miniatura|Manifestación para abolir o traballo dos nenos, Nova York, 1 de maio de 1909. A ética (do grego ēthos, "temperamento", "carácter", "costume") é a parte da filosofía que ten como obxecto de estudo os códigos morais. É a ciencia que estuda a moral. É dicir, a ética reflexiona sobre o comportamento humano, as normas morais, a súa fundamentación, a súa validez, a súa universalidade etc. A ética reflexiona sobre o uso de conceptos como bo, malo, o ben, o mal e responsabilidade e sobre o comportamento humano.

Tradicionalmente, a ética ocupouse de analizar, valorizar e desenvolver estas normas. Hoxe en día asígnaselle un carácter teórico e rexéitase o carácter normativo ou pragmático que tiña.

O comportamento moral das persoas é unha forma de conduta e a ética dá razón del. Para isto, toma como obxecto da súa reflexión a práctica moral da humanidade no seu conxunto. A ética hoxe evita emitir xuízos de valor sobre a práctica moral nas distintas sociedades e épocas, senón que tenta explicar a razón de ser desa diversidade e das mudanzas que se producen.

Etimoloxía

A palabra ética provén do latín ethĭcus, e este do grego antigo ἠθικός transliterado como ēthikós. A forma feminina provén do latín tardío ethĭca, e este do grego ēthikḗ. Segundo algúns autores, débese diferenciar êthos, que significa «carácter», de ethos, que significa «costume», pois «ética» séguese daquel sentido e non é este.

Etimoloxicamente «ética» e «moral» teñen o mesmo significado, xa que a palabra «moral» vén de latín mos que significa «hábito» ou «costume».

Introdución Obxecto da ética A ética xeral establece os criterios para xulgar se unha acción é boa ou mala e para xulgar os motivos e as consecuencias dun acto. A finalidade da ética fai pois dela mesma unha actividade práctica. Non se trata de gañarse un saber para si mesmo, senón de actuar coa conciencia dunha acción social responsable. É considerada actualmente, como a disciplina no fundamento da ética aplicada, da ética individual, da ética social e das diferentes formas de éticas especializadas que nos confrontan os problemas normativos do seu ámbito particular.

Segundo unha corrente «clásica», a ética ten como obxecto os actos que o ser humano realiza de modo consciente e libre (é dicir, aqueles actos sobre os que exerce dalgún modo un control racional). Non se limita só a ver como se realizan eses actos, senón que busca emitir un xuízo sobre estes, que permite determinar se un acto foi eticamente bo ou malo.

A valoración ética dun acto como bo ou malo é diversa da valoración que ese mesmo acto pode ter dende unha perspectiva técnica. Un acto tecnicamente eficaz pode ser eticamente malo, pois a ética non se fixa soamente no cumprimento de obxectivos parciais, mais ten en conta o ben da vida en xeral.

Fernando Savater, no primeiro capítulo do seu libro Ética para Amador («De que vai a ética»), define a ética como «a arte de vivir, o saber vivir, por tanto a arte de discernir o que nos convén (o bo) e o que non nos convén (o malo)».

Iso implica establecer unha distinción entre o que sexa bo e o que sexa malo desde o punto de vista ético, e se o ben e o mal éticos coinciden ou non co que serían o ben e o mal en si.

Ética para os seres humanos

Na natureza, non é posible atopar comportamentos que poidamos cualificar de bos ou malos, xa que os animais non teñen a capacidade de elixir libremente cal será o seu modo de actuar, pois neles o comportamento está case totalmente determinado polos seus instintos. Do estudo do comportamento animal, segundo vén determinado pola natureza, ocúpase a etoloxía. Pero a ética parte de que os humanos temos capacidade de dirixir racionalmente o noso comportamento, segundo obxectivos que valoramos como bos ou malos, e actuar en consecuencia. Os seres humanos somos os únicos que nos preguntamos pola diferenza entre actuar "ben" e actuar "mal", porque posuímos razón e liberdade para decidir conscientemente o que debemos facer. Aínda que isto non signifique, como é lóxico, que poidamos facer todo canto desexariamos facer, pois a nosa liberdade é limitada.

Polo tanto, os seres humanos, porque somos libres para elixir, temos a capacidade de inventar a nosa propia vida. Agora ben, nesta elección podemos atinar ou equivocarnos; a reflexión ética axúdanos, ou procura axudarnos, a orienta-la nosa vida, e tomar esta clase de decisións.

Límites con disciplinas adxacentes

A ética relaciónase coa antropoloxía, co dereito, coa lei, e coas ciencias empíricas que estudan o comportamento humano, como a socioloxía e a psicoloxía. A diferenza destas últimas, a ética non se limita a describir condutas, mais ten unha pretensión normativa, directiva do comportamento.

Un autor define ética do seguinte modo: «Ética (do grego ethika, de ethos, «comportamento», «costume»), principios ou pautas da conduta humana, a miúdo e de forma impropia chamada moral (do latín mores, «costume»)».

A palabra ética provén do grego êthikos («carácter»). Trátase do estudo da moral e das accións humanas para promover os comportamentos desexables. Unha sentenza ética supón a elaboración dun xuízo moral, no que se aplica unha norma xeral de conduta ó caso particular de que se trate. Cando esa sentenza procede do propio axente, que valora a súa conduta, falamos de conciencia moral.

A ética asume que somos responsables do modo en que as nosas accións afectan ós dereitos e o benestar dos outros, e tamén, en parte ó desenvolvemento do propio carácter.

A ética ten así unha necesaria dimensión social e política. Co noso comportamento ético contribuímos máis ou menos a unha convivencia xusta e pacífica.

