouse en Xénova, onde se aloxou na casa dos pintores e coleccionistas de arte flamengos, Lucas e Cornelis de Wael. Á súa chegada a Xénova, Anton realizara xa ao redor de 300 pinturas, situación oposta á de Rubens ou de Nicolas Poussin, que á súa chegada a Italia non tiveran ocasión aínda para traballar de maneira tan intensa.

Foi presentado na mellor aristocracia da cidade e argallou para retratar algúns expoñentes das mellores familias xenovesas (Spínola, Durazzo, Lomellini, Doria, Brignole etc.). O seu inmediato éxito debeuse inicialmente á fama de Rubens, que vivira e traballara moito en Xénova, e do que van Dyck era visto como un novo representante e continuador. Pero van Dyck soubo conformar un novo tipo de retrato, de siluetas estilizadas e expresións severas, que se apartaba do estilo de Rubens.

miniatura|esquerda|200px|Retrato do escultor flamengo François Duquesnoy, 1623. Tras a exitosa experiencia xenovesa, van Dyck partiu en febreiro de 1622 a Roma, onde permaneceu até agosto dese ano e durante boa parte de 1623. Nesta época pintou o seu autorretrato ambientado en San Petersburgo. Acollido favorablemente na Roma pontificia, foi introducido nos mellores ambientes da sociedade; durante a súa segunda permanencia recibiu do cardeal Guido Bentivoglio dous importantes encargos, que consistían na realización dunha Crucifixión e dun retrato de corpo completo do mesmo cardeal. Bentivoglio fora elevado ao cardenalato o ano anterior e era o protector da comunidade flamenga romana, xa que fora nuncio apostólico en Bruxelas desde 1607 até 1614. Ademais do retrato do cardeal Bentivoglio, un dos máis famosos de toda a produción de van Dyck, o novo pintor retratou tamén ao cardeal Maffeo Barberini, que logo foi papa co nome de Urbano VIII.Por desgraza o retrato deste cardeal perdeuse. Deste período son tamén numerosos retratos como os do matrimonio Shirley (Retrato de Lady Teresa Shirley e Retrato de Sir Robert Shirley). A diferenza do mestre Rubens, van Dyck non amaba moito o legado antigo de Grecia e Roma, e prefería estudar aos mestres do século XVI. Testemuño diso é o seu Caderno italiano, diario de esbozos e deseños realizados a partir de grandes obras estudadas durante a súa estadía en Italia. En Roma tivo a oportunidade de observar e copiar as obras mestras dos grandes do Renacemento, que se atopaban principalmente no palacio Ludovisi e na Villa Borghese.

Desde Roma trasladouse a Florencia, onde coñeceu a Lourenzo de Medici, fillo do gran duque de Toscana, Fernando I de Médici, gran apaixonado da arte e xeneroso mecenas. Probablemente pintou un retrato del, que logo houbo de perderse. De camiño a Venecia, detívose en Boloña e en Parma, onde admirou os frescos de Correggio. Chegou finalmente a Venecia, onde pasou o inverno de 1622. Na cidade das lagoas, patria dun dos seus artistas favoritos, Tiziano, foi guiado na visita das grandes obras venecianas polo sobriño de Tiziano, Cesare Vecellio. Anton puido finalmente coroar o seu soño, ver e analizar as obras de Tiziano e de Paolo Veronese: no seu Caderno italiano atópanse deseños de obras de Giorgione, Rafael, Guercino, Aníbal Carracci, Giovanni Bellini, Tintoretto, Leonardo, pero prevalecen as de Tiziano, a quen dedica 200 páxinas.

Foi en Italia onde creou un estilo refinado e elegante que caracterizou a súa obra durante toda a súa vida, así como un tipo de retrato «inmortal» no que os nobres son captados con porte orgulloso e figura esvelta. Este tipo de retrato converteuse en modelo para a pintura occidental, sobre todo en Inglaterra onde Thomas Gainsborough tomouno como fonte de inspiración.

Desde Venecia pasou a Mantua, onde foi introducido na corte dos Gonzaga. Aquí coñeceu a Fernando Gonzaga e a Vincenzo II Gonzaga, que fora protector de Rubens. Coa súa permanencia en Mantua, van Dyck tivo ocasión de ver a colección dos duques antes de que se perdese, vendida entre varios coleccionistas como Carlos I de Inglaterra. En 1623 estivo de novo en Roma, cidade na que rexeitara manter contacto coa asociación local de pintores flamengos, lonxe do estilo académico, que conducían unha vida simple e non de ostentación como a súa.A Schildersbent, 'banda de pintores', constituíuse entre 1621 e 1623: os pintores que formaban parte dela eran na súa maioría paisaxistas e seguidores de Caravaggio. (Bodart, Van Dyck, 1997, p. 18).

miniatura|200px|Retrato de Emanuel Filiberto, príncipe de Savoia, 1624. Gian Pietro Bellori, na súa obra, Le Vite de' pittori scultori e architetti moderni (en galego, A Vida dos pintores, escultores e arquitectos modernos) escribe o seguinte sobre o período romano de van Dyck:

miniatura|Santa Rosalía coroada polos anxos (1624-25). Desde Roma pasou a Xénova, deténdose antes en Milán e en Turín, onde foi recibido polos Savoia.

En Sicilia