Antonio López Díaz, nado en Cabarcos (Barreiros) en 1964 é un xurista galego, especialista en dereito financeiro e reitor da Universidade de Santiago de Compostela dende 2018.
Traxectoria Estudou no seminario de Mondoñedo e rematou o bacharelato no IES San Rosendo de Mondoñedo. Marchou estudar a Santiago de Compostela, onde se licenciou en dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1986 e se doutorou en 1991. Como investigador e docente, desenvolveu a súa carreira na área do dereito financeiro.
Formou parte do equipo reitoral de Darío Villanueva entre 1998 e 2002, ocupándose das áreas de infraestruturas e de coordinación do campus de Santiago. En 2002 abandonou a dirección da USC e tres anos máis tarde, en 2005, foi elixido decano da Facultade de Dereito, cargo en que permaneceu durante tres anos. En 2007 foi elixido conselleiro de Contas polo Parlamento de Galicia e pasou a presidir a institución como conselleiro maior ata 2010, ano en que foi substituído por Luciano Fariña Busto.
En 2013 abandonou o Consello de Contas e reincorporouse á carreira universitaria. Meses despois presentou a súa candidatura a reitor da USC, pero foi derrotado en abril de 2014 polo matemático Juan Viaño por unha estreita marxe. Con todo, volvería postularse para o posto de reitor, obxectivo que logrou ao derrotar a Viaño nas eleccións universitarias de maio de 2018."Antonio López e Manuel Reigosa, novos reitores das universidades de Santiago e Vigo", Praza Pública, 23 de maio de 2018.
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas
Categoría:Nados en Barreiros Categoría:Nados en 1964 Categoría:Profesores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Personalidades do dereito Categoría:Reitores da Universidade de Santiago de Compostela Categoría:Alumnos da Universidade de Santiago de Compostela