Por profesión enténdese unha ocupación que se desenvolve co fin de colaborar co benestar dunha sociedade. Para realizar o devandito labor é necesario que o profesional (persoa que exerce a mesma) actúe con responsabilidade, seguindo os requirimentos que a lei vixente expoña para o desenvolvemento desa actividade.

A ética profesional pretende regular as actividades que se realizan no marco dunha profesión. Neste sentido, trátase dunha disciplina que está incluída dentro da ética aplicada xa que fai referencia a unha parte específica da realidade.

Cabe destacar que a ética, a nivel xeral, non é coactiva (non impón sancións legais ou normativas). Con todo, a ética profesional pode estar, en certa forma, nos códigos deontolóxicos que regulan unha actividade profesional. A deontoloxía forma parte do que se coñece como ética normativa e presenta unha serie de principios e regras de cumprimento obrigatorio.

Ética e moral Cómpre aclarar a diferenza entre ética e moral: Ética é unha reflexión sistemática dos temas dos que trata a moral, o xeito en que cada persoa interpreta, individualmente, as normas morais. É dicir, é o xeito en que se cumpre unha norma que está establecida polo mundo exterior, de tal modo que unha persoa é ética se cumpre coas normas morais impostas pola sociedade. Utilízase erroneamente como sinónimo de moral na lingua común. Moral é un conxunto de normas establecidas dende os principios da civilización e transmitidas de xeración en xeración. Son normas que diferencian o “ben” do “mal”.

A diferenza radica en que a persoa que vive en calquera comunidade conta cunha serie de normas morais que segundo a mesma comunidade deben ser respectadas. Pero a ética soporta o pensamento individual de cada persoa, é dicir, que a pesar de que as persoas coñecen as normas morais poden, por algunha razón decidir non respectalas.

As orixes de ambas as dúas verbas, mores (orixe latina de moral) e ēthos (orixe grega de ética), tradúcense como "costume". De aí a confusión na súa utilización. Teorías éticas

Segundo o centro de reflexión, as teorías éticas poden agruparse en catro bloques: Determinadas teorías éticas buscan o fin: ser feliz, ser bo, alcanzar a perfección, salvar a alma. Todas elas expoñen unha serie de normas ou pasos a seguir para conseguir o fin desexado. Exemplos serían o utilitarismo ou os dez mandamentos do cristianismo. Outros fixanse máis nas virtudes: as calidades moralmente desexables ou boas que debe cultivar o ser humano. Platón explicítao bastante claramente. Un exemplo non occidental sería a doutrina de Confucio. Outras teorías céntranse na acción e o deber: xulgan se o que se fai é bo ou non segundo se se adecua ao que lle correspondería facer. Kant é quizais o máximo expoñente desta rama que fundamenta a ética na racionalidade. Outros, aínda, baséanse no estudo dos sentimento s e os afectos. Son, especialmente os que consideran que o fundamento da ética baséase na capacidade de poder sufrir. Un acto sería moralmente bo se axudase a eliminar sufrimento e moralmente malo se aumentase o sufrimento. Os defensores desta corrente emotivista, que arrinca da filosofía de David Hume son tamén os que máis insistirón, partindo da evolucionismo na non separación taxativa entre animais e humanos. Actualmente un dos seus refrentados é o filósofo Peter Singer. (Ver Proxecto Gran Simio e Bioética).

Todos estes sistemas teñen variantes segundo se se considera que a fonte da moral está no mesmo suxeito ou se vén ditada desde fóra ou segundo se se fala de normas e xuízos absolutos ou relativos. Ademais, adóitase distinguir entre a moral individual e a colectiva, a que se debe adoptar para permitir a convivencia (é o que Jean-Jacques Rousseau chamaba "contrato social").

Ramas da ética

A ética subdivídese, á súa vez, en diferentes ramas: Ética normativa

A ética descritiva pon de relevo o que a maioría da xente cre que é correcto ou incorrecto, mentres a ética normativa fai fincapé en describir o que as persoas deberían considerar bo ou malo.

Por outra banda, a clasificación que realiza a ética normativa das accións humanas como adecuadas ou inadecuadas a diferenza da metaética, que estuda a natureza das declaracións moral se, tamén, a diferenza da ética aplicada , a que expón as regras en contextos prácticos e que, polo tanto, ocúpase de campos específicos do comportamento humano e de discutir as respostas debidas #ante estas situacións.

Refírese ao aspecto da ética que ten que ver exclusivamente coa formación e elaboración das normas sociais, pero non co seu seguimento ou cumprimento, porque xa sería o aspecto fáctico da ética.

Diferentes teorías de ética normativa: Os valores morais (axioloxía moral) A boa vida ou felicidade (eudemonoloxía) O deber, as normas morais ou a conduta (deontoloxía) Ética aplicada A ética aplicada constitúe unha das áreas máis prolíficas e actuais da filosofía contemporánea. Os que fan ética aplicada desenvolven o seu traballo en diversas áreas da sociedade onde a ética ten un papel relevante. Traballan en ámbitos como a bioética, a tecnoética, a ética empresarial, a ética ambiental, a ética legal, a enxeñería ética, a ética da comunicación, a ética do ciberespazo etc. Estes e moitos outros ámbitos, onde leva a cabo un intento de tratar con problemas éticos que xorden na vida cotiá, constitúen o obxecto de estudo da ética aplicada.

A noción de ética aplicada podería parecer redundante, xa que a ética mesma é unha filosofía práctica, unha filosofía da acción. Pero co transcurso do tempo, esta filosofía práctica, que Sócrates exerceu no Ágora, foi poñendo cada vez máis énfase nos seus compoñentes teóricos, ata case reducirse nos últimos séculos a unha reflexión sobre os fundamentos das normas.

A ética aplicada ocúpase dunha parcela da realidade, como: Bioética